28.4.08

A sombra descalza na biblio. Visita de An Alfaya.

O pasado Venres 25 de abril visitounos An Alfaya, autora de A sombra descalza. Foi unha visita inesquecible coa biblioteca abarrotada e co club de lectura en primeira liña (algúns dos seus compoñentes viñan traballando na obra e fixeran unha sesión para comentala). An sorprendeunos a todos coa nova de que fora alumna do noso insti e unha das creadoras da nosa revista "O besbello saltón". Mencionou á súa profesora de literatura no insti e entón démoslle nós a sorpresa: aínda traballa aquí. Tras un emotivo encontro, continuou falando: da necesidade da formación de lectores críticos, da importancia das opinións persoais e, como non, do libro. Contounos como naceu o libro a partir dunha anécdota real e lanzounos un reto: a partir desa mesma anécdota construir un relato distinto e despois facerllo chegar a ela. Moitos alumnos aceptaron. A ver que pasa.
O tempo pasou voando. Ó final asinou libros e tivo a amabilidade de posar para as fotos cos do club de lectura.



26.4.08

EXPOSICIÓN: VIAXE Ó MUNDO VERNE. OLIMPIADA DO SABER E LIBRO DO MES

Dende principios de curso vimos planificando esta exposición. A idea xurdiu mentras estabamos facendo a programación do PIN, que tiña como tema a Illa de San Simón. Unha referencia ó capitán Nemo buscando os tesouros de Rande e acendeuse a chispa. A partir de ahí dedicámonos a buscar información e imaxes. Tras unha laboriosa selección acabamos montando os seguintes paneis: Obras mais coñecidas de Verne; Biografía e obra completa; Verne no cine e TV; Os amigos de Verne; Algúns coetáneos ilustres; O xénero da ciencia-ficción e principais autores en época de Verne; Liña do tempo Verne; Verne en Vigo; Ciencia, tecnoloxía e historia nas prediccións de Verne. E, por suposto, O capitán Nemo atracou o Nautilus na nosa biblio, á espera de que remate a expo.


Como tódolos anos, o noso último libro do mes será un clásico asociado á exposición: Viaxe ó centro da Terra.


Asociada á exposición comezamos coa Olimpiada do Saber, que durante catro semanas terá ó alumnado buscando polos paneis a información que necesitan para contestar ás 20 preguntas, os dous xogos Pista a Pista e ós dous Preguntóns da semana. Deixamos para outras fontes de información as dúas aposta semanais coas que terán que rendir ó máximo das súas posibiblidades. 25 equipos participando cubren a diario os paneis desta exposición. Dende a biblioteca esperamos que vos deixen un óco para pararvos a ler.


Velaí unha mostra.



O CAPITÁN NEMO ATRACOU NA BIBLIO

O pasado Venres 18 de abril, o capitán Nemo decidiu instalar o seu gabinete na nosa biblioteca. Nós, en agradecemento, montamos no instituto unha exposición sobre o seu creador, Xulio Verne.

23.4.08

Bieito Ledo no noso Día do Libro

Hoxe, Día do Libro, tivemos a honra de recibir ó editor Bieito Ledo. Organizamos un colóquio con el para os alumnos de 1º de bacharelato e algúns de 2º. Rodeado dunha enorme espectación, axiña se fixo co auditorio. Falounos da historia do libro, da súa confección ó longo da historia, do mundo editorial. Enseñounos as distintas partes dun libro, incluso repartiu uns "pliegos" previos á paxinación final dunha enciclopedia. A continuación, e coa emoción dunha persoa cun público entregado, falounos da importancia da lectura na formación persoal e agasallounos coa lectura dun texto seu que nos entregou en forma de diploma e nos autorizou para reproducilo aquí. No turno de preguntas amosouse, se cabe, máis afable e familiar e ó rematar o acto quedou departindo con algúns de 2º de bacharelato e fotografiouse con eles. Visitou a nosa biblio e a exposición de Verne, da que daremos amplia noticia en breve.

Reproducimos a continuación o texto-agasallo de Bieito Ledo:

Cando nacemos somos un pequeno vulto de arredor de tres quilos e medio, pero chegamos ao mundo onde podemos medrar. E facémolo en dous campos ben diferentes: por fóra e por dentro.
Para medrar por fóra temos que comer varias veces ao día, ter roupa limpa e axeitada, unha vivenda digna, medios de locomoción... ata chegar a ser adultos. E despois? Despois podemos seguir tendo máis cousas que sempre serán extrínsecas, non formarán parte de nós mesmos. Por moitos alimentos que teñamos adoitamos comer tres veces ao día e levar postos un par de zapatos, aínda que teñamos varios.
En cambio medrar por dentro é abrir os ollos, comezar a sorrir, a corresponder aos aloumiños da nai, a comprender as primeiras palabras, a falar, a ler, a escribir... E todo isto ata cando? ... Ata sempre.
Estamos morrendo e aprendendo. Medrar por dentro forma parte intrínseca de nós mesmos.E medramos por dentro a través fundamentalmente das palabras. Os libros sempre foron, son e serán os que máis nos axuden.
O libros son almacéns organizados de palabras para que sigamos medrando por dentro na familia, na escola, na universidade, no traballo, nas relacións sociais...
Galicia precisa investir en capital humano utilizando as palabras, froito de varios séculos de historia e do traballo dun nutrido grupo de especialistas que as foron organizando e estruturando en forma de libros. Que aproveite!

Bieito Ledo





Ruta literaria de Rosalía

A semana pasada os compoñentes do club de lectura realizamos a ruta literaria de Rosalía. Visitamos varios lugares desta ruta e en cada un deles lemos poemas da gran Rosalía. Comezamos o percorrido por Santiago , onde visitamos a tumba na que repousa no Panteón de Galegos Ilustres. Alí lemos os poemas "Adios", de Rosalía e "A Rosalía", de Curros. A continuación fomos a San Xoan de Ortoño, onde ela pasou a súa infancia, e alí, no adro da igrexa, lemos o poema 14 de Cantares Gallegos. Despois visitamos San Xulián de Bastavales, onde Rosalía tivo residencia esporádica na aldea se Soigrexa. Alí lemos "Campanas de Bastavales". Por falta de tempo deixamos atrás o Pazo da Hermida, en Lestrove e continuamos a ruta ata Padrón. Tivemos que conformarnos con ver dende fora o Pazo de Arretén, hoxe vítima dunha reforma, que fora a casa da familia materna de Rosalía, a Casa Grande, como aparece nos seus versos. Alí., diante da entrada lemos o poema "O Pazo de Arretén". Baixamos ata a Casa da Matanza, na que morreu Rosalía en 1885. Tras visitar a Casa Museo, diante dela lemos os poemas "Daquelas...", "¡Follas Novas!", "Unha vez tiven un cravo", "¡Padrón...!¡Padrón!" e o poema 33 de "Cantares Gallegos" (que estaba destinado a ser lido en Lestrove). Por último, unha rápida visita o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, e regresamos.