Amosando publicacións coa etiqueta LIBRO DO MES. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LIBRO DO MES. Amosar todas as publicacións

28.1.10

Cumprimos 3 anos

O 30 de xaneiro de 2007 botou a andar este blog que naceu coa vocación de servizo á comunidade educativa e de difusión da nosa cultura. Ao longo destes tres anos vimos cumprindo, con maior ou menor acerto, unha dobre función: por unha banda, dar a coñecer as nosas actividades, ofrecendo a posibilidade de interactuar con nós a través dos comentarios, e, por outra, poñer a disposición de todos vós unha serie de recursos educativos a través da nosa barra lateral.
Longa está a ser esta andaina dun blog que naceu pequeniño e que medra cada día grazas a vós. Pouco a pouco fómolo enchendo e perfeccionando, incluso unha vez chegamos a ser finalistas do Premio Edublogs.
Aproveitamos para lembrar tamén os blogs que naceron deste: o blog do club de lectura e o do proxecto interdisciplinar, así como os blos dos profesores e profesoras aos que lles picou o gusaniño blogueiro e lles axudamos a crear os seus propios blogs. Agradecidísimos estamos por poder ser útiles. Agradecemos tamén aos blogs das bibliotecas escolares galegas as súas aportacións, a súa paciencia cando tivemos problemas e aí estiveron para botar unha man, e, sobre todo, os seus amigables comentarios.
Lembramos agora, a través deste enlace, a primeira noticia, a do alumbramento, que promocionaba "o libro do mes", unha actividade que segue viva no noso centro, que contribuíu á difusión de moitas lecturas e ao incremento do número de lectores, que foi o primeiro paso para a creación dos clubs de lectura, a implantación da "Hora de Ler" e ao mesmo tempo foi unha actividade pola que se interesaron moitos outros centros.

17.2.09

Libro do mes: Charlie e a fábrica de chocolate


Mozos e mozas de primeiro ciclo da ESO: non perdades a oportunidade de ler este fabuloso libro de Roald Dahl e conseguir máis bibliopuntos. Os bibliopuntos poden servir para gañar o premio deste mes ou para acumulalos e gañar o concurso anual. Non necesitades inscribirvos, só ledes o libro e acudides á biblioteca o día que se vos indique. O libro vaivos gustar, seguro. Ademáis podedes traer as vosas ilustracións sobre este libro, entragádeas na biblioteca no plazo dun mes e unha delas será a gañadora dun premio da biblioteca.

8.12.08

En busca de las voces perdidas. Libro do mes

Xa está aquí o novo libro do mes. Realiza connosco esta viaxe en busca dos símbolos e das palabras. Anímate a participar no concurso máis lonxevo da biblioteca. Le con entusiasmo este conto sobre a necesidade da linguaxe. Unha fermosa fábula ideal para ler nas vacacións de Nadal. Quen será o primeiro/a en conseguir tódolos bibliopuntos postos en xogo?.


Este mes, ademáis retomamos o concurso de ilustracións: podedes presentar unha ilustración sobre o contido do libro. Informádevos na biblio e pedídelle axuda aos profes de plástica. Ao mellor inventades un novo alfabeto...



14.10.08

LIBRO DO MES PARA OUTUBRO E NOVEMBRO

Xa estamos aquí. A cantidade de solicitudes (cerca de 30, máis os/as que non se apuntaron)anímanos a seguir adiante con este veterano concurso da biblioteca. Xa está á vosa disposición na biblio a última aventura de Said e Sheila. A ler, a disfrutar e a lembrar. E se non gañas este mes, será para o próximo. Acumula puntos con cada libro e podes ser o/a campión final.

17.5.08

Letras Galegas 2008

Hoxe Venres 16 celebramos na biblioteca a festa grande das nosas letras, o Día das Letras Galegas. Colaboramos co equipo de normalización lingüística e coa vicedirección na organización deste acto, que consistíu na lectura continuada, durante máis de catro horas, de poesía galega, escollida polos propios lectores que foron o verdadeiro motor desta homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez.
Todos os que fixeron lecturas públicas fixérono voluntariamente e cos textos seleccionados por eles, o que lle conferíu máis valor a este acto. Ademáis estivemos acompañados polo grupo de gaiteiras e gaiteiros que se formou no insti para a ocasión. Con gaitas, pandeiretas, bombo e tambor fixemos un pasarrúas percorrendo o insti nos recreos. Ó remate das lecturas fixemos entrega dos premios dos concursos da biblio e da vicedirección. Rematamos coma sempre, cantando o Himno Galego ó son da gaita.

Nos corredores do insti e na biblioteca tivemos unha exposición de diversos carteis e mensaxes alusivos a este día e ás nosas letras, así como unha exposición da obra de Xosé María Álvarez Blázquez.
LONGA VIDA Á NOSA LINGUA.

Fai clic para deter a imaxe

Mostramos tamén un pequeno vídeo musical. Máis adiante colgaremos outros vídeos.Sentimos moito non poder poñer as fotos de todos, pero é que fostes moitísimos/as. Dende a biblioteca queremos mostrar o noso agradecemento pola colaboración prestada.



7.5.08

ÚLTIMO LIBRO DO MES DESTE CURSO

Ánimo e a participar. Xa sabedes que dende o 21 de abril e coincidindo co inicio da olimpiada do saber, está en marcha a última edición deste curso de "O libro do mes". Como non podía ser doutro xeito, trátase dun libro do autor ó que lle dedicamos a exposición, Xulio Verne. A loita na cabeza da clasificación está que arde.

PICA NO CARTEL PARA PODER LER O LIBRO

26.4.08

EXPOSICIÓN: VIAXE Ó MUNDO VERNE. OLIMPIADA DO SABER E LIBRO DO MES

Dende principios de curso vimos planificando esta exposición. A idea xurdiu mentras estabamos facendo a programación do PIN, que tiña como tema a Illa de San Simón. Unha referencia ó capitán Nemo buscando os tesouros de Rande e acendeuse a chispa. A partir de ahí dedicámonos a buscar información e imaxes. Tras unha laboriosa selección acabamos montando os seguintes paneis: Obras mais coñecidas de Verne; Biografía e obra completa; Verne no cine e TV; Os amigos de Verne; Algúns coetáneos ilustres; O xénero da ciencia-ficción e principais autores en época de Verne; Liña do tempo Verne; Verne en Vigo; Ciencia, tecnoloxía e historia nas prediccións de Verne. E, por suposto, O capitán Nemo atracou o Nautilus na nosa biblio, á espera de que remate a expo.


Como tódolos anos, o noso último libro do mes será un clásico asociado á exposición: Viaxe ó centro da Terra.


Asociada á exposición comezamos coa Olimpiada do Saber, que durante catro semanas terá ó alumnado buscando polos paneis a información que necesitan para contestar ás 20 preguntas, os dous xogos Pista a Pista e ós dous Preguntóns da semana. Deixamos para outras fontes de información as dúas aposta semanais coas que terán que rendir ó máximo das súas posibiblidades. 25 equipos participando cubren a diario os paneis desta exposición. Dende a biblioteca esperamos que vos deixen un óco para pararvos a ler.


Velaí unha mostra.



2.4.08

Domingo Villar na biblioteca

Iniciamos este mes dos libros coa visita de Domingo Villar, autor de Ollos de auga, a novela que foi libro do mes no noso concurso do primeiro trimestre. Domingo é un moi bo comunicador ó que escoitamos con agrado. Contounos o proceso vital que o levou a escribir esta novela e, con moita modestia e humildade, falounos do éxito da obra, traducida a varios idiomas. Deixou para o turno de preguntas o falar da obra mesma, cousa que o alumnado agradeceu, pois así foinos desvelando, a golpe de resposta, aspectos da trama, dos personaxes, da paisaxe, etc., que a todos nos chamaran a atención: a tristura de Leo Caldas, a relación coa súa ex muller, a visión que se ten dos galegos dende fora, os lugares de Vigo ou do Morrazo, os métodos do asasino... Contounos algo do que vai ser o próximo caso de Leo Caldas, que, en palabras do autor, sairá cando estea para saír. Todos os que lemos este libro estámoslle agradecidos a Domingo por esta xornada que abre dun xeito espectacular as actividades deste mes dos libros. Ademáis tivo que botar algún tempo de máis ante a avalancha de libros que tivo que asinar, sendo xeneroso tamén neste aspecto, pois non so asinou, senón que escribiu unhas mensaxes personalizadas en cada un dos libros.
A biblioteca, o club de lectura e as compañeiras de galego Marisa e Carmen agradecemos de volta este día de festa para as nosas letras.



1.4.08

Sesión do club de Lectura: Ollos de auga

Onte celebramos unha reunión do club de lectura en torno á novela Ollos de auga, de Domingo Villar. Quixemos revisar esta obra, que xa foi o noso libro do mes no primeiro trimestre, neste momento e non entón porque estivemos esperando a que o autor puidese facernos unha visita. Ese momento xa chegou e mañán mesmo estará no noso centro.
Aproveitamos esta reunión para preparar esta visita e cruzar impresións acerca da obra: falamos das características da obra dentro do seu xénero (aquí tiñamos a experiencia adquirida coa preparación da exposición sobre Novela Negra do curso pasado), dos personaxes, do método empregado polo asasino/a (non imos descubrir se é home ou muller), das semellanzas entre Leo Caldas e outros detectives e, sobre todo, falamos de lugares de Vigo e o Morrazo, tan presentes que parecen un protagonista máis. Despois da visita do autor seguiremos contando.
Tamén ultimamos os detalles da que será a nosa primeira rota literaria, que realizaremos na vindeira semana e da que xa falaremos.



25.3.08

O NENO DO PIXAMA A RAIAS: LIBRO DO MES

Xa está en marcha, xa circula polo centro o libro máis esperado do ano: O neno do pixama a raias. Sabemos que sodes moitos os que xa levastes o libro nesta Semana santa, tanto en galego coma en castelán, así que animádevos a participar no concurso que organiza a biblio e a deixarnos a vosa opinión na sección "comentarios". Os que xa tiñades mercado e lido o libro dádelle un repasiño de cara ó concurso.

13.3.08

O neno do pixama a raias: Actividades para a comprensión do libro do mes

Para poñer en situación o alumnado máis novo que vai ler este libro, fixemos no salón de actos unha presentación sobre o momento histórico e as circunstancias que rodean ós feitos narrados no libro. Utilizamos unha das presentacións realizadas fai dous anos por unha alumna de 4º de ESO sobre Ana Frank xunto cun traballo esquemático sobre a historia de Alemaña realizado polo club de lectura. Este último traballo completárono cun sobre os campos de concentración que atoparon na rede publicado por http://luisvia.org. Mostramos aquí a versión ISSUU destas presentacións.





7.2.08

Libro do mes de Febreiro 2008

Xa está aquí a nova obra para o concurso máis esperado. O libro deste mes será Noite de voraces sombras, de Agustín Fernandez Paz. Animádevos a participar no noso concurso. Outros compañeiros e compañeiras xa conseguiron o seu premio. E ti, a que esperas?










7.12.07

Libro do mes de Decembro-Xaneiro

Xa está na biblioteca o novo libro para o concurso "Libro do mes", aberto a todos os cursos. Con EIDOLON de Jane Johnson entrarás a formar parte dun mundo máxico. Le este libro e participa no noso concurso. Deixa os teus comentarios e opinións desta lectura.





15.10.07

LIBRO DO MES DE OUTUBRO

Xa está aquí o primeiro libro do concurso deste ano.

OLLOS DE AUGA, de Domingo Villar.

Este curso poden participar lectores/as de 1º, 2º e 3º de ESO. Para os demáis reservámos un espazo no noso club de lectura. Unicamente hai que ler o libro e presentarse ós dez minutos de concurso que haberá no próximo mes. Acumulade puntos grazas ás vosas lecturas. Aqui vai o cartel da convocatoria. Non vos esquezades de deixarnos os vosos comentarios.

7.5.07

Libro do mes: O can dos Baskerville

Para este último mes de concurso, decidimos que o libro do mes sexa o mesmo que o libro do trimestre que se oferta para o club de lectura. O can dos Baskerville, de Arthur Conan Doyle é o noso libro de referencia neste tramo do curso, aproveitando que temos o mes de Maio adicado á novela negra.

PINCHA AQUÍ E LE AS OBRAS

Participade no club de lectura deixando os vosos comentarios no blog

5.3.07

Libro do mes (Marzo-Abril)

Xa está en marcha o novo libro do mes: La Tuneladora
Podes participar no concurso a finais de Abril, ou simplemente facernos un comentario sobre a lectura.
Se che gusta o debuxo, tamén podes participar no concurso de ilustracións sobre o libro.

30.1.07

Libro do mes para 1º ciclo da ESO

O libro do mes de Xaneiro para primeiro ciclo da ESO é "Perigo Vexetal" de Ramón Caride.