No Día da Paz celebramos no instituto a tradicional sesión de vídeos para o alumnado de 1º de ESO. En dúas sesións asistiron ao salón de actos para a curta "Pigeon impossible" e uns vídeos con karaoke realizados polo equipo de biblioteca ao longo destes últimos anos. Os vídeos, feitos con imaxes propias e de internet, incluían entre as imaxes diversas recomendacións de lectura.
Ademais, realizouse un cartel con recomendacións de lectura sobre o tema , que se distribuíu por todo o centro e se enviou por correo ao profesorado.
Pero tamén quixemos que o profesorado que nestes día trata o tema nas aulas tivese a oportunidade de amplialo, para o que fixemos unha exposición con recortes de prensa, tratando de recoller os múltiples factores que provocan que a palabra Paz estea a ser reivindicada continuamente. Acompañamos a expo coa elaboración e distribución dun cuestionario de traballo.