20.11.12

Semana da ciencia en galego

Do cinco ao nove deste mes celebramos a Semana da Ciencia en Galego. Os departamentos de Ciencias Naturais, Física e Plástica, en colaboración coa biblioteca organizaron polos corredores do instituto uns laboratorios de ciencias aos que asistiron distintos grupos de todos os niveis para poñer en práctica diversos experimentos: volcáns, ovos dentro de botellas, ovos saltaríns, uvas pasas e outros ingredientes formaron parte destes experimentos que o alumnado acolleu con entusiasmo e responsabilidade. Os departamentos prepararon os murais onde se explicaban os pasos a seguir para levar a cabo os experimentos que despois o alumnado foi poñendo en práctica. Nalgunhas das sesións, o alumnado de cursos superiores explicaba os experimentos aos máis pequenos.
O departamento de Plástica realizou unha busca documental na biblioteca sobre a figura de Leonardo Da Vinci e a partir de aí elaboraron debuxos de algúns prototipos do xenial artista. Desde as aulas de tecnoloxía colaboraron cunha investigación sobre a calculadora de Ramón Verea.
Rematou a semana cunha conferencia para os bacharelatos de ciencias, As tecnoloxías do ADN aplicadas á pesca e á acuicultura, a cargo do ex vicerrector de investigación da USC e catedrático de bioloxía molecular, Manuel Rey Méndez.