Amosando publicacións coa etiqueta Día da Muller Traballadora. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Muller Traballadora. Amosar todas as publicacións

30.3.17

Mulleres que foron exemplo



Outra actividade, para conmemorar o Día da Muller Traballadora, foi encher os corredores do instituto con frases, que recollían pensamentos salientables, de mulleres da historia que traballaron pola igualdade e dignidade en diferentes ámbitos científicos, literarios, culturais...


Recuperamos tamén o estupendo traballo sobre as persoaxes femininas na literatura, realizado polo Departamento de Normalización Lingüística, e o expuxemos na entrada do instituto.

15.3.17

Día Internacional da Muler Traballadora/ Dorna



O mércores 8 de marzo e para conmemorar o DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES, o alumnado de 4ºESOº asistiu a unha charla na biblioteca organizada polo ROTEIRO POR COIA. Na charla Margarita Yáñez   e Aurita González, do colectivo feminista do barrio de Coia DORNA, compartiron co alumnado as súas vivencias en torno a o traballo feminino no sector das conservas. Un traballo sempre precario, mal pagado, sin opciones de ascenso nin formación profesional, considerado coma un complemento nas economías familiares.
Tamén contamos coa aportación de Mariña López, directora do museo da conserva ANFACO, que deu inicio á charla dende unha perspectiva histórica, facendo fincapé na idea de que o éxito deste sector en Galicia- foi o sector que inicio a industralización da nosa comunidade e é o sector punteiro de toda Europa- débese a o bo facer das traballadoras femeninas e as súas precarias condicións laborais.

Este encontro tivo unha gran carga emocional sobre todo cando Margarita  relatou como tivo que deixar os estudos para comezar a traballar con 12 anos na conserveira de Rivas e animou ao alumnado a valorar as oportunidades que teñen na actualidade. 
Para rematar imos reproducir eiquí o poema que leu María, unha alumna de 4º ESO para homenaxear a todas as mulleres loitadoras polos dereitos para acadar unha sociedade máis xusta. 


Deixamos o poema que unha aumna leu para comezar este acto:


          Elijo el sí como respuesta, 
          la afirmación frente a la negación,
          el "adelante" antes que el  "no puedo".

          Aprender a verle el lado bueno al cero,
         sumarle puntos a la vida sonriendo.

         Bailar
         y bailar
         y bailar, incluso cuando siento que no puedo.

         Elijo vivir,
         aún sabiendo que la caída 
         es la única técnica de aprendizaje.

         Elijo el amor
         el beso,
         el abrazo,
         amar cada pedazo de la persona a quien me debo.

         Elijo enredarme en mi propio pelo,
         aprenderme de memoria
         y descubrirme un poco más en cada día nuevo.

         Elijo el amanecer,
         el nuevo comienzo.

         Crecer,
         perder,
         permanecer
         y seguir sonriendo.

         Sigo poniendo por mí las manos en el fuego,
         los que no creían en mi 
         ya les he ido sorprendiendo.

         Estoy orgullosa de mí,
         y no tengo por qué esconderlo.

        Elijo equivocarme,
        una y otra vez,
        seguir aprendiendo.

         Elijo las cosquillas para que me ría,
         el golpe en las costillas
        y la vida en su sentido más pleno.

        Elijo vivir,
        no me culpen por ello.

                                             LORETO SESMA, Amor revólver





8.4.16

Enfermidade e dereito a vida

Dentro das actividades do Día Internacional da Muller, a activista e avogada Beatriz Figueroa impartiu unha charla ao alumnado de 4º da ESO do noso centro na que relatou a súa batalla defendendo os dereitos laborais dos enfermos de cancro. A súa loita para  conseguir protección socio-económica para os enfermos de cancro é un exemplo de muller comprometida e unha boa maneira de conmemorar o Día Internacional de Muller.

13.3.16

"Las Sinsombrero"

Para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller a biblioteca quixo facer unha pequena homenaxe  ás mulleres esquecidas do Grupo do 27: pintoras, poetas, novelistas, ilustradoras, escultoras e pensadoras, de inmenso talento que non só gozaron no seu tempo de éxito nacional e internacional, senón que a través da súa arte e activismo desafiaron e cambiaron as normas sociais e culturais da España dos anos 20 e 30.


Recollemos información do proxecto "Las Sinsombrero"



8.3.10

Bata por fóra, muller por dentro

Para celebrar o día Internacional da Muller Traballadora , este ano contamos cun vídeo dunha creadora viguesa, Claudia Brenlla, que se titula “Bata por fóra, muller por dentro”. A nosa compañeira Chis tróuxoo ao centro e propuxo actividades para traballalo na aula, así como as ideas para a performance de hoxe. O vídeo é moi interesante, creativo e divertido . É en realidade unha homenaxe ás mulleres que traballan as súas casas, coidan dos pequenos e maiores, cultivan as leiras, mariscan, limpan as tumbas dos seus difuntos, etc, ataviadas moi a miúdo con esas batas. Batas con ou sen mangas, con botóns ou cinto, abotoadas diante ou detrás, case sempre de cadros, pero tamén de raias, flores ou lunares. Batas coas que protexen a súa roupa ou coas que se gardan do frío. Batas que din: "vou traballar" (e que se poñen a primeira hora da mañá e se quitan ben entrada a noite). E por suposto, batas coas que realizan un traballo que non coñece o que son as vacacións, xubilacións, pagas, pensións, nin ningún tipo recompensa e, sobre todo, admiración.
Alumn@s de diferentes cursos estiveron traballando sobre este vídeo: analizárono e escribiron poemas, microrrelatos e outros textos (que estaán expostos nos taboleiros da planta baixa do instituto). Ademais temos a "exposición" das batas no vestíbulo, que o enche de cor todos estes días e nos recorda moitas cousas, ademais das nosas antepasadas ("a miña avoa ten unha desas", comentoume un alumno estes días, "miña nai un feixe delas", dixo outra rapaza). Moita bata.
A celebración de hoxe luns no insti: virá a directora do vídeo a falar cos alumn@s de varios cursos que o traballaron. E a última hora, no patio, realizarase unha performance ( asistirán @s alumn@s de 2º e 4º de ESO, varios cursos de 1º e un de 2º de Bach, un 3º e un 1º de ESO) que consistirá no seguinte: primeiro faremos unha pequena introdución e leremos algúns dos textos escritos polos rapaces e rapazas, e logo os alumn@s dos diferentes cursos irán colocando as batas coas que previamente se fixeron sobre a silueta dunha bata xigante debuxada con xiz no chan. Desta maneira montarase unha bata pachtword xigante. @s alumn@s de tecnoloxía gravarán todo esto e montarán un vídeo.
Quince profesores/as de varios departamentos e uns trescentos alumnos/as veñen traballando na aula dende fai días, baixo a coordinación de Chis. Un proxecto interdisciplinar que no que teñen cabida as TIC, as matemáticas, as linguas, a filosofía, historia, cidadanía, música (tamén participa o alumnado do conservatorio). Un proxecto que foi agrandándose pouco a pouco ata o punto de que onte saímos en TVE (España directo), a coordinadora foi entrevistada na Cadena SER e hoxe, Luns, non deixaron de vir cámaras de distintas televisións e saímos na prensa.
Teremos que esperar uns días para poñer un post con todos os traballos feitos polo alumnado, as fotos de todos os eventos e os vídeos realizados nas clases.
De momento deixamos aquí o enlace á noticia do Faro de Vigo e o vídeo de TVE (debedes ir ata o minuto 21,10 aprox.)
Infórmannos tamén dende La educación sentimental que aparece a noticia en La voz de galicia.

2.3.10

É que as mulleres non "pintan" nada?

Facemos hoxe esta proposta de traballo para a materia de Plástica, para o segundo ciclo da ESO. Trátase dunha Webquest sobre as mulleres pintoras. O traballo foi elaborado por Bea, seguindo na liña da exposición sobre mulleres pintoras que fixemos no curso pasado. Podedes consultar a webquest neste enlace ou ben indo ao apartado WEBQUEST da barra lateral.

14.3.09

Mulleres que puxeron música e cor no mundo

Ese é o título da exposición coa que iniciamos o pasado luns día 9 os actos adicados á Muller. Trátase dun proxecto ALFIN levado a cabo polos departamentos de música, plástica e biblioteca. O alumnado de bacharelato buscou e seleccionou a información e despois elaborou as láminas que foron colocando en paneis ao longo da semana. Realizouse unha selección representativa de mulleres compositoras e pintoras ao longo da historia. Na presentación deixámosvos algunhas fotos da exposición, que colgaremos completa no blog en formato libro dixital.

As presentación de Rockyou deixaron de funcionar, polo que deixamos o enlace ao PDF da exposición

8.3.09

As mulleres da literatura española.

Grazas a trafegando ronseis chéganos, un ano máis, este interesante traballo sobre as mulleres da literatura española, que ven a completar o públicado o ano pasado. Reproducimos o texto desa entrada:
Hai un ano falabamos da historia das mulleres que escribiron ao longo da historia e que apenas coñecemos, se é que algo nos poden soar os seus nomes. Recollemos a presentación do ano pasado e realizamos unha nova, de xeito que abranguemos toda a historia da literatura española até o século XX, non incluído.Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.

No século XIX a muller érguese para realizar o seu destino, a súa vida e a súa morte. Que as mulleres escriban -ben ou mal, importa menos- e que o fagan para publicar no século XIX é un paso, unha revolución sen volta atrás. Coller a pluma era coller a espada, contra todo. Escribir delataba vida intelixente, vida pensante inexpresada durante séculos: unha non historia que agora comeza a se converter en historia.

PARA VER AS PRESENTACIÓNS PICA NESTE ENLACE

7.3.09

Día Internacional da Muller. Haberá futuro.

No noso instituto imos celebrar con diversos actos, impulsados pola biblioteca e a vicedirección, o Día Internacional da Muller. Cada un deles terá a súa propia entrada no blog. O luns 9 colocaremos polos corredores a exposición "As mulleres na arte e na música", un proxecto documental que implicou á biblioteca e aos departamentos de música e plástica. O martes teremos o concerto de Tradurbán, a banda integrada polos mestres da Fundación Sondeseu, con Rodrigo Romaní á cabeza. O xoves realizaremos na biblioteca un recital de poesía a cargo da autora Asun Estévez e dos integrantes do club de lectura. Asun Estévez, que vén de publicar o poemario Pel de muller, é unha muller loitadora, secretaria da asociación ADICAM (Asociación de Mulleres Diagnosticadas de Cancro de Mama) que, despois de sufrir unha grave enfermidade, escribiu uns poemas cheos de vida. O seu recital estará acompañado por música de piano e será gravado pola TV Española.
No noso centro cremos que é necesario celebrar estas e outras efemérides, en contra do que opinan algunhas voces críticas, sobre todo ultimamente. E por primeira vez, e vendo algúns feitos que están a suceder, utilizarei este blog para dar unha opinión persoal:
A realidade é que hai máis mulleres ca homes, que son elas as que rematan máis carreiras universitarias, que na empresa privada fan os mesmos traballos cobrando menos, que se lles poñen trabas nos traballos (soldos discriminatorios, despidos por embarazo, acosos...), que os "machitos", aínda por riba, lles esixen ter as camisas alisadas, as camas feitas, etc., etc., etc... E XA ESTÁ BEN.
En que país estamos a vivir? Fanse discursos demagóxicos para ir en contra das cotas nos órganos de goberno ("Que se queremos ao mellor médico ou ao mellor xuíz... sen importar se é home ou muller"). Oxalá non fosen necesarias as cotas! Pero o caso é que ese tipo de discurso penetra entre a poboación, SENDO FALSO NA SÚA BASE. En primeiro lugar porque hai tantas ou máis mulleres preparadas para gobernar coma homes. En segundo lugar porque se non as houbo antes foi porque ata hai pouco a SOCIEDADE e a lei impedían vilmente o acceso da muller aos estudos e o traballo, establecendo uns roles absolutamente discriminatorios e indignos na sociedade actual. En terceiro lugar porque os gobernos non só han de ser bos, senón que han de dar exemplo á cidadanía, que ten que observar e APRENDER que é igual o sexo co que se fan as cousas, o vestido ou o smoking que se leva posto, a cor da pel... (a sociedade americana, tan deostada ás veces por outras cousas, poderíanos dar unhas leccións acerca disto).
É necesario camiñar cara a un futuro no que poidamos deixar de comentar ese tipo de aspectos. Os gobernos son un espello, ao igual que o debemos ser os docentes. As discriminacións positivas son necesarias para que algún día deixen de selo. Cada quen pode facer da súa capa un saio, pero gobernar non é só dar leis: é levar o temón no rumbo correcto e non perder norte, un norte que aínda non temos acadado.

10.3.08

Marta Larralde no insti

A semana pasada tivemos unha visita inesperada na nosa biblioteca. Unha ex alumna moi especial veu facernos unha visita a algúns profes e tivo que vir pola biblio. Trátase da nosa querida Marta Larralde, que a pesares de ser tan famosa non se esquece de nós e dixo que sintía unha especial emoción ó voltar polo insti. Andaba a rodar por Vigo para unha serie documental de Antón Reixa, onde unha persoa do mundo cultural fai un percorrido pola súa cidade. Nós tamén sentimos a emoción de ver que esta rapaza do barrio de Coia non esquece as súas raíces e ós seus mestres. Quedamos con ela para que máis adiande veña a falarnos de cine e teatro ó insti.
Aproveitando esta semana da Muller, nós tamén queremos rendirlle homenaxe a esta muller do barrio que se está ganando a pulso un óco no mundo do cine e a televisión, e aínda por riba é agradecida. Marta sempre loitou polo que lle gustaba, e só dous anos despois de saír do instituto xa protagonizou Lena de Gonzalo Tapia, pola que recibiu o premio á Mellor Actriz no festival de Tudela e o premio chano Piñeiro á Mellor Actriz. No 2002 traballou como auxiliar de dirección en Os luns ao sol, de Fernando León de Aranoa, e no 2003 en Descongélate, de Félix Sabroso e Dunia Ayaso.

Como guionista firma as curtametraxes ¡Ah, eres tu! e Ni de tu Sombra, así como o documental Un mar de recuerdos. En teatro traballou ás ordes de Manuel Camba en El zoológico de cristal, ás de Malé González en Aquelarre e foi dirixida por Marta Álvarez en El color de Agosto.


Despois de participar en O Lapis do carpinteiro de Antón Reixa e Una preciosa puesta de sol, de Antonio del Amo, no ano 2004 acada un dos seus maiores éxitos, varios premios nacionais e internacionais (Toulousse, Tallin, Karlovy Vary, Festival Internacional de Ourense e Mestre Mateo do Audiovisual Galego) como Mellor Actriz polo seu papel de Olvido en León y Olvido de Xavier Bermúdez. A partir de ahí moitas pelis: Mar Adentro, de Amenábar; Interior (noche) de Miguel Ángel Cárcamo; La velocidad funda el olvido, de Marcelo Schapces; El penalti más largo del mundo, de Roberto Santiago; Viure de mentides (para TV) de Jorge Algora; Días azules, de Miguel Santesmaces, pola que estivo nominada ó Mestre Mateo como mellor actriz secundaria; Hotel Tívoli, de Antón Reixa; Contar de memoria, de Marcelo Schapces e Dos miradas, de Sergio Candel.
Tamén participou en varias curtametraxes e series de televisión, destacando a súa aparición en Un paso adelante e a súa interpretación de Luna nunha temporada de Hospital central.


Desexamos que a carreira desta nosa actriz siga vento en popa.

Esperamos volver a verte axiña, Marta.

8.3.08

8 de Marzo: Día da muller

¿Ata cando?

Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.

Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.

Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.

Botan a mañá traballando nas leiras.

Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.

Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.

Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.

Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.

Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.

¿por canto tempo, aínda balbinas?

A Muller Galega do Século XXI
(Clica na imaxe para ver o álbum)


A Muller Galega de principios do Século XX



Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

7.3.08

IMOS CONTAR MENTIRAS!!!

Imos contar mentiras...
Ou non.

Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Textos e debuxos do 1º vídeo

6.3.08

Rita Levi-Montalcini: Loitadora pola Igualdade.

Rita Levi-Montalcini unha muller a quen a opresión de todo tipo acompañou ao longo da maior parte da súa vida. Non só pola súa decisión de ser científica, algo inconcebible na sociedade italiana de principios do século XX, senón tamén pola súa pertenza a unha familia liberal e xudea que fixeron da súa vida en aqueles anos un inferno continuo.


Rita Levi-Montalcini, un admirable exemplo de solidariedade e de loita pola igualdade

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Mulleres e arte


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.


A Muller na Literatura Española ata o S. XIX

Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

5.3.08

10 Mulleres de Cine no Século XXI

O cabo dalgúns anos quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que votar mán do cine.

Hoxe, anticípándonos aos acontecementos, propoñemos: dez miradas ao mundo fiminino a través de dez historias que nos mostran diferentes etapas das súas vidas.

Empezaremos por ver a aquelas que se incorporan o mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en La pequeña Lola.

Votaremos unha ollada a aquelas nenas que difrutan unha infancia chea de comodidades e o mesmo tempo chea de histerismo, falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu contorno e iso e o que fan en Quiero ser como Beckhamn.

E seguindo co inevitable e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos a ruptura de tópicos que nos amosan en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude: toca a vivir, e se non se dan as cousas como se soñaron e preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo e iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder cambialos, pero tratan de deixarnos un mundo mellor , como a protagonista de Mi vida sin mí.

En cualquera caso , a consigna e vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non cambian e os violentos
inimigos da convivencia e a igualdade fan das súas en
Te doy mis ojos.


Pero como dicía unha consigna: podedes arrincar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera. Vemos isto no mundo que se inventa a granxeira de La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo. Que se ben non nos mostra un gran exemplo de vida si nos invita a una profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como nuns poucos anos convírtense en documentos de vida deste 2008.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

4.3.08

Maruja Mallo: A Gran Transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.


A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.