Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca solidaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca solidaria. Amosar todas as publicacións

10.4.17

Charla de APAMP e ASPANAEX


Seguindo co noso propósito de facer deste lugar unha biblioteca solidaria, acollimos a asociación APAMP e ASPANAEX.



Nas charlas  destas asociacións, adicadas ao coidado e a mellora da calidade de vida de persoas con discapacidade intelectual e parálisis cerebral, contáronnos o seu día a día e concienciaron ao alumnado de 1º bacharelato e 3º ESO sobre a importancia e necesidade da integración.


1.2.17

Día Escolar pola Paz

O venres 3 de febreiro celebramos o Día da Paz. Cos cursos da ESO realizamos unha actividade na biblioteca durante as dúas últimas horas da mañá. Este curso tentamos facer unha reflexión arredor das persoas refuxiadas e dos dramas vividos nas travesías polo Mediterráneo.

Simulamos unha viaxe de noite, nun dingui, amoreados, para rematar cun pequeno vídeo de presentación do documental ASTRAL, emitido no programa “Salvados”. Finalmente pedimos a cada un dos rapaces que escribisen as súas impresións que posteriormente expuxemos  na corcheira da entrada do centro.

Por outra banda, solicitamos ao profesorado  que comentasen co seu alumnado, nas clases de titoría, a experiencia , en especial facendo fincapé na iniciativa do colectivo Proactiva Open Arms proactivaopenarms.org, protagonista do documental, como exemplo de como a cidadanía, con vontade , pode facer moito para vivir nun mundo mellor.



Día da Paz by Slidely Slideshow

22.12.16

Mercadillo solidario

Como o curso pasado, o alumnado de 1º Bacharelato do IES Alexandre Bóveda organizou un Mercadillo Solidario de Nadal durante a derradeira semana do trimestre. 

A actividade foi o resultado do traballo sobre Comercio Xusto, entre outros temas, que se desenvolveu nas clases de Ciencias Sociais con Ana Álvarez e a colaboración de Luz Valencia. 

Durante os dous recreos de luns a mércores  grupos de alumnos e alumnas turnáronse para atender o posto con productos de Comercio Xusto de OXFAM, básicamente artesanía e alimentación. A participación foi moi alta. Toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, personal de conserxería e mesmo nais e pais, que viñan á titoría,  participou con entusiasmo, chegando a desbordar as expectativas máis optimistas.


Nas contas finais, acadamos un total de arredor de 650 euros, o mesmo que o curso pasado, un resultado estupendo tendo en conta que este ano só abrimos tres días e non cinco. Pódese considerar un éxito que nos anima aínda máis a repetir a experiencia en cursos vindeiros.

18.12.16

Actividade sobre refuxiados – OXFAM Intermon




O día 15 de decembro organizamos no IES Alexandre Bóveda unha actividade conxunta entre o Departamento de Historia (Ana Álvarez) e OXFAM Intermon (Cristina Pereiro, Ana Alonso y Luz Valencia) para incidir no tema dos refuxiados, un tema co que levan traballando na clase de historia todo este trimestre.

A actividade desenvolveuse con dous grupos de 1º BAC. Foi presentada como unha actividade de “xogo de rol”, para o que se pediron sete voluntarios/as. A cada un  dos cinco primeiros asignouselle unha personalidade e un punto de vista de partida. Á hora da comida familiar, pai, nai, fillo e avoa teñen que reaccionar ante a proposta da filla: acoller a unha familia de refuxiados sirios durante un ano na casa da praia que apenas usan. Cada un dos “actores/actrices” foi desenvolvendo os argumentos que consideraron adecuados para xustificar a súa postura inicial. Os outros dos voluntarios actuaron como testemuñas, tomando nota dos argumentos máis importantes e facendo un resumo ao final da discusión.

Logo abreuse un debate moi animado co resto do alumnado, no que participaron respostando ás preguntas das profes, que aportaban datos e propoñían novos puntos de vista e de reflexión. Os alumnos e alumnas participaron moito, falando de experiencias persoais, expresando opinións propias e tamén recollidas no ámbito familiar, escolar, etc.

A actividade rematou coa elaboración dun “muro” onde quedaron colgadas as reflexións persoais recollidas en frases breves. 

Este tipo de actividade ten a particularidade que non se limita a ofrecer unha soa visión do tema, senón que nos aproxima á unha situación máis real e permite unha participación moito máis aberta. Era a primeira vez que as compañeiras de OXFAM Intermon a poñían en práctica e podemos dicir que o resultado foi moi ben valorado por todos os participantes. Haberá que repetila!

28.11.16

Día Contra a Violencia de Xénero


O venres 25 de novembro o noso instituto participou co alumnado de 4ºESO no ENLAZA VIGO, a iniciativa contra a violencia de xénero desenvolvida pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.



A Biblioteca, a partir desta iniciativa, realizou unha serie de propostas, para as que pedimos a colaboración do profesorado:


Coa intención de que o profesorado traballara o tema co seu alumnado, facilitou unha fotocopia con información e diferentes recursos sobre o tema “OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO”.



Nas novelas da biblioteca, en que está presente o “amor romántico” colocamos un díptico informativo sobre os 8 mitos propostos pola Concellería.

Entregamos unha pulseira violeta a cada membro da  comunidade educativa. 


Visibilizamos esta reflexión cunhas siluetas que prestou o concello e que expuxemos no vestíbulo do instituto.