26.12.12

Exposición de textos con instrucións

Co alumnado de 3º de ESO, nas clases de galego traballouse a elaboración de textos instrutivos, descritivos, de explicación de nomes... En todos os casos pedíaselle ao alumnado que presentase o texto de forma artística. Acolleron a proposta con entusiasmo e botáronlle, nalgúns casos, imaxinación, de tal xeito que realizamos con eles unha exposición.

Exposición celular.

Durante este trimestre, o departamento de bioloxía ven realizando unha serie de actividades de reforzo dos coñecementos teóricos. Nesta ocasión, o lumnado de 3ºA, 4ºA e 4ºB esmeráronse na elaboración de maquetas de Células Eucarióticas, traballadas con diversos materiais: plastilina, cartón, porespán, xeso, tea, cola, etc... Ademais de afondar nos coñecementos, buscouse mediante este traballo o fomento do traballo en grupo e a interdisciplinariedade co departamento de tecnoloxía. Con todas estas células fíxose unha exposición durante as dúas últimas semanas do trimestre.

16.12.12

Día dos Dereitos Humanos e O neno can

O día 10 de Decembro parte do equipo de biblioteca estabamos en Madrid recollendo, por fin, o 3º Premio Nacional de Boas Prácticas en Bibliotecas Escolares. Pero no centro deixamos todo listo para traballar, polo menos con parte do alumnado, os Dereitos Humanos. Durante o trimestre, o alumnado de 2º de ESO estivo traballando nas aulas o libro "O neno can", escrito a catro mans por Fina Casalderrey e Francisco Castro. Este último visitou ao alumnado no día 10, e en dúas sesións falouse dos dereitos reflectidos no libro. En cada sesión, o autor foi presentado por dous alumnos. Tamén lle deron a coñecer o traballo realizado nas aulas, nin máis nin menos que a continuación de algúns dos contos. Francisco acolleu moi ben a idea e deu conformidade para publicalos no blog, cousa que facemos no Calameò ao final desta entrada. O alumnado estivo moi participativo e moi concienciado. Ao final, unha morea de libros para asinar.

11.12.12

Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Seguindo a tradición, para esta data preparamos varias actividades. No propio día 25 realizamos sesións de vídeo no salón de actos, co alumnado de 1º e 2º de ESO. Trátase de vídeos para concienciar sobre este problema, que inclúen cancións e recomendacións e recensións de libros. Aproveitamos videos que tiñamos realizados en anos anteriores con algunha novidadee como a canción "Lo que Ana ve", realizado con algunhas imaxes de traballos feitos polo alumnado. Desde a biblioteca convocouse un concurso de marcapáxinas con lema, que tivo unha participación aceptable. Dous dos marcapáxinas foron seleccionados para facer unha tirada e usarémolos na biblioteca durante este curso. Desde as clases de plástica, a iniciativa de Víctor, propúxose a confección dunha manta, de tal xeito que alumnado e profesorado, provistos de fío e agulla, foron cosendo esta manta solidaria, símbolo da igualdade.