Amosando publicacións coa etiqueta conferencias.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conferencias.. Amosar todas as publicacións

12.2.15

Faladoiro - Roteiro polo barrio de Coia

O pasado martes, ao longo das dúas últimas horas, o alumnado de 1º de Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais participou no faladoiro organizado polo "Roteiro polo barrio de Coia". 

Pura, unha veciña de 90 anos, que tivo no Turreiro unha tenda das de sempre;  Ángel, veciño de toda a vida de Coia; Margatita e Aurita, representantes da Asociación feminista Dorna, ligada ao movemento veciñal, reuníronse na bibioteca  para falar do barrio coa intención de tirar os muros que separan a nova e antiga veciñanza. Pura e Ángel expicaron o trauma que supuxo a desaparición da vela  aldea de  Coia coa incorporación do polígono de vivendad e os novos veciños;  pola súa banda, estes novos veciños describiron a súa chegada a un espazo sen servizos e a súa loita ata conseguir  o barrio actual.

Despois de comentar as súas vivenzas e relexionar sobre os muros que os separan,  determinaron derrubar eses muros e traballar xuntos na procura dun Centro Cultural, lugar de reunión e comunicación.

20.4.13

Encontro con yashmina shawki. Por unhas olivas.



O pasado 12 de abril, visitou a nosa biblioteca a polifacética historiadora galega de orixe kurda, Yashmina Shawki. A charla estivo dirixida fundamentalmente ao alumnado de antropoloxía e ética e historia. Parte do alumnado tivera ocasión de coñecer o seu libro "Fundación Libélula". 
Ofreceunos unha visión histórica dun tema traballado previamente nas clases, o conflito entre Israel e Palestina, de aí o título da conferencia, "Por unas aceitunas". Pero mellor, para saber como transcorreu a xornada, podedes ler esta ampla recensión que nos fixo Carmen Pérez Varcárcel, alumna de 2º bach. 

13.4.13

Conferencia Matemática: curso de cociña estatística

  O pasado mércores 3 de abril a profesora doutora do Departamento de Estatística e Investigación operativa da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, Dna. Rosa María Crujeiras Casais, impartiu a conferencia titulada "Curso de cociña estatística: algunhas receitas sinxelas para cociñeiros noveis" ao alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato.
  Cunha presentación moi amena a profesora amosou a estatística como unha ferramenta (ingredientes) para a investigación científica (menús). Cunha información sinxela e clara, introduciunos no mundo da estatística descritiva e o da estatística inferencial, amosándonos distintos exemplos de campos de traballo e investigacións que teñen a estatística como ferramenta clave.


A conferenciante (esquerda) cos profes de matemáticas
  Esta charla, organizada polo departamento de matemáticas dentro do seu plan lector, é a actividade que pon punto e final ao IV concurso de problemas de matemáticas e III concurso de relatos matemáticos. Previo á charla entregáronse os premios de estes dous concursos, que tiveron por gañadores a:
1º Premio do IV concurso de  problemas matemáticos para 1º e 2º de ESO: David Estévez Prieto (2ºF)
Accesits: Patricia González Cabaleiro, Silvia Mosquera Lago
 1º Premio do IV concurso de  problemas matemáticos para 3º e 4º de ESO: Paula Piñeiro Varela (4ºA)
Accesits: José Luís González Cabaleiro, Pedro Mirón Domínguez
1º Premio do III concurso de  relatos matemáticos para 1º e 2º de ESO: Antía Álvarez Pazó (1º ESO B)

31.3.11

Conferencia matemática

O martes 29 de marzo estivo no noso centro a decana da facultade de matemáticas da universidade de Santiago, a profesora Mª Victoria Otero Espinar, impartindo unha conferencia titulada “As matemáticas na vida cotián”. Foron dúas sesións de 50 minutos, unha para o alumnado de 4º de ESO e outra para o alumnado de 1º de bacharelato, onde a decana fixo unha exposición moi amena na que mostrou ao alumnado (e ao profesorado que asistiu tamén) distintas aplicacións das matemáticas en varios campos (medicina, odontoloxía, xeografía,ciencias socias, tecnoloxía…), curiosidades sobre os sistemas de numeración, representación de gráficas estatísticas con “trampa” ou inadecuadas, a presenza de figuras xeométricas na natureza e, nalgúns casos, o por que destas formas… Non deixou de comentar tamén algún casos de estudios matemáticos carentes de sentido.

O acto servíu como remate a unha serie de actividades do departamento de matemáticas, e nel entregáronse os premios aos participantes nos concursos de relato matemático e de resolución de problemas.

O alumnado nesta ocasón estivo moi atento, debido a amenidade, interese e boa exposición da conferenciante, á que voltamos a reiterarlle o noso agradecemento.

28.2.11

A edición de álbum ilustrado con Francisco Castro

O pasado 21, dentro dos actos sobre o libro ilustrado, visitounos Francisco Castro, esta vez na súa faceta de editor, para dar unha charla sobre a edición do álbum ilustrado e a edición dixital. A charla, dirixida ao alumnado de primeiro bach. foi moi amena e didáctica. Francisco contounos todas as fases e actores que interveñen na edición dun álbum e falounos do futuro da edición dixital facendo demostracións cun ipad, algo que chamou moito a atención. Coma sempre, agradecemos a Fran a súa disposición e sobre todo a súa paciencia, pois, sendo sinceros, non todo o alumnado correspondeu ao seu didactismo e bo facer coa educación que o acto merecía.


10.12.09

Alfonso Armada, periodismo e Dereitos Humanos

Hoxe, como estaba previsto, recibimos a visita de Alfonso Armada, periodista e director do Máster do xornal Abc, ademais de autor teatral e poeta en lingua galega e autor de ensaios en castelán. Recibímolo cunha pequena exposición da súa obra e co reparto das guías de lectura que fixemos para a ocasión.

A visita, como contamos no post anterior, serviu de complemento ao proxecto que puxemos en marcha desde a biblioteca para que nas aulas se traballase coas noticias de actualidade, ao tempo que, polo contido da charla, enlazamos directamente coa celebración do Día dos Dereitos Humanos. Neste proxecto de análise da actualidade hai máis grupos implicados (do que xa daremos conta), pero esta vez foi o turno de 2º bach..

Nunha exposición de máis dunha hora, Alfonso Armada fixo un percorrido pola súa traxectoria vital, desde os seus comezos no noso instituto ata a dirección do Máster, pero centrouse especialmente nos dous mundos cos que tivo máis contacto profesional: África, especialmente o conflicto de Ruanda, e EEUU., onde lle tocou vivir dende o atentado das torres xemelgas ata a carreira electoral de Obama. Soubemos de como traballa un reporteiro no medio dun conflicto, das condicións nas que hai que enviar unha crónica, dos temas que “interesan” aos xornais e dos que non, dos protagonistas no medio dos conflictos (o pobo, exércitos, forzas de interposición, periodistas, igrexa…)

Suscitou moitas preguntas entre o alumnado, nun turno de media hora que houbo que cortar por falta de tempo. Desa quenda de preguntas quedamos con algunhas respostas ás inquedanzas do noso alumnado:

- Que hai que repartirse as culpas do que pasa en África, porque asumir nós toda sería considerar á sociedade africana como inmadura, e por outra banda os seus gobernantes moitas veces actúan en connivencia con compañías europeas ou americanas para enriquecerse eles empobrecendo ao pobo.

- Que estar entre os desfavorecidos faite relativizar as cousas, repensar o que é importante e o que non.

-Que algúns países africanos acadaron certo nivel de democracia e baixa corrupción (Boshwana, Namibia, Cabo Verde…)

- Que cando falamos de EEUU. hai que ter en conta que os tópicos que manexamos non explican a realidade, fundamentalmente porque o país ten unha enorme capacidade de reinventarse a si mesmo (exemplo da chegada de Obama á Casa Branca)

E como estamos na escola, rematou falándonos da escola pública en EEUU., onde lle sorprendeu a gran cantidade de actividades que realizan arredor da lectura e a escritura, dado que os rapaces len uns 25 libros por curso, coa súa ficha para entregar, e fan talleres de escritura contando con expertos universitarios… e en todas as actividades hai unha ampla participación dos pais.

Unha xornada que nos dará moito que pensar para moito tempo, polo que agradecemos a Alfonso a súa boa disposición e ao alumnado, a súa atención e participación.

4.12.09

Preparación da visita de Alfonso Armada

Unha das actividades propostas pola biblioteca para o desenvolvemento do proxecto lector foi o traballo na aula con temas de actualidade, lendo na prensa, comentando, buscando información...
Neste marco, tomaron a iniciativa a profesora de galego, Carme, e o profesor de historia, Ricardo. Buscamos alguén que puidese explicar ao alumnado de 2º bach. algúns dos temas candentes no mundo actual, e de aí xurde a iniciativa de contar co escritor e periodista Alfonso Armada, que nos visitará o día 9 deste mes.
Como colofón a todas as informacións suministradas, os profesores prepararon unha sesión conxunta con todos os grupos coordinada polo profesor Ricardo Álvarez onde, sobre todo, se falou de África, nunha charla concibida máis para suscitar interrogantes que para ofrecer certezas. Falou o profesor do gran descoñecemento que temos do continente africano, a pesar do seu tamaño; da diversidade étnica, relixiosa, cultural e xeográfica; e, desde logo, das súas riquezas.
Referíuse ó drama que supuxo o escravismo e o éxodo de gran parte da xuventude actual cara a Occidente en busca dun futuro mellor. O colonialismo como causa desta emigración masiva e como culpable do expolio das súas riquezas. Falouse da explotación dos homes e dos recursos por parte dos países europeos que se convertiron en "amos" de tan vasto territorio; da connivencia cos ditadores ou a imposición directa de gobernos títeres.
E tamén apareceu o tema da SIDA, pandemia que asola o continente, con todos o dramas que contribúen á súa expansión: escasez de retrovirais, supersticións, influencia da Igrexa católica que nega o uso do preservativo como medio eficaz para a prevención.
Dende logo que se suscitou a curiosidade. Esperamos a Alfonso Armada para seguir mergullándonos nos temas que preocupan no noso mundo actual.
Por suposto, tamén recomendaremos a lectura dalgunha das súas obras, que temos na biblioteca e que podedes consultar picando aquí.

15.5.09

Día das Letras Galegas... As nosas

Hoxe celebramos outra tanda de actividades das Letras Galegas:

Algúns grupos de 1º e 2º ESO viñeron, durante dúas horas, á biblioteca, onde realizaron lecturas públicas de textos seleccionados por eles previamente (predominaron as poesías, aínda que tamén houbo contos e algún relato moi breve). Magnífico traballo deste alumnado que xa asistira en marzo aos actos do día da poesía.

Os demais grupos de 1º e 2º, nunha sesión, e os de 3º e 4º, noutra, asistiron no salón de actos ao visionado de presentacións de power point de poesía galega musicada. Alí estaban Martín Códax, Bernal de Bonaval, Airas Núnez, Francisco Añón, Rosalía, Pondal, Curros, Cunqueiro, Celso Emilio, Lois Pereiro, Bernardino Graña e un auditorio que ás veces cantou e outras tantas barullou.

Os de 1º BACH. tiveron unha conferencia sobre Ramón Piñeiro a cargo do profesor Álvaro Varela. Foi unha conferencia dun gran nivel intelectual e expositivo que nos tivo atentos de principio a fin. O amigo Álvaro foi desgranando con claridade as claves biográficas, políticas, literarias e culturais do persoeiro homenaxeado este ano. Esperamos a súa próxima conferencia-recital (a principios do próximo curso), que versará sobre o noso Ramiro Fonte.



E no recreo, o noso grupo favorito "Os farfalleiros", tocaron varias pezas, entre elas o Pirín pimpím, acompañados vocalmente polos grupos de música dirixidos pola profe Ángeles, tras semanas de duro ensaio... Tamén houbo baile. Deixamos aquí un vídeo (baixa calidade) do acontecemento musical



E para a semana... OLIMPIADA DO SABER

23.4.09

Día do libro...por materias

Hoxe, culminando a celebración da semana do libro, sacamos os libros ó vestíbulo. Este ano dun xeito especial, pois fixemos a exposición dos libros daquelas materias que están a elaborar os itinerarios lectores, a excepción de latín, que os sacaremos na exposición sobre Roma. Ademais serviron de mostra para a comisión pedagóxica que se desenvolveu pola tarde, onde se aprobou o proxecto lector e chegouse ao acordo de propoñerlle ó claustro unha hora de lectura completa á semana para todos os grupos da ESO.
Durante a mañán, ademais, tivo lugar un ciclo de conferencias a cargo da Cámara de comercio, nas que se animou á creación de iniciativas emprendedoras no mundo da empresa.