31.3.12

A Astronomía que podemos facer coas Matemáticas que xa sabemos

Como remate ás actividades do III ConCurso de problemas de matemáticas e II concurso de relatos matemáticos e incluída no plan lector do departamento de matemáticas e no proxecto lector do centro teremos o vindeiro 11 de abril unha conferencia co título:
"A Astronomía que podemos facer coas Matemáticas que xa sabemos"
a cargo de Ana Ulla Miguel, Licenciada en Ciencias Físicas e doutora en Astrofísica pola Universidade de La Laguna. Profesora titular da Universidade de Vigo. Os seus traballos no campo da Astronomía desenvolvéronse na Universidade de Tromsø (Noruega), o Instituto Niels Bohr de Copenhaguen, o Instituto de Astrofísica de Canarias, o Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental de Madrid e a Axencia Espacial Europea. Á marxe da súa actividade docente como profesora da Facultade de Ciencias en Vigo, e de investigación en diversos campos da Astrofísica e as Ciencias da Terra, desenvolve dende hai máis de dez anos unha intensa actividade de divulgación científica organizando dende o ano 2000 un Obradoiro de Astronomía e Astrofísica ou participando en programas como “Feliz Aniversario HAL”, “Polos Mares de Galicia”, “Unha universidade, un Universo” ou “Contos e coplas de estrelas”, entre outras actividades. Durante o Ano Internacional da Astronomía, celebrado en 2009 en 148 países, formou parte do equipo de traballo español, como coordenadora de actividades en universidades. Membro do padroado da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (o cal xestioa o Observatorio Astronómico de Forcarei), foi a súa presidenta dende a súa constitución en 2007 ata outubro de 2010. Membro da Sociedade Española de Astronomía e secretaria do Grupo Especializado de Astrofísica da Real Sociedade Española de Física (do cal foi presidenta entre 2007 e 2011).

19.3.12

Unha mañán con Núria Pradas

O día 15 de marzo visitounos Núria Pradas, autora de “Heka, un viaje mágico a Egipto”e “Raidho, un viaje con vikingos”, novelas lidas polo alumnado de 1º e 2º de ESO.
Na exposición que a escritora fixo sobre Heka… contounos as motivacións que lle levaran a elexir un fondo histórico para este relato. Dado o seu interese pola cultura exipcia, matriculárase nun curso no Museo Exipcio de Barcelona que lle deu pé a elexir o tema da maxia ( heka ) para a historia de Víctor e Tutmosis.
Respecto a súa profesión, díxonos que estudara filoloxía catalana, e fora docente durante moitos anos, ó que interesou ós nenos e nenas por este oficio, traballo ao que a autora lle dedica todo o seu tempo na actualidade. De aí xurdiu a curiosidade de cómo se chega a ser escritora: lendo moito, investigando en múltiples fontes, recopilando os datos máis interesantes, redactando o argumento con paciencia, e sobre todo, corrixindo, corrixindo e corrixindo… pois un libro lévalle escribilo entre oito meses e un ano. E xa ten escritos uns corenta. Tamén nos falou dos personaxes que eran reais e cales imaxinados.
Sobre o final da historia, deunos unha explicación que nos interesaba moito a todos, profesorado e alumnado, pois nos parecera un final un pouco drástico e non demasiado claro. Contounos, entón, a razón deste ”continuarä…”: Heka forma parte dunha triloxía ( tamén Raidho ) na que poderemos entender por que Víctor, o protagonista, non volveu a casa e viviu novas aventuras noutras épocas e civilizacións, motivación máis que suficiente para que xa decidisemos ler no terceiro trimestre a historia vikinga vivida por Víctor na segunda novela..
Comentáronse, recordando situacións apreciadas no relato, os roles sociais desempeñados polas mulleres en Exipto que, con distintos ollos valoraba Víctor con respecto a Tutmosis, dado que as súas vidas estaban separadas no tempo uns dous mil anos...
Verificounos a autora, tamén, que os títulos de cada capítulo eran auténticos xeroglíficos traducidos. Estas e outras curiosidades animaron o coloquio, rematando as tres sesións coa decisión tomada entre todos de seguir lendo os libros de Núria Pradas.

Rematou asinando moreas de exemplares.


Crónica de Nones

16.3.12

Exposición "A novela policial"

A novela policial foi o tema do noso club de lectura durante este trimestre, e culminámolo cunha sesión o pasado luns arredor de Colleita vermella, de Dashiel Hammet, e coa colocación da exposición que estivemos preparando sobre o tema e que está dispoñible ata o día 16 de abril, día no que nos visitará Miguel Anxo Fernández. A exposición consta de 15 paneis (1oo cm X 70cm) e a través deles facemos un percorrido polas orixes da novela policial, damos algunhas claves para establecer as diferenzas entre novela de enigma e novela negra, apuntamos á intima relación co cine e a televisión e facemos un repaso dos principais autores e obras das distintas nacionalidades, incluíndo, por suposto, un panel para a novela policial galega. Dispoñemos ademais dunha guía de traballo para a visita dos grupos. Nestes momentos está sendo un éxito, e a parte dos grupos que xa a visitaron, cónstanos que o farán case todos os grupos do instituto. Agradecemos a colaboración do profesorado e os parabéns que nos levades dado.








Toloscontoscurtos e Versos Salgados

Ata o 12 de maio está aberto o prazo de presentación de orixinais para o II certame de contos curtos con retranca, "Toloscontoscurtos", e para o I certame de poesía "Saboroso Son dos Versos Salgados", convocados polo departamento de Galego. Podedes consultar as bases ampliando a imaxe ou ben nos carteis que están colocados polos corredores do insti. Ánimo e a participar!!!

2.3.12

Begoña Oro

O mércores día 29 visitounos a autora Begoña Oro. Tivo un encontro co alumnado de terceiro de ESO. O acto estivo organizado polas profesoras de lingua e literatura, Pili e Laura, que previamente traballaran nas aulas o libro "Pomelo y limón", gañador do premio Gran Angular. A obra, que gusta máis ás mozas que aos mozos, chamou a atención de parte do alumnado pola posibilidae que ofrece de interactuar cos blogs dos personaxes. Begoña Oro fixo unha exposición moi amena das posibilidades que ofrece o mundo editorial para a difusión do libro, e foi mostrando distintos formatos (papel con distintas portadas, readers, ipad...) para o mesmo libro e ilustrouno con continuos cambios de vestiario. Tamén charlou co alumnado sobre os blogs dos personaxes e as historias de amor, que ela pretende que sexan frescas (de aí o título) e nada empalagosas. Agradecemos a Begoña o esforzo de vir dende Zaragoza e compartir con nos esta sesión das que crean afición.

E o día 15, atención alumnado de primeiro ciclo, visitaranos Núria Pradas; e pouco despois Anxo Fariña. Á volta de vacacións visitaranos Miguel Anxo Fernández. Preparade ben os libros.