14.3.09
Mulleres que puxeron música e cor no mundo
8.3.09
As mulleres da literatura española.
No século XIX a muller érguese para realizar o seu destino, a súa vida e a súa morte. Que as mulleres escriban -ben ou mal, importa menos- e que o fagan para publicar no século XIX é un paso, unha revolución sen volta atrás. Coller a pluma era coller a espada, contra todo. Escribir delataba vida intelixente, vida pensante inexpresada durante séculos: unha non historia que agora comeza a se converter en historia.
PARA VER AS PRESENTACIÓNS PICA NESTE ENLACE
25.11.08
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO INSTITUTO
24.11.08
25 de Novembro. Día contra a violencia de xénero.
Hoxe voulles contar un conto triste. Antonia é unha muller moi humilde que traballa como asistenta e leva a diario a roupa a enxaboar no lavadoiro público de Marineda, aterecida polos fríos do inverno. O seu propio marido asasinou á súa nai e paga a súa pena no cárcere, mentres ela vese condenada a sobrevivir en condicións de extrema miseria criando a un pequeno. A pobre muller confía en que vinte anos é abondo para curar o medo. Pensa ela que pode o seu home morrer no cárcere, ou podo morrer eu, ata aló falta moito tempo aínda. A morte natural nunca a asustou: só a aterroriza de verdade a posibilidade da volta do cónxuxe criminal.
O nacemento dun herdeiro de El-Rei, facilita un indulto que deixa ao preso libre na rúa. A Xustiza dálle ademais o dereito a compartir a casa onde vive a súa muller e onde el cometera noutrora o seu grave delito. Antonia vive angustiada, pensando na hora dese regreso, temendo ser ela a próxima vítima da violencia do bruto liberado. Chega o día fatídico e é obrigada a acollelo no fogar e a compartir leito co asasino. El non chega a matala. O corazón non puido máis: Antonia morre de medo.
Velaí un breve resume do argumento de “El indulto”, un conto de dona Emilia Pardo Bazán, publicado en 1883 en “La Revista Ibérica”. O paso do tempo non deixa de ser un xogo un pouco absurdo. Os grandes problemas, os dramas e traxedias, tamén as nosas ledicias, son os mesmos dende que se escribiu a Odisea. O ser humano, para ben ou para mal, non cambiou tanto. Quizais cambiou moito menos do que somos capaces de albiscar. Iso, cando menos, é o que nos fai pensar este relato tan oportuno, no seu tempo e hoxe.
“El indulto” é literatura aínda viva: nin sequera é preciso contextualizala. Por desgraza, os xornais contan cada día historias moi semellantes.
8.3.08
8 de Marzo: Día da muller
¿Ata cando?
Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.
Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.
Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.
Botan a mañá traballando nas leiras.
Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.
Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.
Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.
Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.
Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.
¿por canto tempo, aínda balbinas?
(Clica na imaxe para ver o álbum)
Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
7.3.08
IMOS CONTAR MENTIRAS!!!
Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.
Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.
Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.