29.11.08

CRÓNICA DO ACTO (III)

O pasado luns tivo lugar en Bertamiráns, na biblioteca escolar do CEIP Bispo Guerra Campos, a sinatura da adenda aos presupostos entre o MEC e a Consellería de Educación por parte da Sra. Ministra e a Sra. Conselleira. Ao acto , entre outras persoas, fomos invitados os responsables de bibliotecas escolares. Esta é a crónica regueifeira que fixemos dese acto.

Con atención escoitou
aos tres plambeiros a ministra,
tamén nos felicitou
pola labor altruísta.

Ata que a vontade acabe
seguiremos traballando,
pero é mellor que poñades
no ROC ós bibliotecarios.

E entón a conselleira
ansiadas palabras pronunsiou:
será o sincuenta por sento
o que está no borrador.

Ese borrador borrado
parese que se quedou
e hai que sejir loitando
pa que nos metan no ROC.

E viñémonos de volta
coa mente tan do revés
que ata a amiga Olga
me chama Benito outra ves.





Sigue a crónica completa deste acto en:
O Segrel do Penedo (Capítulo I)
Milladoiro (Capílulo II)

25.11.08

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO INSTITUTO

Esta mañán tivemos a proxección dos vídeos que vos tiñamos preparados para concienciarnos da necesidade de combatir a violencia de xénero. Dende a biblioteca queremos agradecer, sen excepcións, o comportamento respectuoso de tódolos grupos que ao longo de cinco horas fostes pasando polo salón de actos. Agradecemos tamén a colaboración de todo o profesorado que fixo posible que este ano a nosa loita contra esta lacra social puidese chegar a todos os grupos do noso centro. Sentímonos afortunados polo feito de que os boletíns de lectura se esgotasen e de que parte do profesorado nos comunicase a súa intención de tratar o tema nas titorías (se algo sementanos, gústanos que dea froitos). Agradeceremos tamén os comentarios que nos deixedes no blog, coa finalidade de contrastar opinións e mellorar para futuras ocasións. Remando xuntos conseguiremos un futuro mellor.
Se queredes os vídeos non dubidedes en pedilos na biblio, así como calquera outro material que necesitedes. Deixamos unhas poucas fotos, que non son de moi boa calidade porque o local estaba a escuras.


25 de Novembro. Día contra a violencia de xénero

Un ano máis unímonos as bibliotecas escolares de Galicia na loita contra a violencia de xénero. Hoxe, no salón de actos, temos ocasión de ver unhas proxeccións para reflexionar sobre o tema e ademáis difundimos uns boletíns con recomendacións de lectura e cine. Porque somos quen de cambiar as cousas. Por un futuro inmediato sen violencia dicimos BASTA XA a este auténtico virus da humanidade.

Vía trafegando ronseis queremos compartir este vídeo:


E vía O segrel do penedo chéganos este outro das bibliotecas de Ferrolterra:



24.11.08

25 de Novembro. Día contra a violencia de xénero.

Adiantamos hoxe un dos posts dirixidos a loitar contra esta lacra social. Vía Mesturas, chéganos "Un conto triste" de Marcos Valcárcel. ANOSATERRA DIARIO:

Hoxe voulles contar un conto triste. Antonia é unha muller moi humilde que traballa como asistenta e leva a diario a roupa a enxaboar no lavadoiro público de Marineda, aterecida polos fríos do inverno. O seu propio marido asasinou á súa nai e paga a súa pena no cárcere, mentres ela vese condenada a sobrevivir en condicións de extrema miseria criando a un pequeno. A pobre muller confía en que vinte anos é abondo para curar o medo. Pensa ela que pode o seu home morrer no cárcere, ou podo morrer eu, ata aló falta moito tempo aínda. A morte natural nunca a asustou: só a aterroriza de verdade a posibilidade da volta do cónxuxe criminal.
O nacemento dun herdeiro de El-Rei, facilita un indulto que deixa ao preso libre na rúa. A Xustiza dálle ademais o de
reito a compartir a casa onde vive a súa muller e onde el cometera noutrora o seu grave delito. Antonia vive angustiada, pensando na hora dese regreso, temendo ser ela a próxima vítima da violencia do bruto liberado. Chega o día fatídico e é obrigada a acollelo no fogar e a compartir leito co asasino. El non chega a matala. O corazón non puido máis: Antonia morre de medo.

Velaí un breve resume do argumento de “El indulto”, un conto de dona Emilia Pardo Bazán, publicado en 1883 en “La Revista Ibérica”. O paso do tempo non deixa de ser un xogo un pouco absurdo. Os grandes problemas, os dramas e traxedias, tamén as nosas ledicias, son os mesmos dende que se escribiu a Odisea. O ser humano, para ben ou para mal, non cambiou tanto. Quizais cambiou moito menos do que somos capaces de albiscar. Iso, cando menos, é o que nos fai pensar este relato tan oportuno, no seu tempo e hoxe.

El indulto” é literatura aínda viva: nin sequera é preciso contextualizala. Por desgraza, os xornais contan cada día historias moi semellantes.

17.11.08

Club de Lectura: motín na biblio

Hoxe tivemos a nosa primeira sesión do club de lectura. O libro motivo da xuntaza foi Motín en la Bounty, de John Boyne. Máis de dúas horas de reunión, iso si, comendo na biblioteca. Máis información e fotos no blog do club de lectura.

14.11.08

Física e química para todos...

Xa están na biblio os libros de física e química que vos gustaría ler... Atrevédevos a experimentar.



10.11.08

Piratas polo Miño

Piratas polo Miño, de Xosé Miranda (colección Catavento, Tambre, 2006), é un libro de versos para as mozas e mozos que algunha vez soñaron ser piratas e atopar tesouros.

Imaxina que te secuestra un barco pirata e que acabas sendo un membro máis da sinistra tripulación...

Imaxina que percorres os sete mares na procura de tesouros...

Imaxina que avistas baleas, rorcuais, cachalotes...

Imaxina as historias que che poden contar os teus compañeiros de viaxe...

Imaxina que te namoras nunha abordaxe...

Os que non dominen a arte de navegar pola poesía e poidan naufragar a causa dos "perigos" da linguaxe poética teñen á súa disposición este glosario de termos que lles facilitará bastante a lectura.

GLOSARIO (por orde de aparición)

Esta reseña e o glosario saíron do traballo de Cristina, profe de galego.

Expo Patacas

A pasada semana, coincidindo coa celebración do magosto e aproveitando que este é o ano internacional da pataca, quixemos adicarlle unha homenaxe en forma de exposición a este tubérculo que se converteu no sustituto da castaña na nosa alimentación. Historia, arte, ciencia, receitas e literatura... un mosaico feito de patacas.


2.11.08

CREPÚSCULO

Sabemos que hai no insti un gran número de seguidoras/es dos libros de Stephanie Meyer. É por iso polo que vos recomendamos que visitedes o blog amigo "biblioafonso" . Atoparedes unhas magníficas reseñas sobre os catro libros da saga. Ademais contén enlaces ao club de fans e á páxina da autora.

MOTÍN....no club de lectura

No club de lectura estamos a ler e a disfrutar o libro Motín en la Bounty, de John Boyne. Non queremos comentar nada antes da nosa primeira sesión, pero para os que non pertencedes ao club si que podemos dicirvos que trata sobre a particular visión que o grumete Turnstile, de 14 anos, tén sobre o motín máis famoso da historia: o que tivo lugar na fragata HMS Bounty contra o seu capitán William Bligh.



O luns día 10 de Novembro trataremos de facer a primeira xuntanza ao redor deste libro.