26.2.15

O valor da palabra. De charla con Fina Casalderrey

      Venres 20 de febreiro. No salón de actos do instituto, e ante unha morea de rapaces e rapazas de 2º de ESO, pasamos un momento de agradable charla coa escritora.
     O ENDL do centro, seguindo unha tradición xa vella no instituto, considera que a visita de escritores e escritoras é positiva para facer máis perdurable a lectura e, de ser preciso, aclarar algún interrogante que poida xurdir. E con este propósito foi invitada Fina Casalderrey, unha vez que o alumnado leu A Pomba e o Degolado.
     Neste caso, se tivésemos que titular o tema da charla, diriamos que foi: O valor da palabra.
     Porque a autora quixo facernos ver que coa palabra podemos soñar, enfadar, negar, convencer, decepcionar...
     Empezou facendo unha breve sinopse da súa infancia... sen libros. Pero coa astucia dos bos narradores, convenceu ao alumnado de que a súa casa era unha gran biblioteca, cuns pais cultísimos, cun ambiente social moi lido... E enganounos. E aí empezou a súa estratexia: a de convencer (ou enganar) coa palabra.
     Falounos da orixe, ao seu modo de ver, da literatura (oral, por suposto):

      Un xogador de cartas, contándolles aos compañeiros de partida, que un lobo, achegándose pouco a pouco, o comeu. E os outros xogadores (e nós tamén) creron.
Velaí o comezo da narración.

     Falounos de como naceu este libro. De como as vivencias poden ser o primeiro paso para fabular historias máis complexas:

     Un seu alumno, con problemas familiares dolorosos, repetía e repetía e repetía    curso. E cando ela lle mandaba contar unha historia, sempre escribía a mesma...    ficticia, claro: un pai problemático, unha nai máis rara aínda... e un neno perdido.

Unha historia que vai ser o xerme de A Pomba e o Degolado.

E quixo tamén pór en valor a literatura en papel, pero sen esquecer que calquera soporte pode ser positivo para contar historias.

E contounos o caso dun seu amigo que buscaba unha editorial para publicar unha novela e, como non a encontraba, optou por publicala na rede. Tantas visitas tivo que unha editorial convencional lla quixo editar.

 
Porque calquera medio vale para emocionar.

E unha vez que ela rematou, houbo un interesante coloquio, con preguntas dos rapaces e rapazas en torno a cuestións tan diversas coma o seu interese polas empanadas. (Algún neno sabía do seu    O libro da empanada e preguntoulle da relación entre contar historias e facer empanadas. E haina, ao parecer).
Firma e dedicatoria de libros... e ata a próxima... porque continuaremos.

19.2.15

Francisco Castro cos clubs de lectura

O luns 9 de Febreiro, mozos e mozas dos clubs de lectura recibiron a visita do escritor Francisco Castro. Foi una sesión conxunta de posta en común co autor, xa que tiñan lidas tres obras del: Chamádeme Simbad, O neno can, e O Corazón da Branca de Neve.

Falou  Francisco da importancia da lectura como motor de cambio, de que se fixo escritor para cambiar o mundo e do afortunado que se sinte de facer o que máis lle gusta na vida. Nas súas obras sempre hai reflectido algún aspecto social de relevancia e sobre o que necesitamos reflexionar.

Dinos que escribiu Chamádeme Simbad para contarlle ao seu fillo que a avoa empezaba a ter alzheimer, pero sen dramatismos e dun xeito divertido para que calquera poida comprendelo. E a súa charla transcorría tamén nese ambiente distendido e divertido mentres tocaba temas de fondo calado.
Comentounos tamén a experiencia de escribir O neno can a dúas mans con Fina Casalderrey, e o esixente que foi a experiencia e do que supuxo para eles tratar de mostrar a situación precaria da infancia en lugares aos que non lles prestamos atención
.
En O Corazón da Branca de Neve fálanos do drama que supón o roubo dun fillo,  pero tamén se deixan ver outras perdas que quedan máis ocultas por culpa dos clixés sociais, como é o caso da anorexia. Francisco recórdalles sobre todo ás nenas que non se deixen presionar pola cultura do corpo perfecto.

Na quenda de preguntas, tivo a ben  explicar o, segundo o alumnado, precipitado final de O Corazón da Branca de Neve. Explicounos que, sendo una novela por entregas, a súa construción tiña que cumprir uns requisitos: 31 capítulos que non podían pasar dos 3550 carácteres para seren publicados a razón de un capítulo por día. A parte da importante labor de lima, non se podía deixar perder o interese ata o final. Tamén houbo preguntas sobre o título da obra, e a resposta saíu do propio auditorio.

Os rapaces e rapazas que asistiron consideran que é moi simpático e interesante,  e que lles fixo pensar ao tempo que lles fixo rir. Ao final, una restra de libros para firmar, algúns xa incluso coa última obra do autor, Tes ata as dez, da que seguramente terá que vir a falarnos no próximo curso.
E non faltaron as fotos con el, que o propio autor subiu ao seu facebook.

13.2.15

Exposición sobre o cómic galego

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística elaborou esta reseña na que se explica o traballo realizado por este departamento sobre a BANDA DESEÑADA GALEGA:

Un mes para dar a coñecer o cómic galego.
  O ENDL, con axuda doutros compañeiros e compañeiras, preparamos un traballo divulgativo das obras máis representativas do cómic galego, desde os seus comezos ata a actualidade.

 En dous grandes paneis expuxemos unhas pequenas reseñas dos títulos: a data de nacemento da revista, os temas, as súas características tipográficas... Unha mínima información que as definise.

 Á vez elaborouse unha biografía, tamén en grandes paneis e ilustrada, da obra de Kiko da Silva (que tiñamos previsto que nos visitase pero, por motivos alleos ao noso traballo, finalmente non acudiu ao centro).
 E presentamos unha ampla variedade de títulos orixinais: Retranca, BDBanda, Trazo de Tiza, Fiz e Os Biosbardos,… para que o alumnado puidese “tocar” e “ver” os textos.

 E preparamos
 1. Unhas preguntas-concurso para visitar a exposición. 
 2. Un concurso de contos ilustrados a partir de textos de Castelao, Dieste e Ferrín, aberto á participación de todo o alumnado.

 O traballo contou ademais cunha implicación doutros departamentos que non quero deixar de recoñecer:
 1. O noso compañeiro Ildefonso, polo préstamo de material (informativo e de revistas). 
 2. O departamento de Plástica que introduciu ao alumnado do primeiro ciclo na linguaxe do cómic. E eles mesmos elaboraron tiras cómicas variadas, que tamén expuxemos. 
 3. O departamento de Lingua Galega e Literatura (ademais de compañeiras de Filosofía e Lingua Castelá) que leu os contos na clase e animou ao alumnado a ilustralos. 
 4. O grupo de traballo da biblioteca que prestou todos os cómics que se lle solicitaron para expoñer na entrada do centro e “visibilizar” así o que estaba nos paneis. 
 5. A profesora de Educación Física, Sara Pérez, pola súa desinteresada dedicación e as súas artísticas recomendacións. 
 6. A Dirección que ofreceu todo tipo de facilidades para a elaboración deste traballo. 
 7. E ao resto do profesorado que visitou e celebrou o traballo realizado. 

 Contamos coa ilusión dos ilustradores e co seu bo facer (tal e como indican os múltiples premios que se outorgan). 
 Contamos con escritores de historias chispeantes, actuais e comprometidas. Precisamos o compromiso da Administración… e dos lectores. 
E con iso, como dicía Cunqueiro, a banda deseñada terá mil primaveras máis. 

12.2.15

Faladoiro - Roteiro polo barrio de Coia

O pasado martes, ao longo das dúas últimas horas, o alumnado de 1º de Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais participou no faladoiro organizado polo "Roteiro polo barrio de Coia". 

Pura, unha veciña de 90 anos, que tivo no Turreiro unha tenda das de sempre;  Ángel, veciño de toda a vida de Coia; Margatita e Aurita, representantes da Asociación feminista Dorna, ligada ao movemento veciñal, reuníronse na bibioteca  para falar do barrio coa intención de tirar os muros que separan a nova e antiga veciñanza. Pura e Ángel expicaron o trauma que supuxo a desaparición da vela  aldea de  Coia coa incorporación do polígono de vivendad e os novos veciños;  pola súa banda, estes novos veciños describiron a súa chegada a un espazo sen servizos e a súa loita ata conseguir  o barrio actual.

Despois de comentar as súas vivenzas e relexionar sobre os muros que os separan,  determinaron derrubar eses muros e traballar xuntos na procura dun Centro Cultural, lugar de reunión e comunicación.

6.2.15

Día Escolar pola Paz

A partir da celebración do Día Escolar pola Paz xurdiu a idea de relexionar sobre OS MUROS.  Reunimos ao profesorado interesado mediante esta convocatoria.

Como primeiro acto, o día 30 de xaneiro, puxéronse as primeiras pedras do muro, limos o manifesto e o alumnado interpretou "The wall" de Pink Floyd.


5.2.15

VI CONCURSO DE PROBLEMAS E V DE RELATOS MATEMÁTICOS

O Departamento de Matemáticas convoca un ano máis -como parte do Plan Lector- o VI CONCURSO DE PROBLEMAS E V DE RELATOS MATEMÁTICOS para os alumnos do Alexandre Bóveda.
O noso querido personaxe Leo Pi e a vosa nova compañeira Xiana contaránvos as súas historias, este ano relacionadas co tema do proxecto interdisciplinar do Centro: "Augas, fontes, ríos...e mares de Galicia". Nelas vivirán situacións “problemáticas” que eles, coa vosa axuda, resolverán grazas a vosa sabeduría matemática.
Moita sorte.

 Recordade as bases:
Participantes:

  • Todos os alumnos da ESO están invitados a participar no concurso de problemas.
  • Os alumnos - ESO e Bacharelato- están invitados a participar no concurso de relatos matemáticos.

Prazos:

  • Problemas: recollida da historia-problema o xoves 5 de febreiro na conserxería e entrega límite de respostas o martes 10.
  • Relatos: do 5 a finais de febreiro.