25.5.11

Proxecto Exipto e Olimpíada do Saber.

Desde esta semana temos expostos os materiais do proxecto de centro, sobre o antigo Exipto. Non todo o que se fixo foi para a expo, pois moitos materiais fixeronse en power point e word. Partciparon distintos grupos de ESO e bacharelato con profesores de matemáticas, música, plástica, inglés, lingua castelá, lingua galega, historia, economía e latín. Non estivo mal para ser o primeiro ano. Para inugurar a exposición, o alumnado do bacharelato de artes escénicas e musical prepararon uns bailes "exipcios" dos que deixamos vídeo.
Por outra banda, comezou a Olimpíada do Saber, co mesmo tema, Exipto, con 24 participantes a través da aula virtual.






19.5.11

Semana das Letras Galegas

Coma tódolos anos, celebramos as Letras Galegas con varios actos. O primeiro deles foi un festival de música e poesía, a cargo do alumnado de 2º bach. de artes escénicas. Nun post posterior poremos o vídeo deste festival, xa que aínda está na fase de maquetado. Xunto co vídeo explicaremos en que consistiu.
Na biblioteca, o día 19, celebramos as lecturas públicas. Durante dúas horas distintos grupos acudiron á biblioteca onde foron lendo textos de Lois Pereiro e de Álvaro Cunqueiro. Tamén fomos intercalando os vídeos que fixerón as compañeiras do IES Concepción Arenal.
Ao finalizar entregamos os premios dos certames de Vídeo (a Inés e Marta) e de ilustración ( a Noa). E, como non, houbo festa rachada no remate, co noso grupo de cantareiras, pandereteiras e gaiteiros. Podédelo ver nas fotos e no vídeo que siguen.





18.5.11

LETRAS GALEGAS: O ANO DE LOIS PEREIRO

Reproducimos integramente aquí, co permiso das autoras, o traballo que sobre Lois Pereiro fixeron dende a biblioteca escolar Saturnino Hermida, do IES Concepción Arenal de Ferrol.

"Como dixo Manolo Rivas, na obra de Lois Pereiro, máis que na de ningún outro poeta galego,o amor e a morte, Eros e Thánatos, van da man.
Poesía dunha intensidade poco común, é facil lembrar moitos dos versos de Lois, quedan impresos na memoria porque son versos de francotirador,van directos ao corazón e penetran nel, pola verdade do sentimento que transmiten, pola forza e expresividade das súas imaxes.
Un poeta fondo, emocionante, para lelo devagar e revisitalo a miúdo."

E para coñecelo mellor, podedes ver o powerpoint feito por Elvira Roiz, aconsellada por Inés. A presentación que aparece aquí é a introducción, para ver as restantes partes premede nas ligazóns.

MONFORTE, MADRID, CORUÑA 1, CORUÑA 2

6.5.11

Xosé Monteagudo na biblioteca

Esta é a crónica que nos fixo Fonso sobre a sesión:
O pasado 29 de abril, sexta feira, visitou a nosa biblioteca o escritor morañés Xosé Monteagudo para nos falar da súa última novela Un tipo listo, que recibiu o premio García Barros 2009 e está publicada por Galaxia.
Comezou a charla ás 12.30 coa asistencia duns cincuenta alumnos de 1º de Bacharelato e algúns profesores. Dous alumnos, Yeray e Martina, fixeron unha brillante e breve presentación. Xosé Monteagudo, pouco acostumado aínda a lidar nestes sarillos, principiou a súa intervención dicindo que a súa carreira de escritor comezou hai poucos anos, uns dez, e que investía unha media de tres anos en cada novela. Fixo un rápido repaso á súa produción e uns quince minutos despois abriu a quenda de preguntas.
O alumnado seguiu con moito interese as palabras do autor e fixo preguntas durante máis dunha hora. Como escolle os nomes dos personaxes? Como decide o título do libro? Por que este libro se titula Un tipo listo? Por que todos os capítulos comezan por un concepto económico? É difícil pórse na pel dos personaxes antipáticos? Foi divertido crear a trama da brasileira Mireia da Costa? Escribir é un traballo ou un pasatempo? Comeza a escribir sabendo como se vai desenvolver a acción ou, a medida que vai escribindo, van xurdindo novos aspectos? Que escritores admiras?(...)
Xosé Monteagudo comentou, entre outras cousas, que escolleu ese título pola súa ambigüidade: un tipo listo, en sentido irónico, pode ser calquera dos tres protagonistas principais. Di que, para el, escribir non é un pasatempo, é un traballo, pois todos os días e de forma sistemática e disciplinada, escribe polo menos tres ou catro follas. Asegura que non cre na inspiración, aínda que neste libro tivo algo parecido a iso cando escribiu un dos capítulos, "era coma se mo ditasen". Ademais, cando escribe unha novela o único que sabe é o tema e cara a onde quere levar os acontecementos. Mais, as tramas ou accións intermedias son tamén unha sorpresa para el, pois a propia novela e os personaxes obrigan a tomar determinados camiños. Finalmente, os autores dos que máis gusta son os grandes escritores sudamenricanos como Borges ou Cortázar, o estadounidense Paul Auster (máis nos seus primeiros libros) e o xaponés Haruki Murakami, entre moitos outros.
A iso das dúas da tarde, con catro ou cinco mans levantadas, tivemos que cortar as preguntas para que o autor asinase os libros ao alumnado. Aínda se alongou un pouco máis o debate, agora xa de xeito menos formal.
En resumo, Xosé Monteagudo cativounos, antes de coñecelo persoalmente, pola súa gran novela sobre a corrupción económica e inmobiliaria que narra Un tipo listo e logo, na súa charla, pola súa sinxeleza, cercanía e boa onda que demostrou con todos.
Moitas grazas, Xosé.




5.5.11

Boas Prácticas

Sello de Buena Práctica leer.es

Desde o portal leer.es, do Ministerio de Educación, comunícannos a concesión do selo "buenas prácticas de lectura", en recoñecemento á integración das matemáticas e a lectura. Un recoñecemento para a biblioteca, para o departamento de Matemáticas e para o proxecto lector de centro.
Pódese ver en http://leer.es/buenas-practicas/ e en http://networkedblogs.com/hthNr.