29.5.26

Fani tróuxonos a Circe, Penélope e Morgana

 

Unha das actividades que se programaron para celebrar as Letras de Begoña Caamaño foi a dramatización de varios fragmentos das súas obras literarias Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. A actividade realizouse durante dous recreos. 

Para esta actividade contamos coa colaboración da profesora de lingua galega e literatura do centro, Estefanía González (Fani), autora do libro Begoña Caamaño. Xornalista e escritora. Fani, xunto con tres alumnas de artes escénicas (Noa Pena, Azalia Mera e Nuria Sol Hermida) realizaron esta actividade centrada en Begoña Caamaño. Mentres Fani nos introducía na vida e obra da autora, as tres actrices acompañábana coa interpretación; logo, Fani deulles paso ás voces femininas de Circe (Azalia), Penélope (Nuria) e Morgana (Noa). 

Grazas por eses momentos marabillosos!



 


An Alfaya

  Ao longo da Semana das Letras o Departamento de galego, o EDLG e a Biblioteca organizaron varios encontros con escritores/as galegos/as. Despois de María Reimóndez, o xoves 21 de maio, visitounos An Alfaya, para realizar a sesión do Club de Lectura. An Alfaya falounos da súa pequena peza teatral escrita como homenaxe a Begoña Caamaño, escritora á quen se lle dedican as Letras 2026.

Nesta pequena peza teatral, titulada Uuu-uuu...Begoña!, a autora introduce como personaxe a mesmísima Begoña Caamaño, quen comparte escenario con Circe, Morgana, Merín, Uxía...

Despois desta sesión, An Alfaya achegouse á radio do centro, O Son da Noca, para ser entrevistada por Dafne e Sofía, alumnas de 2º ESO e integrantes do Club de lectura. Durante a entrevista, non só falou da súa obra, senón tamén da súa amiga Begoña Caamaño, e de máis cousas.

Entrevista a An Alfaya


 






 

 

 

María Reimóndez

  Ao longo da Semana das Letras o Departamento de galego, o EDLG e a Biblioteca organizamos varios encontros con escritores/as galegos/as. Despois de Manuel Núñez Singala, o mércores 20 de maio, visitounos María Reimóndez, para falarlles ao alumando de primeiro de bacharelato da súa obra A dúbida, un político é detido por un presunto delito de abusos sexuais de menores.

Despois da charla, Mónica, Alicia e Mateo, membros do equipo da radio O Son da Noca, realizáronlle unha entrevista á escritora. Durante a entrevista falou deste libro e doutras curiosidades da súa produción literaria. Non a perdades!

Entrevista a María Reimóndez


 





28.5.26

Raquel Castro

  Ao longo da Semana das Letras o Departamento de galego, o EDLG e a Biblioteca organizamos varios encontros con escritores/as galegos/as. Despois de An Alfaya, o venres 22 de maio, visitounos Raquel Castro, para lle falar ao alumando de primeiro da ESO da súa peza teatral Dormente, que se centra no poder transformador do individuo.

Despois da charla, Laila e Ana, membros do equipo da radio O Son da Noca, entrevistaron a escritora para coñecermos máis a súa obra. Non a perdades!

Entrevista a Raquel Castro. 


 




Scape room sobre Begoña Caamaño


Unha das actividades que levamos a cabo na Semana das Letras foi un Scape room para todo o alumnado de 1º ESO. A temática, como non, tratou a homenaxeada das Letras 2026 e ex alumna do IES Alexandre Bóveda: Begoña Caamaño.

Este Scape room foi creado polo equipo de profesorado que participou no curso de formación permanente da biblioteca e o equipo de EDLG: Charo, Alberto, Sergio, Rosa, Amancio, Judith, Lourdes, María Lestón, Lorena Seijo, Mer, Loreto, Fani, Irene e Bea. Na decoración e ambientación tamén contamos coa axuda inestimable de dúas alumnas de artes escénicas: Laura da Vila e Sofía Rivas. 

Para ser o primeiro scape room que poñemos en práctica na biblioteca... o resultado foi moi bo!

Grazas a todos e todas pola vosa participación! 











27.5.26

Manuel Núñez Singala

  Ao longo da Semana das Letras o Departamento de galego, o EDLG e a Biblioteca organizamos varios encontros con escritores/as galegos/as. O primeiro que nos visitou, o luns 18 de maio, foi Manuel Núñez Singala quen conversou co alumnado de 1º ESO sobre a súa peza teatral Atranco no banco, unha divertida comedia en que uns atracadores zoupóns, trapalleiros e inútiles intentarán roubar un banco. 

Despois da charla, o autor achegouse á nosa radio escolar O son da Noca para ser entrevistado por Xanel e Xoana, alumnas de 1º ESO B.

Entrevista a Manuel Núñez Singala






 


7.5.26

Encontro literario con Olaia Sendón

O 27 de abril a escritora Olaia Sendón, compartiu cos clubs de familias e profesorado do IES Alexandre Bóveda e do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal unha xornada literaria. 

Olaia Sendón falounos da súa novela A Casa Grande, finalista do XLII Premio Xerais de Novela, e das lembranzas familiares que sempre se poden converter, ou non, en materia literaria. 

Deixamos por aquí a entrada no blog Atlas dos Soños (CEIP Plurinlingüe Seis do Nadal), que tamén fai referencia a este encontro compartido entre os dous centros educativos.

Foi unha tarde marabillosa e moi interesante!