27.5.15

O roteiro polos lavadoiros de Coia


Coa colaboración de moita xente o vindeiro Xoves 28 a partir das 18:00 h faremos unha nova edición do Roteiro por Coia aberta á veciñanza. En cada parada falaremos dun tema relacionado coa historia do barrio e os seus habitantes, ademais de ter actuacións musicais. Agardamos que veñades ou cando menos que axudedes a difundir a información. Máis info do roteiro na wiki: roteiroporcoia.wikispaces.com


A auga, o xabrón, a roupa, a cháchara… As risas, as chanzas, as angustias, os segredos…. Os lavadoiros, un espazo de encontro das mulleres.

Nunha sociedade cuxas relacións estaban segregadas en razón do xénero, o rol do home no exterior da casa, na fábrica ou na taberna, dono dos espazos de poder, mentres que o papel da muller ficaba no interior do fogar, responsable dos coidados da familia.

Nunha sociedade case que preindustrial, como podería ser a Coia de hai uns 70 ou 80 anos, as lavadoras eran máquinas de luxo ao que poucas familias poderían aspirar. A alternativa: o lavadoiro de pedra, que se converte así nun espazo de encontro da muller.

O xoves 28 de maio, ás 18:00 horas, partindo do IES Alexandre Bóveda, visitaremos algúns dos lavadoiros que aínda se conservan en Coia, vestixios anacrónicos dun pasado rural devorado por altos edificios e rúas asfaltadas. No percorrido, intercalado por actuacións musicais, tamén falaremos doutras historias da vella Coia: do pequeno poboado castrexo de O Castriño, dun pasado medieval que ás penas podemos albiscar, dunha Coia rural e mariñeira, do doloroso parto da Coia actual…

O itinerario do roteiro coas paradas é o seguinte:

Saída – 18h00: IES Alexandre Bóveda > San Martiño de Coia > Castro Castriño > Lavadoiros de Barxiela e Esturáns > Chegada – 20:00: Lavadoiro de Figueirido.

A actividade está enmarcada dentro do Roteiro por Coia, iniciativa do profesorado do IES Alexandre Bóveda, á cal vos convidamos.

Logo de rematar o roteiro, a partires das 20:00, temos festa con música e actuacións no local do Centro Cultural Autoxestionado “DISTRITO 9” (Camiño do Figueirido 89, Vigo).
Organizan: Roteiro por Coia, IES Alexandre Bóveda, Espazo Alicerces, A.VV. O Torreiro de Coia e Distrito 9.

8.5.15

CLUB DE MANGA: OTAKU ANIKI con Norberto Fernández Serrano


O pasado luns 27 de abril reunímonos o club de manga OTAKU ANIKI ás 14.15 horas na biblioteca para levar a cabo o 1º obradoiro de debuxo de Manga. Contamos coa presencia de Norberto Fernández Serrano, debuxante de comics e manga con unha dilatada traxectoria en numerosas publicacións de España (Ed. Xerais. Golfiño…) e USA (Marvel comics, Image…).

Os  asistentes, todos de 1º da ESO pois tivemos que dividir o grupo para que a actividade fora o máis aproveitable posible, estiveron moi atentos ás explicacións de Norberto que dun xeito práctico, foi debuxando diversos personaxes e actitudes para iniciarse no debuxo dos mangas.

Pouco a pouco na pizarra debuxados por Norberto foron aparecendo personaxes femininos e masculinos acompañados de armas e accesorios cheos de fantasía, pois o manga é un xénero aberto á imaxinación e á creatividade. Os rapaces e rapazas, á vez que seguían as explicacións, debuxaban as súas propias creacións. Rematamos os últimos minutos co traballo individual onde cada un foi perfeccionando os esbozos que crearan ao longo do obradoiro.
Cando tocou o timbre para iniciar as clases da tarde, Norberto agradeceu o interés e bo comportamento dos asistentes e eles agradeceron o seu traballo cun forte aplauso e unha longa “cola” para que Norberto firmase o seu primeiro debuxo manga neste club.

3.5.15

Celebración do Día do Libro

Para conmemorar o Día do Libro a Biblio do Alexandre Bóveda organizou as seguintes actividades:
1.- Concurso fotográfico "Ler ao carón da auga": vinculado ao proxecto interdisciplinar que este curso está adicado as AUGAS DE GALICIA, a biblio pon en marcha este concurso para todo o alumnado.
2.- Intercambio de lecturas: o alumnado dos distintos niveis da ESO compartiron lecturas nas aulas. 1º ESO leron aos compañeir@s de 2º LA FRAGA DE CECEBRE de Fernández Florez; os de 2º leron aos compañeir@s de 1º DOUS CONTOS de Antonio Reigosa do libro "A noite dos pesadelos"; Os de 3º de ESO leron aos compañeir@s de 4º SOBRE A MORTE DE BIEITO de Rafael Dieste ou O AMIGO DELMIRO de Gonzalo Navaza; e os de 4º ESO leron para os compañeir@s de 3º DESDE AS TEBRAS, UNHA CARTA DE AMOR, de Fran Alonso.
3.- Obradoiro de MANGA: Norberto Fdez, debuxante de comic, impartiu unha clase práctica de debuxo de manga para o alumnado do club de Manga OTAKU ANIKI.