Amosando publicacións coa etiqueta alumnado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta alumnado. Amosar todas as publicacións

23.1.12

Concursos matemáticos

Convócase o III Concurso de problemas matemáticos e II de relatos matemáticos. Coma no curso pasado, o concurso farase a través da aula virtual, para o que debedes inscribirvos. Podedes picar neste enlace para consultar as BASES
















10.12.11

No centenario de Cunqueiro

Despois de traballalo nas clases de literatura galega e de trafegar con todos os libros de Cunqueiro que había na biblioteca, o alumnado de 1º B e 2º E de Bacharelato visitaron o día 29 de novembro a exposición que sobre a vida e a obra de Álvaro Cunqueiro organiza a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol na Casa da Cultura Galega de Vigo.

Foron recibidos por Francisco Domínguez, Director da Fundación Penzol, e presenciaron unha presentación en Power Point da historia da propia Fundación e das persoas que contribuíron coa doazón do seu patrimonio bibliográfico e artístico, e co seu esforzo e iniciativa, a dotar os fondos do gran centro de documentación sociolóxica e historiográfica que é hoxe en día a Fundación. Escoitaron falar de Paco Del Riego, de Fermín Penzol, de Ramón Piñeiro, de Xaime Isla e doutros membros do Padroado que fixeron posible que hoxe os galegos poidan pescudar sobre o seu pasado e o seu presente.

Despois de ver os diferentes paneis da Exposición e de familiarizarse coa obra e vida de don Álvaro, o seu fillo César falou do pai desde a perspectiva dos sus anos de infancia en Mondoñedo e da súa aprendizaxe á beira dun home que lle transmitiu o amor por dúas linguas que saben a pan e que converteron a Álvaro Cunqueiro no maior fabulador que deu a literatura nos anos en que só existía o neorrealismo de posguerra.

Despois de diversas preguntas, alumnos e alumnas do Alexandre Bóveda procederon a recitar seis poemas dos diferentes poemarios de Cunqueiro e concluíron coa interpretación do poema que lle dá nome á exposición No niño novo do vento, unha interpretación chea de gusto na que participaron Berenice como intérprete e un grupo de músicos de 2º E (Artes Escénicas) que acompañaron cunha adaptación da música de José Emilio Batallán

Foi unha xornada chea de emoción moi aproveitable na que o alumnado conseguiu introducirse esplendidamente no mundo máxico do Cunqueiro poeta, narrador e dramaturgo.
Crónica de Antón.

Deixamos aquí o vídeo da súa interpretación. Podedes ver máis vídeos desta visita no blog de tecnoloxía.

1.6.11

Recital poético-musical das Letras Galegas

A maioría viña de fóra do instituto, do noso instituto. Viñan do conservatorio, de vivir o 1 º de bacharelato só entre eles, “os do musical”, e rexeitaban o novo centro e a posibilidade (e necesidade) de convivir con outros rapaces e rapazas, da súa idade si, pero de intereses e actitudes totalmente alleos.
Eles, mesmo aquí, ao seu: tocaban os instrumentos nas festas, nos recreos e mesmo entre clase e clase. Parecían vivir illados. Pero a vida e o tempo demostraron que a convivencia nos fai máis tolerantes e eles e elas tamén se abriron (e mesmo ligaron) cos outros.
Parabéns.
E entón, a estes e estas estudantes de segundo de bacharelato de Artes Escénicas, Musicais e Danza propúxoselles facer un recital poético como remate de curso, onde puidesen demostrar esas habilidades case consubstanciais con eles (algúns parece que mesmo teñen a guitarra como apéndice do seu corpo de tanto que anda con ela; outras, non se entende como con ese corpiño tan pequeno poden cargar con tal acordeón… pero, ai!, como o toca!).
E puxéronse á obra alá polo mes de febreiro: elixiron o poema co que máis se identificaban de entre varios e, a partir de aí, viron a maneira de escenificalo, seleccionaron (e mesmo crearon) a melodía que mellor lle acaía… e ensaiaban e ensaiaban cunha dedicación e un estusiasmo digna dos mellores artistas.
Pero saíulles ben, moi ben. Porque, tal e como se demostrou nun salón de actos abarrotado de alumnos e alumnas de 2º de bacharelato e de 1º de Artes Escénicas, e de todo o profesorado que asistiu, o espectáculo foi un éxito.
A combinación de recitado e de poema cantado (marabillosas María cantando “Lela” e Lucía, “Negra sombra”), de música (fantásticos, fantásticos,…) e danza (delicadeza, cadencia,…) entusiasmou aos presentes.
Recén chegados si, pero cunha pegada formidable.
Mil grazas. E parabéns unha vez máis.
Podedes consultar neste documento o programa cos nomes dos artistas e a letra dos poemas que interpretaron




7.4.11

INVESTIGACIÓN SOBRE A MITOSE

Ao longo do segundo trimestre, os alumnos de bioloxía de 4º A/B realizaron un pequeno traballo de investigación sobre a mitose, no que finalmente cada grupo tiña que facer a súa representación gráfica, marcando con distintos materiais a diferenza entre os cromosomas, cromátidas e cromatina. A parte do traballo debusca de información, desta vez queremos destacar a orixinalidade da presentación, na que nada está debuxado, senón feito con materiais como macarróns, fíos, muelles, plastilina... un chisquiño de orixinalidade.

O resultado foi este:






6.4.11

3º ESO A GAÑADORES DO “RALLYE MATEMÁTICO 2011”


Os alumnos e alumnas do curso de 3º ESO A foron os gañadores galegos do XIX RALLYE MATEMÁTICO celebrado o 21 de Marzo do 2011.

PARABÉNS para todos eles.

Os 20 alumnos de 3º ESO A demostraron, unha vez máis, as súas habilidades no eido das Matemáticas. Cos seus amplos coñecementos matemáticos, o seu sentido organizativo, a súa perseverancia, a súa infinita ilusión conseguiron ser os mellores dunha cuarentena de grupos de toda Galicia que coma eles querían ser os primeiros. Este concurso caracterízase por ser unha competición matemática en grupo. A os 70 grupos que participaron este ano no Rallye propúsoselles 5 exercicios para resolver nunha hora. Todos os grupos, o mesmo dia a mesma hora, e vixiados por profesores doutro Centro, fixeron a mesma proba ( 4 exercicios comúns e o quinto específico para 3º ESO ou 4ª ESO), pero cada grupo no seu Centro .

O resultado final xa o coñecedes: 1º premio 3ºA do IES Alexandre Bóveda de Vigo

Despois desta gran alegría para o Centro, para o Departamento de Matemáticas e sobre todo para estes 20 alumnos aínda nos agardan máis satisfaccións: os premios. O primeiro paso é unha viaxe a Santiago de Compostela onde representantes da administración educativa farán entrega de Diplomas e de algúns presentes (non moitos pola crise) aos alumnos gañadores. O premio importante consiste nun desembolso monetario para o gasto do traslado a Toulousse dos gañadores de 3º e 4º de ESO a finais de maio. Unha vez alí estos grupos representarán a Galicia na final do Rallye Matemático de Toulousse.

Moita sorte 3º ESO A e a seguires traballando tan ben como ata agora.

A profesora Rosalía Fernández, que preparou ao grupo para esta proba, fíxonos esta crónica. Desde a biblioteca unímonos aos parabéns para 3º A.

31.3.11

Conferencia matemática

O martes 29 de marzo estivo no noso centro a decana da facultade de matemáticas da universidade de Santiago, a profesora Mª Victoria Otero Espinar, impartindo unha conferencia titulada “As matemáticas na vida cotián”. Foron dúas sesións de 50 minutos, unha para o alumnado de 4º de ESO e outra para o alumnado de 1º de bacharelato, onde a decana fixo unha exposición moi amena na que mostrou ao alumnado (e ao profesorado que asistiu tamén) distintas aplicacións das matemáticas en varios campos (medicina, odontoloxía, xeografía,ciencias socias, tecnoloxía…), curiosidades sobre os sistemas de numeración, representación de gráficas estatísticas con “trampa” ou inadecuadas, a presenza de figuras xeométricas na natureza e, nalgúns casos, o por que destas formas… Non deixou de comentar tamén algún casos de estudios matemáticos carentes de sentido.

O acto servíu como remate a unha serie de actividades do departamento de matemáticas, e nel entregáronse os premios aos participantes nos concursos de relato matemático e de resolución de problemas.

O alumnado nesta ocasón estivo moi atento, debido a amenidade, interese e boa exposición da conferenciante, á que voltamos a reiterarlle o noso agradecemento.

14.3.11

Ilustración gañadora

Durante o mes pasado, como actividade complementaria á exposición de álbum e libro ilustrado, tivemos convocado un concurso para ilustrar o conto de Carlos Casares "A rapaza do circo". A gañadora foi Noa Covelo, que fixo un extraordinario traballo cheo de arte e sensibilidade. Co beneplácito da editorial publicamos a versión en issuu do conto ilustrado por Noa. A nós xa nos pagou a pena.

10.6.10

4º B gañan un premio de vídeo.

O alumnado de 4º ESO B gañou o concurso "A ciencia na miña vida" organizado polos museos científicos coruñeses a nivel estatal, coa realización dun vídeo no que se propón cales poden ser os avances importantes no terreo tecnocientífico. O vídeo pode verse no blog do departamento de tecnoloxía do IES . Agora presentarán o vídeo a nivel europeo o 24 de xuño en Bruselas, a onde acudirán dous alumnos, en representación da clase, acompañados polo seu profe de tecnoloxía, Dani.

3.6.10

Expo Grecia e Olimpíada do saber

O tema do proxecto interdisciplinar deste curso foi GRECIA, traballado desde cinco materias distintas: ciencias sociais, inglés, matemáticas, lingua e literatura. os de sociais tocaron as fases da historia de Grecia, centrándose na arte, historia e sociedade de Atenas e Esparta; os de inglés centráronse no museo británico e a arte grega que hai nel e as súas vicisitudes; os de lingua traballaron buscando información sobre as mulleres gregas, seleccionando as que destacaron e convertendo esa información en poemas acrósticos, investigaron sobre algúns mitos e autores e buscaron e interpretaron expresións procedentes da mitoloxía; os de matemáticas investigaron sobre os matemáticos gregos e os seus principais descubrimentos e teorías. Nas últimas semanas moitos materiais producidos foron subindo ao blog do proxecto, http://pinalex.blogspot.com/ Cos demais materiais fixemos unha exposición. Aos profes Miguel, Eva, Eugenia, Nones, Jesús e Sandra grazas por ese esforciño extra. Ao alumnado parabéns.
Con motivo da exposición, puxemos en marcha a nosa IV Olimpíada do saber, cunha innovación: realizouse a través dun curso moodle. A participación foi elevada e temos unha morea de estudantes de 1º e 2º que xa saben manexarse nas aulas virtuais. Esperamos que esta experiencia dea os seus froitos nun futuro próximo e anime á utilización das novas tecnoloxías como recurso pedagóxico.
Deixamos unha cuantas fotos (+ - 50) da expo.



18.5.10

As matemáticas tamén se len

As matemáticas tamén se len, e os alumnos e as alumnas de 1º de ESO quixérono comprobar e logo contárnolo. Empezaron, como non, lendo. De xeito voluntario, quen quixo escolleu na biblioteca un libro no que as matemáticas estivesen ben presentes: “El diablo de los números”, “Malditas matemáticas”, “El país de las mates para novatos”... A maioría destes libros foran recomendados na clase, pero hai que dicir que non todos: algúns alumnos fixéronse con novos títulos. Despois, compartiron o seu descobremento, para o que confeccionaron os murais expostos no vestíbulo do instituto. Por cada libro lido, unha crítica, ou unha ilustración, un problemiña ou unha brincadeira. Cada un o que quixo. E por suposto coidando o deseño: como podedes ver, o resultado é precioso, védeo con detenimento.

Parabéns rapazas e rapaces porque o voso traballo gustou. Recordade que vos esperan moitos máis libros na biblioteca, moitos deles coas matemáticas como protagonistas ou compañeiras no relato: “Proxecto Bolboreta”, “O curioso incidente do can a medianoite”, “Matemáticas en las matemáticas”...

Só un detalle: algúns preguntámonos por que un dos títulos máis escollidos foi “El asesinato del profesor de matemáticas”.


17.5.10

ALFIN coa prensa en 4º

Dentro do plan de lectura anual, o departamento de galego continuou coa actividade de elaboración de xornais, esta vez co alumnado de 4º. Por unha banda, dirixidos por Carmen, elaboraron xornais nos que tiveron que buscar noticias, resumilas, reelaboralas e pasalas a galego para despois facer un traballo de maquetación onde se prestou especial atención á presentación, xogando cos espazos e a tipografía. Por outra banda, Antón dirixíu ao grupo que participa en "El país de los estudiantes" na elaboración dun xornal con noticias orixinais. Dende a biblioteca sentímonos orgullosos da continuidade destes proxectos ano tras ano e alegrámonos tamén de ser o espazo de traballo onde se desenvolven. Especialmente contentos de atoparnos cunha páxina A3 adicada á biblioteca que inclúe unha entrevista a Rosa Aneiros cando nos visitou e un artigo adicado ao club de lectura e outras actividades da biblioteca . Agora deixamos unhas fotos da exposición destes xornais que se fai no vestíbulo do insti e tamén as dun grupo traballando na biblio planificando a maquetación . En breve colgaremos eses traballos en formato PDF.



Óscar gañador da XII olimpíada matemática para 2º de ESO

O noso alumno Óscar Iglesias González (2º ESO B) foi un dos tres gañadores da XII olimpíada matemática para 2º de ESO, celebrada o 14 de Maio de 2010 en Vigo.
Agora os tres gañadores participarán na fase final da olimpíada matemática estatal que se celebrará do 24 ao 28 de Xuño de 2010 en Palma (Mallorca).
PARABÉNS PARA ÓSCAR (no centro na foto) E PARA OS OUTROS DOUS GAÑADORES

27.11.09

Contra a violencia de xénero no instituto

O mércores, día 25, coma todos os anos, organizamos dende a biblioteca unha campaña de concienciación contra a violencia de xénero. En catro sesións ao longo da mañan, organizáronse sesións no salón de actos para todos os grupos da ESO. Ali, despois de ler un breve alegato da biblioteca, puideron ver o vídeo realizado polos compañeiros de Trafegando Ronseis xunto con tres power points con imaxes, textos e música (Salir corriendo, de Amaral; Ella, de Bebe e Hogar, de Pedro Guerra). No medio das imaxes fomos intercalando as recomendacións de lectura sobre o tema. Tamén se puxeron á disposición do alumnado guías de lectura, que se esgotaron, coas obras da nosa biblio que tocan o tema da violencia contra as mulleres . Temos que agradecer o comportamento respectuoso do alumnado así como o traballo previo feito nas aulas polos profes/as que quixeron charlar sobre o tema co alumnado e a súa asistencia e colaboración ao longo da mañán. E, como non, grazas polos aplausos, que sempre nos dan un chisquiño de animo para seguir traballando por e para vós.



24.5.09

Proxecto Roma e Olimpiada do Saber

Esta pasada semana fomos colocando polo instituto os materiais elaborados polo alumnado do proxecto interdisciplinar. A biblioteca sumouse (tal como estaba planificado) aportando materiais propios. Na expo pódense ver materiais sobre Roma elaborados dende as distintas materias de 1º ESO: Ciencias naturais, ciencias sociais, Lingua e literatura, Inglés e Matemáticas. Na biblioteca tamén instalamos un MUSEO de obxectos romanos (os obxectos foron cedidos polo CEDAM do museo Quiñones de León). Podemos ler sobre medicina, velenos, minas, historia, romanización, sociedade, obra civil, literatura, mitoloxía e relixión, toponimia, expresións latinas, calendario, números romanos, e sobre todo apreciar a imaxinación que lle botaron niso das artes plásticas.
Parte deste material fórono colocando nun blog propio do proxecto, feito polo alumnado despois
de recibir formación por parte da biblioteca.
Ao mesmo tempo comezou a Olimpiada do Saber, que este ano durará quince días, co tema da exposición.




A petición do senado e o alumnado romano do IES, incluímos algunha foto máis da expo, sobre os calendarios, xogos romanos e romanización de Inglaterra.
BubbleShare: Share photos - Easy Photo Sharing

15.5.09

Día das Letras Galegas... As nosas

Hoxe celebramos outra tanda de actividades das Letras Galegas:

Algúns grupos de 1º e 2º ESO viñeron, durante dúas horas, á biblioteca, onde realizaron lecturas públicas de textos seleccionados por eles previamente (predominaron as poesías, aínda que tamén houbo contos e algún relato moi breve). Magnífico traballo deste alumnado que xa asistira en marzo aos actos do día da poesía.

Os demais grupos de 1º e 2º, nunha sesión, e os de 3º e 4º, noutra, asistiron no salón de actos ao visionado de presentacións de power point de poesía galega musicada. Alí estaban Martín Códax, Bernal de Bonaval, Airas Núnez, Francisco Añón, Rosalía, Pondal, Curros, Cunqueiro, Celso Emilio, Lois Pereiro, Bernardino Graña e un auditorio que ás veces cantou e outras tantas barullou.

Os de 1º BACH. tiveron unha conferencia sobre Ramón Piñeiro a cargo do profesor Álvaro Varela. Foi unha conferencia dun gran nivel intelectual e expositivo que nos tivo atentos de principio a fin. O amigo Álvaro foi desgranando con claridade as claves biográficas, políticas, literarias e culturais do persoeiro homenaxeado este ano. Esperamos a súa próxima conferencia-recital (a principios do próximo curso), que versará sobre o noso Ramiro Fonte.



E no recreo, o noso grupo favorito "Os farfalleiros", tocaron varias pezas, entre elas o Pirín pimpím, acompañados vocalmente polos grupos de música dirixidos pola profe Ángeles, tras semanas de duro ensaio... Tamén houbo baile. Deixamos aquí un vídeo (baixa calidade) do acontecemento musical



E para a semana... OLIMPIADA DO SABER

19.2.09

Olimpiada Matemática. Premio para Diego.

Pero, que pasa cos matemáticos deste instituto? Os días 6 e 7 de Febreiro de 2009 celebrouse na facultade de matemáticas de Santiago a fase galega da olimpiada matemática para bacharelato, donde o noso alumno DIEGO PÉREZ ESTÉVEZ foi un dos 9 gañadores da mesma, acadando un terceiro premio. Diego acudirá á fase final estatal que se celebrará en Girona, do 26 ao 29 de Marzo. Parabéns para Diego, que é un vello coñecido desta biblioteca, colaborando con diversas actividades en numerosas ocasións: o ano pasado gañou o concurso de postais de Nadal e foi un dos factotum da exposición sobre o LCH. Aquí tedes a foto de Diego recollendo un premio da biblio no curso pasado.

13.2.09

O noso Darwin

Co motivo do 200 aniversario do nacemento de Darwin, o alumnado de bioloxía de 4º, dirixidos polo departamento de Ciencias Naturais, estivo realizando un proxecto documental. Parte dese traballo é a exposición que dende onte está exposta polo instituto. Seguimos animando ao profesorado á realización de proxectos deste tipo, para os que sempre atoparán a colaboración e apoio da biblioteca. O resto do proxecto consta de diversas actividades: lecturas nas clases, debates e coloquios, xogos sobre a evolución, concurso de cartoons e o obradoiro "viaxe nun barco de vela pola Polinesia-Illas Galápagos-Illas Canarias-África Oriental-Australia", con recollida de información e elaboración de hipóteses.



1.2.09

O club de lectura na librería do barrio.

Como nos conta Piuzaky no blog do club de lectura, o luns pasado tivemos unha interesante e dinámica sesión do club de lectura. Ao remate da sesión decidimos que estaría ben poder ir todos á librería do barrio. Puxémonos en contacto co libreiro de Mendinho, a nosa librería de referencia, a máis cercana (1,6 km dende o insti) e pareceulle unha idea estupenda. Fomos andando nun día que amenazaba chuvia (aquí a amenaza cumpliuse)e recibiunos un libreiro vocacional, Argimiro. En primeiro lugar explicounos o funcionamento dunha librería. Falounos das dificultades das pequenas librerías no medio de tanta gran superficie, aconsellounos visitar algunha editorial (para ver outra parte do proceso). Despois tivemos (todo isto dentro dunha librería pequena)un pequeno debate do que sacamos unha conclusión: é importante que os barrios conten con locais deste tipo, lugares que están a man, a onde podemos ir botar unha ollada cando damos un paseo, do mesmo xeito que nos gustan as pequenas tendas ou as cafeterías do barrio. Alí dentro tamén nos puxemos ao día das novidades editoriais e deixámonos aconsellar sobre posibles lecturas do club para o futuro. Dende logo demos cun libreiro que ama os libros e que os coñece. Para a nosa sorpresa, antes de marchar deulle a cada membro do club un libro de agasallo.