Amosando publicacións coa etiqueta Cunqueiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cunqueiro. Amosar todas as publicacións

10.12.11

No centenario de Cunqueiro

Despois de traballalo nas clases de literatura galega e de trafegar con todos os libros de Cunqueiro que había na biblioteca, o alumnado de 1º B e 2º E de Bacharelato visitaron o día 29 de novembro a exposición que sobre a vida e a obra de Álvaro Cunqueiro organiza a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol na Casa da Cultura Galega de Vigo.

Foron recibidos por Francisco Domínguez, Director da Fundación Penzol, e presenciaron unha presentación en Power Point da historia da propia Fundación e das persoas que contribuíron coa doazón do seu patrimonio bibliográfico e artístico, e co seu esforzo e iniciativa, a dotar os fondos do gran centro de documentación sociolóxica e historiográfica que é hoxe en día a Fundación. Escoitaron falar de Paco Del Riego, de Fermín Penzol, de Ramón Piñeiro, de Xaime Isla e doutros membros do Padroado que fixeron posible que hoxe os galegos poidan pescudar sobre o seu pasado e o seu presente.

Despois de ver os diferentes paneis da Exposición e de familiarizarse coa obra e vida de don Álvaro, o seu fillo César falou do pai desde a perspectiva dos sus anos de infancia en Mondoñedo e da súa aprendizaxe á beira dun home que lle transmitiu o amor por dúas linguas que saben a pan e que converteron a Álvaro Cunqueiro no maior fabulador que deu a literatura nos anos en que só existía o neorrealismo de posguerra.

Despois de diversas preguntas, alumnos e alumnas do Alexandre Bóveda procederon a recitar seis poemas dos diferentes poemarios de Cunqueiro e concluíron coa interpretación do poema que lle dá nome á exposición No niño novo do vento, unha interpretación chea de gusto na que participaron Berenice como intérprete e un grupo de músicos de 2º E (Artes Escénicas) que acompañaron cunha adaptación da música de José Emilio Batallán

Foi unha xornada chea de emoción moi aproveitable na que o alumnado conseguiu introducirse esplendidamente no mundo máxico do Cunqueiro poeta, narrador e dramaturgo.
Crónica de Antón.

Deixamos aquí o vídeo da súa interpretación. Podedes ver máis vídeos desta visita no blog de tecnoloxía.