Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións

26.3.15

Visita dos mestres E-TRAD

Hoxe recibimos a visita dos mestres da Escola Municipal de Música Tradicional. Coñecimos os instrumentos (gaita, vioín,zanfona...),botaron unhas pezas e participamos cantando e tocando con eles o "Chote de Leirado".

Aquí vos deixamos o video e as fotos:

 


1.6.11

Recital poético-musical das Letras Galegas

A maioría viña de fóra do instituto, do noso instituto. Viñan do conservatorio, de vivir o 1 º de bacharelato só entre eles, “os do musical”, e rexeitaban o novo centro e a posibilidade (e necesidade) de convivir con outros rapaces e rapazas, da súa idade si, pero de intereses e actitudes totalmente alleos.
Eles, mesmo aquí, ao seu: tocaban os instrumentos nas festas, nos recreos e mesmo entre clase e clase. Parecían vivir illados. Pero a vida e o tempo demostraron que a convivencia nos fai máis tolerantes e eles e elas tamén se abriron (e mesmo ligaron) cos outros.
Parabéns.
E entón, a estes e estas estudantes de segundo de bacharelato de Artes Escénicas, Musicais e Danza propúxoselles facer un recital poético como remate de curso, onde puidesen demostrar esas habilidades case consubstanciais con eles (algúns parece que mesmo teñen a guitarra como apéndice do seu corpo de tanto que anda con ela; outras, non se entende como con ese corpiño tan pequeno poden cargar con tal acordeón… pero, ai!, como o toca!).
E puxéronse á obra alá polo mes de febreiro: elixiron o poema co que máis se identificaban de entre varios e, a partir de aí, viron a maneira de escenificalo, seleccionaron (e mesmo crearon) a melodía que mellor lle acaía… e ensaiaban e ensaiaban cunha dedicación e un estusiasmo digna dos mellores artistas.
Pero saíulles ben, moi ben. Porque, tal e como se demostrou nun salón de actos abarrotado de alumnos e alumnas de 2º de bacharelato e de 1º de Artes Escénicas, e de todo o profesorado que asistiu, o espectáculo foi un éxito.
A combinación de recitado e de poema cantado (marabillosas María cantando “Lela” e Lucía, “Negra sombra”), de música (fantásticos, fantásticos,…) e danza (delicadeza, cadencia,…) entusiasmou aos presentes.
Recén chegados si, pero cunha pegada formidable.
Mil grazas. E parabéns unha vez máis.
Podedes consultar neste documento o programa cos nomes dos artistas e a letra dos poemas que interpretaron




5.6.08

Les choristes

Este luns día 2 tivo lugar a despedida do noso alumnado de bacharelato. Había moitos motivos polos que a biblio quería estar alí: vánsemos membros importantes do club de lectura, como Helena, Iris e Jorge. Pero esta vez non foron eles o centro de atención, senón o fabuloso coro de profes, dirixido pola nosa compañeira na biblio e profe de música Ánxeles. Interpretaron a varias (ou moitas) voces algunhas pezas do noso folclore (o recente concerto de Tradurbán deixou pegada) tocando varios estilos musicais: chachachá, habaneras e outras cousas "inemitibles". Todo un éxito para a despedida máis alegre dos nosos mozos e mozas. Lembramos que ese día deixou de chover.
NOTA: Este post corre perigo de poder ser modificado

| View Sample Photo Books | Create your own Photo Book

17.5.08

Letras Galegas 2008

Hoxe Venres 16 celebramos na biblioteca a festa grande das nosas letras, o Día das Letras Galegas. Colaboramos co equipo de normalización lingüística e coa vicedirección na organización deste acto, que consistíu na lectura continuada, durante máis de catro horas, de poesía galega, escollida polos propios lectores que foron o verdadeiro motor desta homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez.
Todos os que fixeron lecturas públicas fixérono voluntariamente e cos textos seleccionados por eles, o que lle conferíu máis valor a este acto. Ademáis estivemos acompañados polo grupo de gaiteiras e gaiteiros que se formou no insti para a ocasión. Con gaitas, pandeiretas, bombo e tambor fixemos un pasarrúas percorrendo o insti nos recreos. Ó remate das lecturas fixemos entrega dos premios dos concursos da biblio e da vicedirección. Rematamos coma sempre, cantando o Himno Galego ó son da gaita.

Nos corredores do insti e na biblioteca tivemos unha exposición de diversos carteis e mensaxes alusivos a este día e ás nosas letras, así como unha exposición da obra de Xosé María Álvarez Blázquez.
LONGA VIDA Á NOSA LINGUA.

Fai clic para deter a imaxe

Mostramos tamén un pequeno vídeo musical. Máis adiante colgaremos outros vídeos.Sentimos moito non poder poñer as fotos de todos, pero é que fostes moitísimos/as. Dende a biblioteca queremos mostrar o noso agradecemento pola colaboración prestada.



13.5.08

TRADURBÁN: O MELLOR ESPECTÁCULO PARA AS LETRAS GALEGAS

Hoxe tivemos no centro ós mestres da fundación Sondeseu, nun espectáculo único pertencente ó ciclo de concertos didácticos Tradurbán, organizados pola concellería de educación do Concello de Vigo. Deste xeito, a música únese á festa das Letras Galegas.Foi a propia concelleira de educación a encargada de presentar o acto. O repertorio de música folk foi arranxado polos propios músicos, abarcando distintos xéneros da música instrumental e vocal, ademáis dunha descrición física e sonora dos instrumentos da tradición galega do folk.

Seis dos músicos máis influíntes deste xénero puxeron en escea un concerto inesquecible. Os mestres de Sondeseu son Anxo Pintos (zanfona), Xaquín Xesteira (gaita e percusión), Xosé Liz (bouzuki, requinta), Alfonso Franco (violín), Francisco J. Feijoo "Chisco" (voz e percusión) e contaron coa colaboración especial de Rodrigo Romaní (arpa e guitarra acústica).A nosa compañeira do equipo de biblioteca, Cristina Brea, foi a artista deseñadora do cartel promocional dos concertos para o concello.




Todo un luxo para o noso insti, un concerto onde ademáis invitaron a subir ó escenario ó alumnado que soubese tocar algún dos instrumentos, e deixaron que tocasen con eles (bastante ben, por certo). Tamén houbo baile. Público entregado e agradecido por un acto que non esqueceremos facilmente. A música e as letras da nosa tradición tiveron o seu espazo. Dende logo que foi un bo comezo da semana das Letras galegas, e continuará.... Do resto da semana faremos outro post.




E por suposto, tamén saímos no Faro de Vigo (14-5-2008)