Venres 20 de febreiro. No salón de actos do instituto, e ante unha
morea de rapaces e rapazas de 2º de ESO, pasamos un momento de
agradable charla coa escritora.
O ENDL do centro, seguindo unha tradición xa vella no instituto,
considera que a visita de escritores e escritoras é positiva para
facer máis perdurable a lectura e, de ser preciso, aclarar algún
interrogante que poida xurdir. E con este propósito foi invitada
Fina Casalderrey, unha vez que o alumnado leu A Pomba e o
Degolado.
Neste caso, se tivésemos que titular o tema da charla, diriamos que
foi: O valor da palabra.
Porque a autora quixo facernos ver que coa palabra podemos soñar,
enfadar, negar, convencer, decepcionar...
Empezou facendo unha breve sinopse da súa infancia... sen libros.
Pero coa astucia dos bos narradores, convenceu ao alumnado de que a
súa casa era unha gran biblioteca, cuns pais cultísimos, cun
ambiente social moi lido... E enganounos. E aí empezou a súa
estratexia: a de convencer (ou enganar) coa palabra.
Falounos da orixe, ao seu modo de ver, da literatura (oral, por
suposto):
Un xogador de cartas,
contándolles aos compañeiros de partida, que un lobo, achegándose
pouco a pouco, o comeu. E os outros xogadores (e nós tamén) creron.
Velaí o comezo da narración.
Falounos de como naceu este libro. De como as vivencias poden ser o
primeiro paso para fabular historias máis complexas:
Un seu alumno, con problemas
familiares dolorosos, repetía e repetía e repetía curso. E cando
ela lle mandaba contar unha historia, sempre escribía a mesma...
ficticia, claro: un pai problemático, unha nai máis rara aínda...
e un neno perdido.
Unha historia que vai ser o xerme de A Pomba e o Degolado.
E quixo tamén pór en valor a literatura en papel, pero sen
esquecer que calquera soporte pode ser positivo para contar
historias.
E contounos o caso dun seu
amigo que buscaba unha editorial para publicar unha novela e, como
non a encontraba, optou por publicala na rede. Tantas visitas tivo
que unha editorial convencional lla quixo editar.
Porque calquera medio
vale para emocionar.
E unha vez que ela rematou, houbo un interesante coloquio, con
preguntas dos rapaces e rapazas en torno a cuestións tan diversas
coma o seu interese polas empanadas. (Algún neno sabía do seu O
libro da empanada e preguntoulle da relación entre contar
historias e facer empanadas. E haina, ao parecer).
Firma e dedicatoria de libros... e ata a próxima... porque
continuaremos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario