18.12.16

Actividade sobre refuxiados – OXFAM Intermon




O día 15 de decembro organizamos no IES Alexandre Bóveda unha actividade conxunta entre o Departamento de Historia (Ana Álvarez) e OXFAM Intermon (Cristina Pereiro, Ana Alonso y Luz Valencia) para incidir no tema dos refuxiados, un tema co que levan traballando na clase de historia todo este trimestre.

A actividade desenvolveuse con dous grupos de 1º BAC. Foi presentada como unha actividade de “xogo de rol”, para o que se pediron sete voluntarios/as. A cada un  dos cinco primeiros asignouselle unha personalidade e un punto de vista de partida. Á hora da comida familiar, pai, nai, fillo e avoa teñen que reaccionar ante a proposta da filla: acoller a unha familia de refuxiados sirios durante un ano na casa da praia que apenas usan. Cada un dos “actores/actrices” foi desenvolvendo os argumentos que consideraron adecuados para xustificar a súa postura inicial. Os outros dos voluntarios actuaron como testemuñas, tomando nota dos argumentos máis importantes e facendo un resumo ao final da discusión.

Logo abreuse un debate moi animado co resto do alumnado, no que participaron respostando ás preguntas das profes, que aportaban datos e propoñían novos puntos de vista e de reflexión. Os alumnos e alumnas participaron moito, falando de experiencias persoais, expresando opinións propias e tamén recollidas no ámbito familiar, escolar, etc.

A actividade rematou coa elaboración dun “muro” onde quedaron colgadas as reflexións persoais recollidas en frases breves. 

Este tipo de actividade ten a particularidade que non se limita a ofrecer unha soa visión do tema, senón que nos aproxima á unha situación máis real e permite unha participación moito máis aberta. Era a primeira vez que as compañeiras de OXFAM Intermon a poñían en práctica e podemos dicir que o resultado foi moi ben valorado por todos os participantes. Haberá que repetila!

Ningún comentario: