23.4.08

Bieito Ledo no noso Día do Libro

Hoxe, Día do Libro, tivemos a honra de recibir ó editor Bieito Ledo. Organizamos un colóquio con el para os alumnos de 1º de bacharelato e algúns de 2º. Rodeado dunha enorme espectación, axiña se fixo co auditorio. Falounos da historia do libro, da súa confección ó longo da historia, do mundo editorial. Enseñounos as distintas partes dun libro, incluso repartiu uns "pliegos" previos á paxinación final dunha enciclopedia. A continuación, e coa emoción dunha persoa cun público entregado, falounos da importancia da lectura na formación persoal e agasallounos coa lectura dun texto seu que nos entregou en forma de diploma e nos autorizou para reproducilo aquí. No turno de preguntas amosouse, se cabe, máis afable e familiar e ó rematar o acto quedou departindo con algúns de 2º de bacharelato e fotografiouse con eles. Visitou a nosa biblio e a exposición de Verne, da que daremos amplia noticia en breve.

Reproducimos a continuación o texto-agasallo de Bieito Ledo:

Cando nacemos somos un pequeno vulto de arredor de tres quilos e medio, pero chegamos ao mundo onde podemos medrar. E facémolo en dous campos ben diferentes: por fóra e por dentro.
Para medrar por fóra temos que comer varias veces ao día, ter roupa limpa e axeitada, unha vivenda digna, medios de locomoción... ata chegar a ser adultos. E despois? Despois podemos seguir tendo máis cousas que sempre serán extrínsecas, non formarán parte de nós mesmos. Por moitos alimentos que teñamos adoitamos comer tres veces ao día e levar postos un par de zapatos, aínda que teñamos varios.
En cambio medrar por dentro é abrir os ollos, comezar a sorrir, a corresponder aos aloumiños da nai, a comprender as primeiras palabras, a falar, a ler, a escribir... E todo isto ata cando? ... Ata sempre.
Estamos morrendo e aprendendo. Medrar por dentro forma parte intrínseca de nós mesmos.E medramos por dentro a través fundamentalmente das palabras. Os libros sempre foron, son e serán os que máis nos axuden.
O libros son almacéns organizados de palabras para que sigamos medrando por dentro na familia, na escola, na universidade, no traballo, nas relacións sociais...
Galicia precisa investir en capital humano utilizando as palabras, froito de varios séculos de historia e do traballo dun nutrido grupo de especialistas que as foron organizando e estruturando en forma de libros. Que aproveite!

Bieito Ledo





Ningún comentario: