16.12.14

Visita de Antón Riveiro Coello


Antón Riveiro Coello tivo a ben visitarnos, invitado polo Departamento de Lingua Galega, este luns 15 de decembro ás 12:30 para falarnos ao alumnado de 1º de bacharelato e ao profesorado que asistimos sobre As rulas de Bakunin. Foi un auténtico luxo para o instituto contar coa súa presenza. 
O autor, que se declarou tímido, repasou nun ton baixiño e monocorde, algúns episodios fundamentais da súa biografía que o levaron á converterse en escritor. Falounos do Xinzo de Limia dos anos 70; de como encontrou refuxio na guitarra e nas palabras durante a adolescencia; da capacidade para narrar como unha capacidade útil para levar unha carreira de Dereito, pola que non se apaixonou, e como principal recurso para seducir á que hoxe é a súa muller e apoio fundamental na súa angueira creativa.

 Logo pasou a falar das Rulas e tratou os temas que, despois de 14 anos e catro edicións, sonlle máis suscitados nos encontros nos que participa: o carácter simbólico do título (a liberdade, a emigración e o cariño da palabra “rulas”); de onde xurdiu a novela e o deseño do personaxe do Lambeconas; de onde xurdiu a idea do recitado dun libro; como se documentou e como tratou os personaxes inspirados nunha mestura de persoas reais. Contou, en fin, anécdotas dos encontros co lectorado. Tamén confesou que non consideraba As rulas de Bakunin a súa mellor novela. Non obstante levounos polos lugares máis emblemáticos da súa historia por medio dunha presentación de fotos de Vilaboa e Celas, nos arredores da Coruña.

No remate algunhas alumnas e alumnos preguntáronlle cuestións sobre a novela. “Son moi boas preguntas, difíciles e pensadas”, comentou admirado, e respondeunas sen alarde nin excesivas explicacións, mantendo intactas así as interrogantes que provoca un gran libro.

Lorena Pérez Torrón ( Profesora de Lingua Galega e Literatura).


12.12.14

Tempo de lecer

Un ano máis a rapazada non deixa de nos sorprender. Neste pequeno volume atoparedes unha manchea de contos moi imaxinativos. A proposta inicial era clara: “Que se pode facer no tempo de lecer? Que imaxinas que pode pasar en quince minutos de recreo?" Pois as respostas son moi variadas e divertidas. Finalmente fixemos unha selección dos mellores e esperamos que vos divirtades polo menos tanto coma nós lendo estes relatos. Grazas a todo o alumnado participante de 3º de ESO e 2º de Bacharelato. e a Fonso, o seu profesor. Nunha sociedade libre é preciso a imaxinación.

3.12.14

Concurso de relatos sobre a violencia de xénero

O noso alumnado participou no concurso  de relatos ou traballo de investigación "Que sabemos sobre a violencia que se exerce no mundo sobre as mulleres e nenas?" convocado pola Asociación de mulleres DORNA, do barrio cercano de Coia e pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo. A  participación e o entusiasmo por esta actividade do noso alumnado de 1º ESO foi premiado cun lote de libros que entregou a Concelleira de Cultura e a Presidenta da Asociación Dorna.

Contacontos


Unha vez máis, e gracias á xenerosidade da editorial Richmond-Santillana, todo o alumnado de 1º Bac puido ter a sorte de disfrutos nunha sesión de contacontos/storytelling, xa que foi en inglés e galego. Tim Bowley e Charo Pita tiveronnos enfeitizados coas súas historias traídas de todas as partes do mundo, dende as terras dos Inuit ata o mesmo Vigo. 

Tivemos tamén a oportunidade de volver escoitar a preciosa voz de Charo acompañando un dos seus relatos favoritos, A muller Esquelete. Gracias a Charo e a Tim, e como non, gracias tamén a Richmond-Santillana que nos permiten cada ano deixar atrás aínda que non sexa máis que por un par de horas, o vértigo do mundo dixital e submerxernos nun mundo que non pode quedar esquencido, o da tradición oral.