16.12.14

Visita de Antón Riveiro Coello


Antón Riveiro Coello tivo a ben visitarnos, invitado polo Departamento de Lingua Galega, este luns 15 de decembro ás 12:30 para falarnos ao alumnado de 1º de bacharelato e ao profesorado que asistimos sobre As rulas de Bakunin. Foi un auténtico luxo para o instituto contar coa súa presenza. 
O autor, que se declarou tímido, repasou nun ton baixiño e monocorde, algúns episodios fundamentais da súa biografía que o levaron á converterse en escritor. Falounos do Xinzo de Limia dos anos 70; de como encontrou refuxio na guitarra e nas palabras durante a adolescencia; da capacidade para narrar como unha capacidade útil para levar unha carreira de Dereito, pola que non se apaixonou, e como principal recurso para seducir á que hoxe é a súa muller e apoio fundamental na súa angueira creativa.

 Logo pasou a falar das Rulas e tratou os temas que, despois de 14 anos e catro edicións, sonlle máis suscitados nos encontros nos que participa: o carácter simbólico do título (a liberdade, a emigración e o cariño da palabra “rulas”); de onde xurdiu a novela e o deseño do personaxe do Lambeconas; de onde xurdiu a idea do recitado dun libro; como se documentou e como tratou os personaxes inspirados nunha mestura de persoas reais. Contou, en fin, anécdotas dos encontros co lectorado. Tamén confesou que non consideraba As rulas de Bakunin a súa mellor novela. Non obstante levounos polos lugares máis emblemáticos da súa historia por medio dunha presentación de fotos de Vilaboa e Celas, nos arredores da Coruña.

No remate algunhas alumnas e alumnos preguntáronlle cuestións sobre a novela. “Son moi boas preguntas, difíciles e pensadas”, comentou admirado, e respondeunas sen alarde nin excesivas explicacións, mantendo intactas así as interrogantes que provoca un gran libro.

Lorena Pérez Torrón ( Profesora de Lingua Galega e Literatura).


2 comentarios:

Anónimo dixo...

Que bonita reseña!

Anónimo dixo...

Que reseña máis bonita!