24.6.13

O conde Ory

Xa van tres marabillosas representacións desta obra de Rossini. Parabéns a Julen polo traballo de todo un curso e por tantas horas ao piano. Pero sobre todo, parabéns ao alumnado de bacharelato e de 4º que traballaron na obra. Magníficos todos/as. Iciar, Berenice, Elizabeth, Flavio, Roberto, Alba e Ana nos papeis principais. Mención especial para as/os profes que traballaron arreo para que todo saíse ben: Luz Valencia, Rosa Bea, Mercedes e Dani. E coa ópera en galego, podemos. Mañá martes, ás sete e media, última representación aberta ao público. E outra vez, grazas, Julen, por este regalo que lle fas ao ensino público.



17.6.13

Opera para despedirnos

Catro funcións da ópera "O conde Ory", a cargo do alumnado do bacharelato artístico e musical, baixo a batuta e o piano de Julen. Non se podía despedir mellor o curso. Estades invitados/as. Para os de fóra do centro hai tamén una sesión vespertina.

18.5.13

As Letras Galegas, tamén na radio.


Durante as xornadas dos días 14 e 15 celebramos a primeira parte da festa das letras na biblioteca. Este ano, sen esquecernos do homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, presente nas lecturas do día 15, centramos as nosas actividades na figura de Rosalía, polo 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Grazas as actividades de lectura en relación con Rosalía deseñadas polo departamento de galego, parte das cales terán lugar aínda na última semana de maio, e relacionandoas tamén co noso proxecto de centro dedicado a Vigo,e en colaboración co Concello de Vigo que aportou exemplares gratuitos de Cantares Gallegos, realizouse na biblioteca, na mañán do día 14, o programa de radio de Onda Cero de Raquel Sánchez. No programa, que contou coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, tivemos ocasión de expoñer os distintos proxectos que se levaron a cabo no centro: participación nos premios Irene, Roteiro por Coia, as actividades en torno a Rosalía e o proxecto de centro.  O alumnado do bacharelato musical, dirixido por David, interpretou versións de Negra Sombra e Campanas de Bastavales. Unha alumna das clases de tecnoloxía explicou como elaboraron un proxecto sobre as campás a partir deste poema. Entregóuselle ao alcalde un libro, unha guía de Vigo feita polo alumnado de 3º de ESO. Ao día seguinte, o alumnado do 1º ciclo participou no correlingua, e os do 2º ciclo pasaron pola biblioteca para participar nun acto de lecturas públicas no que procuramos que haxa sempre variedade: Vidal Bolaño, Casares, Castelao, Rosalía, Luz pozo, Celso Emilio, Cunqueiro... Os momento culminante foi cando unha alumna de 3º recitou de memoria, porque a súa avoa llo cantaba de pequena para durmir, o poema Adios ríos..., que posteriormente foi interpretado, nunha versión innovadora, polo grupo de bacharelato musical. Unha ledicia... Deixamos album de fotos das dúas xornadas e algún vídeo.

23.4.13

Un paseo pola literatura no 23 de abril.

No día do libro, e nas vindeiras semanas, teremos no instituto a exposición "Un paseo pola literatura". O equipo da biblioteca seleccionamos 40 autores e un fragamento dunha obra representativa de cada un. Con eses textos e unha caricatura de cada autor (cuxa autoría recollemos nunha páxina de webgrafía) fixemos vinte paneis que temos expostos no vestíbulo. Ao mesmo tempo, elaboramos un plan de traballo para aqueles profesores que visitan a expo co alumnado. Tratase de dar un paseo polas obras da literatura universal que todo o mundo recoñece como imprescindibles pero que xeralmente non len alumnos de instituto, unha especie de guía vital na que non están todos os que son... pero que se ampliará no futuro. Expoñemos tamén as obras na biblioteca.

20.4.13

Encontro con yashmina shawki. Por unhas olivas.



O pasado 12 de abril, visitou a nosa biblioteca a polifacética historiadora galega de orixe kurda, Yashmina Shawki. A charla estivo dirixida fundamentalmente ao alumnado de antropoloxía e ética e historia. Parte do alumnado tivera ocasión de coñecer o seu libro "Fundación Libélula". 
Ofreceunos unha visión histórica dun tema traballado previamente nas clases, o conflito entre Israel e Palestina, de aí o título da conferencia, "Por unas aceitunas". Pero mellor, para saber como transcorreu a xornada, podedes ler esta ampla recensión que nos fixo Carmen Pérez Varcárcel, alumna de 2º bach.