Con Manuel María, homenaxeado das Letras
Galegas 2016
O
venres 27 de maio fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a
Monforte de Lemos. O concello achegounos unha ruta e un acompañante
que nos levou por distintos puntos da vila seguindo o Cancioneiro de Moforte
de Manuel María, escritor que viviu a meirande parte da súa vida
nesta vila lucense. Cada alumno ía provisto dos poemas e un plano
de Monforte para situarnos no percorrido.
Comezamos
a visita guiada no Campo da Compañía e o Mosteiro dos Escolapios.
Neste espazo fixemos visita á capela e a escaleira do colexio, onde
fixemos as primeiras lecturas: Eu
nacín en
outono
e Cancionciña
en lembranza da festa das reliquias.
Seguimos achegándonos ao tranquilo río Cabe, onde lemos Poemiña
do río Cabe.
Pasamos agora pola Ponte Vella e chegamos ao Convento de Santa Clara,
aquí lemos a
Canción da Ponte Vella
e Convento
de Santa Clara.
Despois visitamos, sempre atentos ás explicacións do guía, o
centro de interpretación do viño da Ribeira Sacra, antigo concello
onde realizou o seu traballo Manuel María como procurador. Neste
precioso espazo realizamos a lectura da Canción
da Vendima.
A
continuación marchamos cara á Praza de España e lemos o poema
adicado a Inés
de Castro,
logo de escoitar a súa apaixonante historia. Subimos despois polas
estreitas rúas do Monforte Medieval, pasando pola xudería,
visitando as dúas portas que aínda quedan en pé da antiga muralla.
Chegamos ao Monte de San Vicente, onde está o Pazo, o Mosteiro e a
Torre. Lemos aquí o poema Monte
de San Vicente do Pino,
ao tempo que desfrutamos dunha marabillosa vista de Monforte.
Baixamos novamente cara ao centro, paseamos pola rúa do Cardenal e
rematamos no busto que a vila ten adicado ao escritor. Aquí lemos
Canción
da rúa do cardenal
e Carné
de identidade.
Pola
tarde aproveitamos a viaxe de volta para visitar o convento
cisterciense das Bernardas en Ferreira de Pantón. Aquí fixemos
entrega dun agasallo a Pedro Mirón, alumno do instituto que remata
este ano 2º de bacharelato e que foi un colaborador e fiel
participante no Club de Lectura durante a súa estadía no noso
centro. Completamos a viaxe cun paseo polo casco de Ribadavia. Un día
completo e moi ben aproveitado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario