"Coincidindo co Día do Libro 2012, existe unha iniciativa impulsada por Luis Arizaleta (especialista en lectura e desenvolvemento de iniciativas culturais), e na que temos a honra de participar, que nos fai reflexionar aos que a subscribimos, sobre o que el coñece desde hai máis de vinte anos: o ambiente de lectura na escola, e é ese o nome do manifesto que lles invito a ler. Son doce puntos moi breves pero que, de telos realmente presentes, suporía un verdadeiro reformulación da experiencia lectora, persoal e cultural dos nosos rapaces e rapazas. Para iso dirixímonos a toda a ampla comunidade vinculada coa lectura: escritores, mediadores, contistas, narradores, pais e nais, editores, profesionais da educación... Aínda que sempre oímos aquilo de “niso todos estamos de acordo” o certo é que no mundo vinculado ao libro e á lectura hai moita leria e adorno estéril, pero tamén temos que dicir que hai moita xente traballando, no noso país e máis alá del, para que as cousas non sexan así. Sabemos que hai unha corrente forte e consolidada de xente que traballa para que os pequenos, medianos e maiores vivan a lectura con pracer e sabemos que, ademais, conségueno. E non deixa de ser significativo que xunto a todas esas persoas, que irán en aumento, ou non, non tiveran dúbida en estampar a súa su firma xente como Francesco Tonucci, ou escritoras como Rosa Aneiros ou Fina Casalderrey, de entre un grupo de 108 profesionais relacionados coa lectura. O dito, propóñovos a súa lectura:"
23.4.12
PARA UN AMBIENTE DE LECTURA NA ESCOLA
Sumámonos á proposta que nos chega desde o IES Pedra da Aguia e reproducimos integramente o texto e o manifesto que neste día do libro están a difundir moitas bibliotecas galegas:
20.4.12
Miguel Anxo Fernández
O luns 16 pasamos a tarde con Miguel Anxo Fernández, último acto do que foi un trimestre dedicado á novela policial. O alumnado do club de lectura lera Lume de cobiza, e dous grupos de 4º Un nicho para Marilyn. Falounos Miguel Anxo sobre as orixes de Frank Soutelo e de como se lle ocorren os casos, coma o de Lume de cobiza a partir da vaga de incendios que arrasou Galiza. Pero sobre todo afondou nalgunhas claves da novela policial e as súas relacións co mundo audiovisual, do que é un profundo coñecedor. Fixo un repaso da evolución do xénero na TV a través de tres series que marcaron diferenzas: Canción triste de Hill street, Miami vice e The wire. Escoitamos todos durante máis de hora e media unha charla que respondeu por si sola todas as dúbidas que o alumnado ía plantexar e que superou as nosas expectativas. De momento deixamos unhas fotos, sen contar nada máis mentras agardamos pola crónica que Yago nos pediu facer. Teremos paciencia.
16.4.12
Conferencia de Ana Ulla Miguel e premios matemáticos
O día 11 de abril tivemos a conferencia de Ana Ulla: "A Astronomía que podemos facer coas Matemáticas que xa sabemos", dirixida fundamentalmente ao alumnado participante nos concursos matemáticos
Tamén entregou os premios aos gañadores do concurso de resolución de problemas e de relatos matemáticos.
Na primeira parte da conferencia, e despois de facernos unha introdución sobre a teoría do big bang sobre a orixe do universo, a profesora falou sobre distintas estruturas do universo (galaxias, constelacións, o sistema solar…), así como das unidades de medida utilizadas polos astrónomos. Na seguda parte, despois de comentar como se lle ocorreu ao científico grego Erastóstenes a idea para calcular o raio da terra simplemente ao comprobar que había un día no ano no que os obxectos non daban sombra na cidade de Syene (Exipto), mostrou ao alumnado como calcular a lonxitude do mesmo utilizando as ferramentas matemáticas xa coñecidas por eles e os datos que coñecía Erastóstenes.
Apoiada nunha presentación con bonitas imaxes do universo, a conferencia resultou moi amena.
15.4.12
Ruta literaria: onde o mundo se chama Celanova
O 12 de abril fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Celanova e Vilanova dos Infantes. O noso obxectivo era homenaxear a Celso Emilio no seu centenario. Ao longo do curso falamos del na sesión que tivemos sobre poesía social no primeiro trimestre, e voltamos na última sesión onde informamos do percorrido da nosa ruta e repartimos exemplares de Longa noite de pedra. Escollemos as lecturas que se ían facer en público e preparamos con elas un libriño que repartimos entre os participantes. Non podiamos desproveitar a ocasión para incluir na ruta tamén a Curros Enríquez. Remitimosvos á crónica que fai Yago no blog do club de lectura para ver por extenso como foi. Comezamos coa visita guiada á casa dos poetas, onde fixemos as lecturas xunto co alumnado do IES de Maceda cos que coincidimos. Despois visitamos o mosteiro de San Salvador e fixemos as lecturas dentro do claustro. A continuación lemos na rúa (abarrotada en día de feira)diante dos bustos de Celso Emilio e de Curros. Dirixímonos despois a Vilanova, con visita guiada á Torre e aí chegou tamén a chuva, polo que nos quedou sen ler o poema á Virxe do Cristal ao aire libre. De camiño a Ourense lemos no bus. E para rematar, un regalo: levamos ao alumnado ás termas de Outariz, o ceo abríuse e disfrutaron dun relaxante baño termal.
31.3.12
A Astronomía que podemos facer coas Matemáticas que xa sabemos
Como remate ás actividades do III ConCurso de problemas de matemáticas e II concurso de relatos matemáticos e incluída no plan lector do departamento de matemáticas e no proxecto lector do centro teremos o vindeiro 11 de abril unha conferencia co título:
"A Astronomía que podemos facer coas Matemáticas que xa sabemos"
a cargo de Ana Ulla Miguel, Licenciada en Ciencias Físicas e doutora en Astrofísica pola Universidade de La Laguna. Profesora titular da Universidade de Vigo. Os seus traballos no campo da Astronomía desenvolvéronse na Universidade de Tromsø (Noruega), o Instituto Niels Bohr de Copenhaguen, o Instituto de Astrofísica de Canarias, o Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental de Madrid e a Axencia Espacial Europea. Á marxe da súa actividade docente como profesora da Facultade de Ciencias en Vigo, e de investigación en diversos campos da Astrofísica e as Ciencias da Terra, desenvolve dende hai máis de dez anos unha intensa actividade de divulgación científica organizando dende o ano 2000 un Obradoiro de Astronomía e Astrofísica ou participando en programas como “Feliz Aniversario HAL”, “Polos Mares de Galicia”, “Unha universidade, un Universo” ou “Contos e coplas de estrelas”, entre outras actividades. Durante o Ano Internacional da Astronomía, celebrado en 2009 en 148 países, formou parte do equipo de traballo español, como coordenadora de actividades en universidades. Membro do padroado da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (o cal xestioa o Observatorio Astronómico de Forcarei), foi a súa presidenta dende a súa constitución en 2007 ata outubro de 2010. Membro da Sociedade Española de Astronomía e secretaria do Grupo Especializado de Astrofísica da Real Sociedade Española de Física (do cal foi presidenta entre 2007 e 2011).

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)