8.11.11

Día da Ciencia en Galego

O alumnado de 1º e 3º ESO estivo a traballar nas aulas sobre as figuras da galega María Wonenburger e de Marie Curie. Froito da información recollida, acabaron realizando uns murais que están expostos desde o día 4, Día da Ciencia en Galego.






2.11.11

Actividades contra a violencia de xénero


Dedicamos o mes de novembro ás actividades contra a violencia de xénero. Nos próximo días poderedes ver polos corredores uns carteis coma os da imaxe, preparados para que poidades escribir neles unha pequena declaración a favor da convivencia. Por outra banda convócase un concurso de postais ilustradas e con lema, en galego, a favor da tolerancia, o respecto e a convivencia. Tamén se convoca un concurso de twit-relatos en galego (máximo 140 caracteres) baixo os mesmos lemas que o concurso de postais.
Podedes ler as bases dos concursos nos carteis que hai polo instituto.

As postais e os twit-relatos haberá que entregalos na bibliobóveda antes do día 25 de novembro, día no que celebraremos unha sesión de vídeos contra a violencia.

15.9.11

As Bibliotecas Escolares Galegas despedimos a María Dolores

Comezamos o curso con tristeza. Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto! Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.


Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares
Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares
posanollocurtiscambre

jdoloresj

teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig



13.6.11

Vanakkam. Benvidas. Con Salma na biblioteca.

O xoves 2 de xuño, nunha sesión co alumnado de antropoloxía e noutra cos de ética de 4º, visitounos a escritora de Támil Nadu (India) Salma. María Reimóndez acompañouna e fixo de intérprete. O alumnado preparara nas clases algúns poemas do libro Benvidas, unha selección de poemas de distintas autoras e co patricinio da ONG Implicad@s no Desenvolvemento, poemario no que tamén participa Salma. Falounos Salma das dificultades de ser feminista na India, e aínda máis, de ser musulmá e escritora feminista. Contounos como pasou de ter que escribir a escondidas da súa propia familia ata ocupar un carg o político (directora xeral de asuntos sociais do seu estado, o que aquí sería equivalente a ministra) nunha rexión que case duplica en habitantes a España, tendo que soportar ataques por tratar abertamente a sexualidade feminina nas súas obras. As preguntas do alumnado non xiraron arredor das cousas típicas que poderían preguntar ante unha escritora procedente dun lugar tan afastado física e culturalmente, antes ben interesáronse polas circunstancias sociais, pola educación, pola influencia da relixión, polos avances na mellora da situación da muller…