
25.3.08
O NENO DO PIXAMA A RAIAS: LIBRO DO MES

13.3.08
O neno do pixama a raias: Actividades para a comprensión do libro do mes
10.3.08
Marta Larralde no insti
A semana pasada tivemos unha visita inesperada na nosa biblioteca. Unha ex alumna moi especial veu facernos unha visita a algúns profes e tivo que vir pola biblio. Trátase da nosa querida Marta Larralde, que a pesares de ser tan famosa non se esquece de nós e dixo que sintía unha especial emoción ó voltar polo insti. Andaba a rodar por Vigo para unha serie documental de Antón Reixa, onde unha persoa do mundo cultural fai un percorrido pola súa cidade. Nós tamén sentimos a emoción de ver que esta rapaza do barrio de Coia non esquece as súas raíces e ós seus mestres. Quedamos con ela para que máis adiande veña a falarnos de cine e teatro ó insti.
Aproveitando esta semana da Muller, nós tamén queremos rendirlle homenaxe a esta muller do barrio que se está ganando a pulso un óco no mundo do cine e a televisión, e aínda por riba é agradecida. Marta sempre loitou polo que lle gustaba, e só dous anos despois de saír do instituto xa protagonizou Lena de Gonzalo Tapia, pola que recibiu o premio á Mellor Actriz no festival de Tudela e o premio chano Piñeiro á Mellor Actriz. No 2002 traballou como auxiliar de dirección en Os luns ao sol, de Fernando León de Aranoa, e no 2003 en Descongélate, de Félix Sabroso e Dunia Ayaso.
Despois de participar en O Lapis do carpinteiro de Antón Reixa e Una preciosa puesta de sol, de Antonio del Amo, no ano 2004 acada un dos seus maiores éxitos, varios premios nacionais e internacionais (Toulousse, Tallin, Karlovy Vary, Festival Internacional de Ourense e Mestre Mateo do Audiovisual Galego) como Mellor Actriz polo seu papel de Olvido en León y Olvido de Xavier Bermúdez. A partir de ahí moitas pelis: Mar Adentro, de Amenábar; Interior (noche) de Miguel Ángel Cárcamo; La velocidad funda el olvido, de Marcelo Schapces; El penalti más largo del mundo, de Roberto Santiago; Viure de mentides (para TV) de Jorge Algora; Días azules, de Miguel Santesmaces, pola que estivo nominada ó Mestre Mateo como mellor actriz secundaria; Hotel Tívoli, de Antón Reixa; Contar de memoria, de Marcelo Schapces e Dos miradas, de Sergio Candel.
Tamén participou en varias curtametraxes e series de televisión, destacando a súa aparición en Un paso adelante e a súa interpretación de Luna nunha temporada de Hospital central.Desexamos que a carreira desta nosa actriz siga vento en popa.
Esperamos volver a verte axiña, Marta.
8.3.08
8 de Marzo: Día da muller
¿Ata cando?
Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.
Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.
Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.
Botan a mañá traballando nas leiras.
Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.
Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.
Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.
Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.
Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.
¿por canto tempo, aínda balbinas?
(Clica na imaxe para ver o álbum)
Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
7.3.08
IMOS CONTAR MENTIRAS!!!
Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.
Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.
Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.