25.2.14

Os relevos. Un proxecto de Ciencias.

Como ven sendo habitual, o Departamento de Bioloxía prepara cos alumnos de 3º e 4º de ESO uns traballos sobre diferentes temas. En cursos anteriores preparamos a estrutura do ADN, a célula ou a mitose. Este curso dedicámolo ao estudo dos diferentes relevos: fluvial, costeiro, volcánico, glaciar... Nestes traballos valóranse os coñecementos científicos, pero tamén se teñen en conta factores como a busca de información, con visitas á biblioteca do centro; o uso de internet e doutras fontes posibles; o traballo en equipo, a colaboración e solidariedade e a imaxinación para artellalo mediante o uso de diferentes materiais.
Cumpre dicir que todos os traballos estiveron moi por enriba do nivel, polo que nos resultou difícil escoller os cinco finalistas. Realizamos un vídeo onde a profesora e os gañadores nos explican o proceso.
Tamén deixamos una presentación de fotos da exposición dos traballos e dos libros relacionados co tema. 

22.2.14

VISITA DE MARÍA MENÉNDEZ-PONTE

O venres 21 tivemos unha visita especial. Trátase da autora María menéndez-Ponte, que causou moitísima expectación entre o alumnado de 2º de ESO que traía lida e relida a novela Nunca seré tu héroe, traballada nas clases de literatura. Pasou unha hora voando, nunha serie de preguntas do alumnado e repostas da autora que viñeron a resumir non só a historia , senón tamén as motivacións da autora e dos personaxes, o proceso de creación, a mestura de realidade e literatura, e os folgos que reciben os adolescentes cando len o libro e lles entran gañas de convertirse en heroes das pequenas cousas cotidianas. Cabe destacar tamén que o libro gustou tanto a mozos como a mozas, como o demostra a longuísima cola que se formou para asinar exemplares e a cantidade de fotos que se fixeron con María, que tivo palabras amables para todos/as. Agradecemos esa amabilidade e o bo facer que demostrou. Isti foi empezar o día cunha inxección de optimismo para o alumnado. Grazas, María.

9.2.14

Día da Paz 2014

Como todos os anos, celebramos outra vez o día da Paz. Nos días previos difundiuse entre o profesorado un cuestionario para que puidesen tratar o tema nas clases. No día 30 fixemos una sesión de vídeos, con curtas e canción sobre a Paz. Incluían as curtas Pigeon Impossible e Abrazos, e as cancións Solo le pido a Dios, Blowing in the wind, La calle Mayor, Rosa de la Paz e Irmaus. Un día para a reflexión, no que agradecemos a colaboración do profesorado. Tamén aproveitamos para entregar os premios do concurso de lectura "O libro do trimestre" e os do concurso sobre Matilda feito no club de lectura. Pero isto merece un post a parte no blog do club de lectura.


3.2.14

Taller de escritura medieval

Nestas  últimas semanas, o alumnado de 3º e 4º de ESO participou nun taller de escritura medieval. Baixo a batuta da profesora Pilar Ferrín, convertíronse en copistas medievais por uns días, tomando como tema as moralexas de El Conde Lucanor. O resultado pódese ver estes días polos corredores do instituto.

26.1.14

Lección de cidadanía con David Amor

Este venres 24 visitounos o artista David Amor, para compartir una clase de cidadanía co alumnado de primeiro de bacharelato.  Tivemos a sorte de ver unha cara moi diferente do artista , polo menos unha á que non estamos acostumados na nosa vida diaria. Deixando atrás o mundo da comedia, ofreceu unha visión crítica do mundo que nos rodea, tratando temas como o poder mediático, a capacidade humana de superación, as barreiras que nos poñemos a nós mesmos como individuos, e incluso un tema que parece rexurdir das nosas entrañas: a dignificación de Galicia e a súa lingua nai fóra das nosas fronteiras.
Non nos queda outro remedio que agradecer esta amena lección de humanidade que nos brindou David nas escasas dúas horas que puidemos compartir con el. Gran artista, mellor persoa.

Ana Andrés Domínguez
Brais González Nogueira