25.1.13

UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA

Reproducimos con alegría a noticia publicada no noso imprescindible REDE LECTURA:
 
"A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria. 
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!"
 
Desde o IES Alexandre Bóveda felicitamos a Fina, que xa pasou por aquí hai máis dunha década, e congratulámonos dobremente polo traballo que levamos realizado con O neno can, traballado nas aulas de 2º de ESO e que está a ter continuación no club de lectura de 1º de ESO.

26.12.12

Exposición de textos con instrucións

Co alumnado de 3º de ESO, nas clases de galego traballouse a elaboración de textos instrutivos, descritivos, de explicación de nomes... En todos os casos pedíaselle ao alumnado que presentase o texto de forma artística. Acolleron a proposta con entusiasmo e botáronlle, nalgúns casos, imaxinación, de tal xeito que realizamos con eles unha exposición.

Exposición celular.

Durante este trimestre, o departamento de bioloxía ven realizando unha serie de actividades de reforzo dos coñecementos teóricos. Nesta ocasión, o lumnado de 3ºA, 4ºA e 4ºB esmeráronse na elaboración de maquetas de Células Eucarióticas, traballadas con diversos materiais: plastilina, cartón, porespán, xeso, tea, cola, etc... Ademais de afondar nos coñecementos, buscouse mediante este traballo o fomento do traballo en grupo e a interdisciplinariedade co departamento de tecnoloxía. Con todas estas células fíxose unha exposición durante as dúas últimas semanas do trimestre.

16.12.12

Día dos Dereitos Humanos e O neno can

O día 10 de Decembro parte do equipo de biblioteca estabamos en Madrid recollendo, por fin, o 3º Premio Nacional de Boas Prácticas en Bibliotecas Escolares. Pero no centro deixamos todo listo para traballar, polo menos con parte do alumnado, os Dereitos Humanos. Durante o trimestre, o alumnado de 2º de ESO estivo traballando nas aulas o libro "O neno can", escrito a catro mans por Fina Casalderrey e Francisco Castro. Este último visitou ao alumnado no día 10, e en dúas sesións falouse dos dereitos reflectidos no libro. En cada sesión, o autor foi presentado por dous alumnos. Tamén lle deron a coñecer o traballo realizado nas aulas, nin máis nin menos que a continuación de algúns dos contos. Francisco acolleu moi ben a idea e deu conformidade para publicalos no blog, cousa que facemos no Calameò ao final desta entrada. O alumnado estivo moi participativo e moi concienciado. Ao final, unha morea de libros para asinar.

11.12.12

Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Seguindo a tradición, para esta data preparamos varias actividades. No propio día 25 realizamos sesións de vídeo no salón de actos, co alumnado de 1º e 2º de ESO. Trátase de vídeos para concienciar sobre este problema, que inclúen cancións e recomendacións e recensións de libros. Aproveitamos videos que tiñamos realizados en anos anteriores con algunha novidadee como a canción "Lo que Ana ve", realizado con algunhas imaxes de traballos feitos polo alumnado. Desde a biblioteca convocouse un concurso de marcapáxinas con lema, que tivo unha participación aceptable. Dous dos marcapáxinas foron seleccionados para facer unha tirada e usarémolos na biblioteca durante este curso. Desde as clases de plástica, a iniciativa de Víctor, propúxose a confección dunha manta, de tal xeito que alumnado e profesorado, provistos de fío e agulla, foron cosendo esta manta solidaria, símbolo da igualdade.