27.3.14

Poetízate con Fran Alonso.

O venres 14 de marzo visita a biblioteca do IES Alexandre Bóveda o escritor Fran Alonso. Viña falar de poesía … e falou!
Asistía o alumnado de 4º da ESO, lectores e lectoras da súa antoloxía de poesía Poetízate.
Nunha primeira parte da exposición amena, lúdica e a xeito de recital , o autor intenta explicar ao público xuvenil as catro dimensións da poesía valéndose dalgúns efectos curiosos. Comeza ensinando un globo amarelo que vai inchando para despois preguntarlle ao público que lle parece e explica que a palabra é a primeira dimensión da poesía. E así fai coas demais dimensións: cunha caixiña de música explica o ritmo; sacando papeis de cores dun libro-caixa explica a maxia; e coa lectura (rápida ou lenta) dun poema explica o silencio.

A segunda parte da intervención do escritor convértese nun recital. Con poemas seus e doutros autores transmite as súas ideas sobre para que serve a poesía: a súa presenza en todas partes, a poesía como denuncia, a poesía para falar de amor e decepción …
E non deu tempo a máis … Xa despois do timbre como conclusión e do mesmo xeito que empezou, sacou un globo azul para rematar dicindo que a poesía é “un berro de liberdade”.
Facéndome eco dos comentarios do alumnado tomo prestadas as palabras de Carlos Negro na introdución ao libro Poetízate, cando compara a poesía cunha onza de chocolate porque tamén un poema é “ escuro, pequeno e o máis bo do mundo” e sempre sabe a pouco como esta charla. Grazas Fran.

Crónica de Elsa lamas

Ningún comentario: