10.12.13

RECOMENDACIÓNS PARA UN NADAL DE LIBROS

O Nadal é una boa época para dedicarlla a aquel libro que fai tempo que agardamos ler, ou para ollar algunas novidades, ou mellor aínda, para regalar un libro. Aquí deixamos a nosa árbore de Nadal adornada con libros para todos os gustos. Podedes collelos na biblioteca, ou tomar nota para facer un bo agasallo. Bo Nadal e boas lecturas.
 

4.11.13

Posta en marcha

Levamos xa algo máis dun mes de actividade intensa na biblioteca. O primordial neste mes das bibliotecas foi poñer todo ao día. No que se refire á organización, xa todo o alumnado do instituto dispón do seu carnet de biblioteca: fixéronse máis de douscentos para o alumnado novo e máis de cen para o alumnado de segundo de ESO ao que non se lle puido facer carnet no curso pasado. Temos catalogado una cantidade importante de novidades bibliográficas e de DVDs que xa están a disposición dos usuarios. Realizáronse tamén sesións de formación de usuarios para o alumnado novo.  No tocante ás actividades, xa levamos un mes coa  Hora de Ler . Os clubs de lectura están a pleno rendemento, cunha sesión dos veteranos celebrada xa (con Eskoria, de Alfredo Gómez Cerdá) e continúan coa lectura de Palabras de auga, de Marcos Calveiro.
Neste mes terán lugar as dúas actividades proxectadas para o club de 1º de ESO ao redor de Matilda, de Roald dahl. Temos concertada a visita para o próximo trimestre de Nuría Pradas, que conversará cos de 1º de ESO sobre o libro El misterio de la calle de las glicinas. E estamos xa embarcados en dous grandes proxectos: un, o Proxecto Interdisciplinar de centro, que este curso xirará en torno á gastronomía; e o outro, un Plan de Formación TIC do profesorado no propio centro, onde estamos a aprender cousas interesantísimas que facilitarán e mellorarán a calidade do noso traballo: paquetes ofimáticos de software libre,  ferramentas para o traballo on-line, aula virtual, drupal, tratamento de imaxes, etc.

Recibimos tamén con alegría, o vídeo que fixemos no curso pasado para a páxina web do ministerio: http://vimeo.com/71495316

24.6.13

O conde Ory

Xa van tres marabillosas representacións desta obra de Rossini. Parabéns a Julen polo traballo de todo un curso e por tantas horas ao piano. Pero sobre todo, parabéns ao alumnado de bacharelato e de 4º que traballaron na obra. Magníficos todos/as. Iciar, Berenice, Elizabeth, Flavio, Roberto, Alba e Ana nos papeis principais. Mención especial para as/os profes que traballaron arreo para que todo saíse ben: Luz Valencia, Rosa Bea, Mercedes e Dani. E coa ópera en galego, podemos. Mañá martes, ás sete e media, última representación aberta ao público. E outra vez, grazas, Julen, por este regalo que lle fas ao ensino público.



17.6.13

Opera para despedirnos

Catro funcións da ópera "O conde Ory", a cargo do alumnado do bacharelato artístico e musical, baixo a batuta e o piano de Julen. Non se podía despedir mellor o curso. Estades invitados/as. Para os de fóra do centro hai tamén una sesión vespertina.

18.5.13

As Letras Galegas, tamén na radio.


Durante as xornadas dos días 14 e 15 celebramos a primeira parte da festa das letras na biblioteca. Este ano, sen esquecernos do homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, presente nas lecturas do día 15, centramos as nosas actividades na figura de Rosalía, polo 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Grazas as actividades de lectura en relación con Rosalía deseñadas polo departamento de galego, parte das cales terán lugar aínda na última semana de maio, e relacionandoas tamén co noso proxecto de centro dedicado a Vigo,e en colaboración co Concello de Vigo que aportou exemplares gratuitos de Cantares Gallegos, realizouse na biblioteca, na mañán do día 14, o programa de radio de Onda Cero de Raquel Sánchez. No programa, que contou coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, tivemos ocasión de expoñer os distintos proxectos que se levaron a cabo no centro: participación nos premios Irene, Roteiro por Coia, as actividades en torno a Rosalía e o proxecto de centro.  O alumnado do bacharelato musical, dirixido por David, interpretou versións de Negra Sombra e Campanas de Bastavales. Unha alumna das clases de tecnoloxía explicou como elaboraron un proxecto sobre as campás a partir deste poema. Entregóuselle ao alcalde un libro, unha guía de Vigo feita polo alumnado de 3º de ESO. Ao día seguinte, o alumnado do 1º ciclo participou no correlingua, e os do 2º ciclo pasaron pola biblioteca para participar nun acto de lecturas públicas no que procuramos que haxa sempre variedade: Vidal Bolaño, Casares, Castelao, Rosalía, Luz pozo, Celso Emilio, Cunqueiro... Os momento culminante foi cando unha alumna de 3º recitou de memoria, porque a súa avoa llo cantaba de pequena para durmir, o poema Adios ríos..., que posteriormente foi interpretado, nunha versión innovadora, polo grupo de bacharelato musical. Unha ledicia... Deixamos album de fotos das dúas xornadas e algún vídeo.

23.4.13

Un paseo pola literatura no 23 de abril.

No día do libro, e nas vindeiras semanas, teremos no instituto a exposición "Un paseo pola literatura". O equipo da biblioteca seleccionamos 40 autores e un fragamento dunha obra representativa de cada un. Con eses textos e unha caricatura de cada autor (cuxa autoría recollemos nunha páxina de webgrafía) fixemos vinte paneis que temos expostos no vestíbulo. Ao mesmo tempo, elaboramos un plan de traballo para aqueles profesores que visitan a expo co alumnado. Tratase de dar un paseo polas obras da literatura universal que todo o mundo recoñece como imprescindibles pero que xeralmente non len alumnos de instituto, unha especie de guía vital na que non están todos os que son... pero que se ampliará no futuro. Expoñemos tamén as obras na biblioteca.

20.4.13

Encontro con yashmina shawki. Por unhas olivas.



O pasado 12 de abril, visitou a nosa biblioteca a polifacética historiadora galega de orixe kurda, Yashmina Shawki. A charla estivo dirixida fundamentalmente ao alumnado de antropoloxía e ética e historia. Parte do alumnado tivera ocasión de coñecer o seu libro "Fundación Libélula". 
Ofreceunos unha visión histórica dun tema traballado previamente nas clases, o conflito entre Israel e Palestina, de aí o título da conferencia, "Por unas aceitunas". Pero mellor, para saber como transcorreu a xornada, podedes ler esta ampla recensión que nos fixo Carmen Pérez Varcárcel, alumna de 2º bach. 

13.4.13

Campións do rally matemático

    Os alumnos e alumnas de 1º de ESO Susana Castiñeira Lampón, Iria Feijoo Rey, Lucas Lestón Benavides, Adrián López Fernández, Lydia Lorenzo Cisneros, Antón Sánchez Landesa, Alba Estévez Vázquez, e Martín Lomba Rodríguez, foron os gañadores absolutos do 1º  rally matemático galego para 1º de ESO. O xoves 11 de abril competiron na gran final en Santiago e acadaron a victoria. Moitas felicidades. Agora a pola superfinal  do rally en Toulouse. Aquí podemos velos coa súa profe Paloma. Parabéns para estes futuros científicos...

Conferencia Matemática: curso de cociña estatística

  O pasado mércores 3 de abril a profesora doutora do Departamento de Estatística e Investigación operativa da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, Dna. Rosa María Crujeiras Casais, impartiu a conferencia titulada "Curso de cociña estatística: algunhas receitas sinxelas para cociñeiros noveis" ao alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato.
  Cunha presentación moi amena a profesora amosou a estatística como unha ferramenta (ingredientes) para a investigación científica (menús). Cunha información sinxela e clara, introduciunos no mundo da estatística descritiva e o da estatística inferencial, amosándonos distintos exemplos de campos de traballo e investigacións que teñen a estatística como ferramenta clave.


A conferenciante (esquerda) cos profes de matemáticas
  Esta charla, organizada polo departamento de matemáticas dentro do seu plan lector, é a actividade que pon punto e final ao IV concurso de problemas de matemáticas e III concurso de relatos matemáticos. Previo á charla entregáronse os premios de estes dous concursos, que tiveron por gañadores a:
1º Premio do IV concurso de  problemas matemáticos para 1º e 2º de ESO: David Estévez Prieto (2ºF)
Accesits: Patricia González Cabaleiro, Silvia Mosquera Lago
 1º Premio do IV concurso de  problemas matemáticos para 3º e 4º de ESO: Paula Piñeiro Varela (4ºA)
Accesits: José Luís González Cabaleiro, Pedro Mirón Domínguez
1º Premio do III concurso de  relatos matemáticos para 1º e 2º de ESO: Antía Álvarez Pazó (1º ESO B)

3.4.13

Con Alfredo Gómez Cerdá

O 21 de marzo visitounos no instituto o coñecido escritor de literatura xuvenil Alfredo Gómez Cerdá. No salón de actos, e durante unha media hora, o autor falounos do seu temprano amor pola lectura e o relato,  o proceso creativo,  as súas obras máis exitosas...  A partir de aí, foron os propios alumnos e alumnas de  3º os dirixiron  a conversa.  E Alfredo satisfixo  de boa gaña a súa curiosidade: sobre tempos de espera entre a escrita e a publicación dun texto, a rendabilidade do traballo literario, o seu interese polo público xuvenil... Sorprendentemente, sen embargo, deixaron de lado cuestións relativas á novela lida en clase, El rostro de la sombra, tendo en conta, sobre todo, que o final deste emocionante libro deixáraos bastante intrigados...
        Curiosidades a parte, foi, coma sempre, una interesante experiencia para todos o feito de poder escoitar e  charlar en directo co autor dunha obra traballada previamente na aula.
                                                           
Pilar Ferrín

27.3.13

Antón, Vigués Distinguido

O noso compañeiro Antón Piñeiro é un dos "vigueses distinguidos" do ano 2013. Concédeselle o premio polo seu labor a fronte da Agrupación Deportiva Seis de Nadal e pola súa labor docente. Noraboa e grazas a Antón pola súa dedicación. No seu discurso Antón recalcou a importancia do deporte sen esquecerse do orgullo que lle produce dedicarse ao ensino público no IES Alexandre Bóveda.

11.3.13

Encontro con Núria Pradas.

O día 21 de febreiro visitounos Núria Pradas, autora do libro de lectura obrigatoria en lingua castelá para o alumnado de 1º de ESO, titulado “Heka, un viaje mágico a Egipto”, de Editorial Bambú.
Dado que no noso centro hai cinco cursos deste nivel, repetíronse en dúas sesións, a charla e o coloquio, unha co alumnado de 1º A e B na biblioteca, e outra con 1ºC, D e E no salón de actos.
Nese tempo, a autora presentouse como profesora que fora ata adicarse por enteiro á creación literaria, respondendo a continuación a todas aquelas preguntas que lle fixeron os alumnos e alumnas, onde mostraron o seu interese e curiosidade por variados aspectos do argumento, no que o protagonista, Víctor, un neno do século XXI, viaxa polo tempo ata a civilización exipcia, na que vive situacións sorprendentes con Tutmosis III, futuro faraón, cando era neno.
No coloquio interrogaron á autora con cuestión de moi variada temática: por que lle gusta a historia, cal foi a orixe de elexir entre todas as culturas, a axipcia; desde cando escribe, cantos libros ten  xa coa súa sinatura, se coñece os lugares  que describe, quen tivo a idea do despregable que recubre o libro, por que non desenrolou máis o personaxe da primeira muller “faraón”, que lle levou a elexir eses e no outros exipcios famosos… Pero a pregunta do millón, para a que todos os nosos lectores querían resposta, era , por que o mundo desaparece no último capítulo e non se sabe que pasará con Víctor. Núria entón aclarou que nos dous libros seguintes  que completan a triloxía, sobre as culturas vikinga e maya, resólvese o enigma.
Ó remate houbo un tempo para que Núria asinara os libros. 
O comportamento, en xeral, de todo o alumnado foi moi bo, cousa que a titora de 1º D comunicou  por escrito ós pais, felicitándoos.

6.2.13

Día da Paz

No Día da Paz celebramos no instituto a tradicional sesión de vídeos para o alumnado de 1º de ESO. En dúas sesións asistiron ao salón de actos para a curta "Pigeon impossible" e uns vídeos con karaoke realizados polo equipo de biblioteca ao longo destes últimos anos. Os vídeos, feitos con imaxes propias e de internet, incluían entre as imaxes diversas recomendacións de lectura. 
Ademais, realizouse un cartel con recomendacións de lectura sobre o tema , que se distribuíu por todo o centro e se enviou por correo ao profesorado.
Pero tamén quixemos que o profesorado que nestes día trata o tema nas aulas tivese a oportunidade de amplialo, para o que fixemos unha exposición con recortes de prensa, tratando de recoller os múltiples factores que provocan que a palabra Paz estea a ser reivindicada continuamente. Acompañamos a expo coa elaboración e distribución dun cuestionario de traballo.

31.1.13

CONCURSOS MATEMÁTICOS

Un ano máis, o departamento de matemáticas, organiza o IV Concurso de Problemas Matemáticos e o III Concurso de Relato Matemático. Este ano os concursos están dedicados á matemática e filósofa Hipatia de Alexandría. Pódense consultar as BASES aquí. A participación no concurso de problemas, como en anos anteriores, faise a través da aula virtual, aínda que tamén se irán poñendo os enunciados no taboleiro dedicado a Hipatia que hai no vestíbulo do centro.

28.1.13

Taller de escritura medieval

No scriptorium os alumnos e alumnas de 3º de ESO converté­ronse, durante a última semana do primeiro trimestre, en auténticos artesáns e amanuenses medievais: envelleceron e prepararon o papel, experimentando con distintas cores e texturas, escribiron utilizando letras góticas, decoraron elicadamente, como miniaturistas expertos, a letra capital, e o resultado foi a exposición que poidedes disfrutar na planta baixa do centro; pequenas xoias que parecen saídas directamente dun scriptorium toledano do século XIII... ¿E o tema da exposición? Pois a lírica medieval popular, sinxela, tenra ou pícara; cantigas de amigo, jarchas e villancicos recrean temas universais que nunca se esgotan.

                                                                                                                                          Pili Ferrín



25.1.13

UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA

Reproducimos con alegría a noticia publicada no noso imprescindible REDE LECTURA:
 
"A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!"
 
Desde o IES Alexandre Bóveda felicitamos a Fina, que xa pasou por aquí hai máis dunha década, e congratulámonos dobremente polo traballo que levamos realizado con O neno can, traballado nas aulas de 2º de ESO e que está a ter continuación no club de lectura de 1º de ESO.