2.7.18

CLUB DE LECTURA  Barro de Medellín

En  maio xuntámonos para a nosa pequena festa da lectura e charlar sobre a novela Barro de Medellín do autor Alfredo Gómez Cerdá. Aproveitamos que a hora de lectura coincidía a última hora da mañá e fomos a biblioteca para poñer en común as nosas opinións e puntos de vista sobre esta novela que gañou no ano 2009 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil concedido polo Ministerio de Cultura. A novela inspírase no feito real da construción dun gran parque biblioteca no barrio de Santo Domingo Savio da cidade colombiana de Medellín, edificada con fondos de la Agencia Española de Cooperación (AECID), co obxectivo de intentar educar en valores, así como no respecto a cultura e o patrimonio cultural aos xoves do deprimido barrio de Santo Domingo.
Comezamos cun pequeno vídeo onde as doce alumnas e alumnos de 1ºESO que me acompañaban esa mañá puideron coñecer en primeira persoa a Pedro, un “neno guía” que con 10 anos xa traballa todos os días amosando a súa cidade aos turistas. Todos aprendemos moito coa lectura desta novela: decidimos quen era a nosa personaxe favorita (cuestión na que tivemos opinións variadas), quen nos gustaba menos (aquí, debo dicir, que todos e todas coincidimos), falamos da vida, dos problemas familiares que ás veces nos asolan, xuntos recoñecemos que somos afortunados por poder dispoñer dunha biblioteca, dun instituto e dunha vida relativamente doada e, finalmente, admitimos que todas e todos os alí presentes non só amamos a literatura senón tamén aprender cousas novas e, sobre todo, que nos conten historias que nos emocionen e nos fagan cada día un pouco máis sabios.

















Ningún comentario: