13.10.15

Palabras de caramelo

O pasado luns reunímonos por primeira vez cos novos membros do club de lectura de 1º de ESO. O libro escollido é un libro sinxelo que non chega ás cen páxinas, pero con moita historia que contar.
Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure, fala dun neno saharaui xordomudo que, a través da conversa co seu camelo, chega a facer uns marabillosos poemas. Pero tamén fala da amizade, da morte e, desde logo, da situación dos refuxiados saharauis na  hamada, onde se ven obrigados a vivir. De todo iso e moito mais conversamos cos novos lectores e lectoras do club deste ano, aos que lles encantou o libro.
Un dos episodios conta como a mestra da escola do campo de refuxiados apréndella a ler e escribir ao protagonista, que así empeza a comunicar con palabras todo o que sente e todo o que fala con Caramelo. Como este tema deunos moito para reflexionar, puxemos uns fragmentos da película El milagro de Ana Sullivan, baseado nunha historia real,  que conta como no século XIX, a mestra Sulivan conseguiu aprender a falar, ler e escribir a unha  nena cega e xorda, e o cambio que supuxo para ela o dominio da linguaxe.
Como sempre, a hora non deu de si todo o que quixéramos. Iso si: todos demos boa conta do pastel e biscoito que trouxemos para acompañar a sesión.


Ningún comentario: