18.12.09

Proxecto ALFIN contra a violencia de xénero

Durante o mes de novembro, todos os grupos de 2º ESO viñeron traballando nas clases de cidadanía o tema da violencia de xénero. O resultado deste proxecto foi unha exposición dos murais que realizaron: definicións, causas da violencia, slogans, recortes de prensa, medidas preventivas, cancións, encrucillados... Estes traballos, enmarcados dentro do proxecto lector, terán continuidade, xa que ata finais de xaneiro estarán a traballar sobre os Dereitos humanos e posteriormente sobre a Paz. Iremos dando conta de cada un deles


10.12.09

Alfonso Armada, periodismo e Dereitos Humanos

Hoxe, como estaba previsto, recibimos a visita de Alfonso Armada, periodista e director do Máster do xornal Abc, ademais de autor teatral e poeta en lingua galega e autor de ensaios en castelán. Recibímolo cunha pequena exposición da súa obra e co reparto das guías de lectura que fixemos para a ocasión.

A visita, como contamos no post anterior, serviu de complemento ao proxecto que puxemos en marcha desde a biblioteca para que nas aulas se traballase coas noticias de actualidade, ao tempo que, polo contido da charla, enlazamos directamente coa celebración do Día dos Dereitos Humanos. Neste proxecto de análise da actualidade hai máis grupos implicados (do que xa daremos conta), pero esta vez foi o turno de 2º bach..

Nunha exposición de máis dunha hora, Alfonso Armada fixo un percorrido pola súa traxectoria vital, desde os seus comezos no noso instituto ata a dirección do Máster, pero centrouse especialmente nos dous mundos cos que tivo máis contacto profesional: África, especialmente o conflicto de Ruanda, e EEUU., onde lle tocou vivir dende o atentado das torres xemelgas ata a carreira electoral de Obama. Soubemos de como traballa un reporteiro no medio dun conflicto, das condicións nas que hai que enviar unha crónica, dos temas que “interesan” aos xornais e dos que non, dos protagonistas no medio dos conflictos (o pobo, exércitos, forzas de interposición, periodistas, igrexa…)

Suscitou moitas preguntas entre o alumnado, nun turno de media hora que houbo que cortar por falta de tempo. Desa quenda de preguntas quedamos con algunhas respostas ás inquedanzas do noso alumnado:

- Que hai que repartirse as culpas do que pasa en África, porque asumir nós toda sería considerar á sociedade africana como inmadura, e por outra banda os seus gobernantes moitas veces actúan en connivencia con compañías europeas ou americanas para enriquecerse eles empobrecendo ao pobo.

- Que estar entre os desfavorecidos faite relativizar as cousas, repensar o que é importante e o que non.

-Que algúns países africanos acadaron certo nivel de democracia e baixa corrupción (Boshwana, Namibia, Cabo Verde…)

- Que cando falamos de EEUU. hai que ter en conta que os tópicos que manexamos non explican a realidade, fundamentalmente porque o país ten unha enorme capacidade de reinventarse a si mesmo (exemplo da chegada de Obama á Casa Branca)

E como estamos na escola, rematou falándonos da escola pública en EEUU., onde lle sorprendeu a gran cantidade de actividades que realizan arredor da lectura e a escritura, dado que os rapaces len uns 25 libros por curso, coa súa ficha para entregar, e fan talleres de escritura contando con expertos universitarios… e en todas as actividades hai unha ampla participación dos pais.

Unha xornada que nos dará moito que pensar para moito tempo, polo que agradecemos a Alfonso a súa boa disposición e ao alumnado, a súa atención e participación.

4.12.09

Preparación da visita de Alfonso Armada

Unha das actividades propostas pola biblioteca para o desenvolvemento do proxecto lector foi o traballo na aula con temas de actualidade, lendo na prensa, comentando, buscando información...
Neste marco, tomaron a iniciativa a profesora de galego, Carme, e o profesor de historia, Ricardo. Buscamos alguén que puidese explicar ao alumnado de 2º bach. algúns dos temas candentes no mundo actual, e de aí xurde a iniciativa de contar co escritor e periodista Alfonso Armada, que nos visitará o día 9 deste mes.
Como colofón a todas as informacións suministradas, os profesores prepararon unha sesión conxunta con todos os grupos coordinada polo profesor Ricardo Álvarez onde, sobre todo, se falou de África, nunha charla concibida máis para suscitar interrogantes que para ofrecer certezas. Falou o profesor do gran descoñecemento que temos do continente africano, a pesar do seu tamaño; da diversidade étnica, relixiosa, cultural e xeográfica; e, desde logo, das súas riquezas.
Referíuse ó drama que supuxo o escravismo e o éxodo de gran parte da xuventude actual cara a Occidente en busca dun futuro mellor. O colonialismo como causa desta emigración masiva e como culpable do expolio das súas riquezas. Falouse da explotación dos homes e dos recursos por parte dos países europeos que se convertiron en "amos" de tan vasto territorio; da connivencia cos ditadores ou a imposición directa de gobernos títeres.
E tamén apareceu o tema da SIDA, pandemia que asola o continente, con todos o dramas que contribúen á súa expansión: escasez de retrovirais, supersticións, influencia da Igrexa católica que nega o uso do preservativo como medio eficaz para a prevención.
Dende logo que se suscitou a curiosidade. Esperamos a Alfonso Armada para seguir mergullándonos nos temas que preocupan no noso mundo actual.
Por suposto, tamén recomendaremos a lectura dalgunha das súas obras, que temos na biblioteca e que podedes consultar picando aquí.

29.11.09

O club de lectura na Voz de Galicia

Hoxe a Voz de Galicia publica unha reportaxe sobre o impulso que as bibliotecas escolares galegas lle estan dando ao desenvolvemento das capacidades lectoras. Para a reportaxe contaron coas experiencias de varios centros da Comunidade, e o noso foi o elixido para contar a experiencia do club de lectura. Na entrevista contamos como escollemos os libros e organizamos as sesións, pero tamén as outras actividades que realiza o club (teatro, lectura de poesía, rutas literarias, encontros con escritores na nosa lingua, colaboración con outras actividades do centro...) que non aparecen recollidas na reportaxe, supoñemos que por falta de espazo. Deixamos aquí os enlaces da reportaxe.

Grazas a todos os/as que vos facedes eco desta nova difusión do traballo das bibes galegas.

27.11.09

Contra a violencia de xénero no instituto

O mércores, día 25, coma todos os anos, organizamos dende a biblioteca unha campaña de concienciación contra a violencia de xénero. En catro sesións ao longo da mañan, organizáronse sesións no salón de actos para todos os grupos da ESO. Ali, despois de ler un breve alegato da biblioteca, puideron ver o vídeo realizado polos compañeiros de Trafegando Ronseis xunto con tres power points con imaxes, textos e música (Salir corriendo, de Amaral; Ella, de Bebe e Hogar, de Pedro Guerra). No medio das imaxes fomos intercalando as recomendacións de lectura sobre o tema. Tamén se puxeron á disposición do alumnado guías de lectura, que se esgotaron, coas obras da nosa biblio que tocan o tema da violencia contra as mulleres . Temos que agradecer o comportamento respectuoso do alumnado así como o traballo previo feito nas aulas polos profes/as que quixeron charlar sobre o tema co alumnado e a súa asistencia e colaboración ao longo da mañán. E, como non, grazas polos aplausos, que sempre nos dan un chisquiño de animo para seguir traballando por e para vós.



25.11.09

Non á violencia contra as mulleres

A amiga Loly, dende o Segrel, facilítanos esta presentación na que tan ben analizado está o tema da violencia contra as mulleres.

Non vos perdades este enlace a Trafegando Ronseis, onde podedes atopar informacións de todo tipo.

Non á violencia contra as mulleres

Anxo e Gracia, de Trafegando Ronseis, déixannos este vídeo do que teremos ocasión de disfrutar nas sesións de hoxe.

Non á violencia contra as mulleres.

Charo, dende o blog amigo Mesturas, achéganos esta presentación artística e chea de sensibilidade, que recolle todo o que hai que dicir contra esta lacra que estamos a padecer. Unha visión novedosa que agradecemos enormemente.


10.11.09

Efecto mariposa

Vimos de colgar na barra lateral un apartado adicado aos proxectos do departamento de tecnoloxía. Para estrenar a sección velaí vai este vídeo do proxecto realizado por Óscar, Álex, Paula e Raquel.

A biblioteca na Prehistoria

Durante toda esta semana temos na biblioteca unha exposición de petroglifos da nosa provincia. A exposición foi cedida polo Instituto de Estudos Miñoranos e está sendo visitada pola comunidade educativa. Xunto coa exposición, trala preparación nas clases das profesoras de historia e antropoloxía, teremos unha conferencia na biblioteca o próximo xoves, a cargo do arqueólogo do citado Instituto, Xosé Lois Vilar, para o alumnado de 1º bach. O Venres desenvolverase a actividade final, que consiste nunha visita nocturna aos petroglifos de Auga da Laxe, na serra do Galiñeiro, contando con Xosé Lois Vilar como guía. Non é a primeira vez que o IEM organiza visitas nocturnas deste tipo, nas que se pretende ter unha nova visión dos gravados coa luz rasante artificial.

22.10.09

Club de lectura e hora de ler

A pasada semana iniciamos a actividade do club de lectura, aínda en fase de admisión de novos compoñentes. Está tamén en fase de formación un club de lectura específico para o primeiro ciclo. Polo que respecta ao club veterano, xa estamos coa lectura de A perla, de Jonh Steinbeck, xa que na primeira sesión decidimos que este curso íamos ler algúns dos clásicos do século XX, e non está nada mal a obra do californiano, premio Nobel de 1962.
Por outra banda, tamén comezou no centro a hora de ler, neste curso en sesións semanais dunha hora lectiva, todos os luns, rotando a hora cada semana. Lembramos que podedes facer os comentarios sobre as lecturas que recomendades se picades sobre a foto da biblio que hai na columna da dereita. Con esa mesma acción poderedes tamén ler as recomendacións dos vosos compañeiros/as.
Seguiremos informando de novas actividades, como eses proxectos documentais sobre temas de actualidade que se están tratando de poñer en marcha.

10.10.09

Unha nova andaina

Despois de tres semanas de arduo traballo por parte do equipo de biblioteca, e coa colaboraboración doutras profes, quixemos comezar este curso facendo algunhas melloras que incrementen o espazo e que faciliten o acceso aos materiais da biblio. Cambio de andeis dun lado para outro con posterior man de pintura, reubicación de máis da metade dos nosos fondos, expurgo, fichado de novidades, introducción no programa do alumnado novo, coordinación do novo proxecto interdisciplinar (este ano toca Grecia), preparación da formación do alumnado novo...Todo isto mantívonos ocupados ata agora.

Para a próxima semana iniciaremos novas actividades relacionadas co plan lector, das que xa daremos conta; retomaremos o club de lectura despois do regreso da maioría dos seus membros que estiveron en Gran Bretaña nun programa de inmersión lingüística.

Pero agora queremos amosar o resultado do traballo físico:

- Reubicamos toda a literatura na sala de lectura, creando unha illa literaria ao lado da sala de lectura relaxada.

- Os fondos de consulta atópanse todos na sala de
traballo en grupo.


- Cos novos andeis na zona interior conseguimos máis espazo e luminosidade para a mediateca e para sala de traballo en grupo .





Deixamos unha presentación de todo este proceso, esperando que estes cambios sexan para ben e redunden no beneficio de toda a comunidade escolar




24.6.09

O achado do castro

Luns, cinco da tarde. Os rapaces e rapazas do club de lectura e máis algúns ousados de terceiro por fin representaron a obra de Manuel Núñez Singala O achado do castro, con tan gran éxito de crítica e público, que decidimos seguir traballándoa para o próximo curso. A pesar do pouco tempo de ensaio, a obra saíu perfecta, dentro do marxe permitido da perfección. Esta vez representouse para o alumnado de primeiro da ESO que estivo todo o ano a traballar o tema de Roma dentro do proxecto interdisciplinar. Houbo moitas risas e merecidísimos aplausos, que nalgúns momentos interrumpiron a obra. Felicitamos dende aquí aos actores e actrices, así como a ese público tan entendido en temas clásicos. Amenazamos con mellorar para o próximo curso e facer caer de risa aos demais grupos do instituto. Grazas a Cristina, de quen partíu a idea e dirixíu todos os ensaios; a Bea, que puxo á xente a traballar nos decorados. Do productor non imos dicir nada.
Podedes ver as fotos en tamaño grande en http://leraboveda.blogspot.com/2009/06/o-achado-do-castro.html

BubbleShare: Share photos - Find great Clip Art Images.

21.6.09

Norte e Sur. Visitando bibliotecas

Non, non nos estamos a referir á novela de John Jakes, senón á visita que o pasado xoves fixemos a dúas bibliotecas emblemáticas da nosa comunidade (galega, non de veciños). Chegamos primeiro a Cambre, ao instituto Alfonso X o Sabio, onde nos agardaba o mestre Toño para mostrarnos a biblioteca O bosque animado. Ademais de admirar a recén remodelada biblioteca (este ano ganadora dun premio nacional), tivemos ocasión de aprender moitas cousas sobre o mobiliario e a disposición dos fondos, cuestións ambas nas que tiñamos moito interese. Non dispoñemos de reportaxe gráfica desta primeira visita, as fotos son todas no Segrel (os duendes da prensa).

Despois dirixímonos a Fene, onde nos agardaba Loly para visitar o Segrel do Penedo, aínda que antes decidimos facer unha parada para repoñer fosfatos, potasio e unha amplia gama de vitaminas, nun lugar moi saudable no que non se podía fumar nin vendían tabaco (altamente recomendable por outras esquisiteces). Xa con novos bríos, chegamos ao IES de Fene, onde disfrutamos da fermosa biblioteca á que non lle falta detalle e puidemos falar disto e máis do outro (cousas nosas) nos comodísimos sofás que non están feitos para despois de comer. Tamén apuntamos algunhas boas ideas para a nosa biblio. Aínda tivemos ocasión de coñecer a algún amigo regueifeiro e visitar outras instalacións do centro.
Grazas amigos por compartir con nós esta xornada tan instructiva.

4.6.09

A illa do tesouro e a Ruta de Rosalía

As últimas actividades que realizamos co club de lectura foron unha sesión arredor de A illa do tesouro e a ruta literaria de Rosalía, unha viaxe con poesías por Padrón, Bastavales, Ortoño e Santiago. Podedes consultar as crónicas nos enlaces que vos dixei, correspondentes ao blog do club de lectura. Aínda nos falta a representación de O achado do castro, que se fará no festival de fin de curso. Deixo algunhas fotos da ruta.

30.5.09

Hip-hop galego no instituto

O xoves estivo no IES, nun taller para o club de lectura e 1º BACH de música, García, un membro do colectivo "Dios que te crew", grupo de hip-hop galego. Previamente, o alumnado realizara un mural coas últimas tendencias do rock, pop e hip-hop galegos.

Comezou cunha charla de achegamento á cultura hip-hop e ás súa vertentes artísticas: breakdance, graffiti, DJ'ing e rap. Insistíu en desmontar a idea do rapero como chulo, violento, machista con cochazo e cheo de alfaias, reivindicando o rap como potenciador da comunicación e da reflexión, como un xeito de expresarse e facer poesía. Despois demostróunolo cunhas actuacións nas que interpretou diversos temas, algúns con letras de Celso Emilio. E por suposto que nós tamén participamos e incluso nos atrevemos a mover os brazos ao xeito rapero. E non faltou a sinatura de autógrafos.

BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.

24.5.09

Proxecto Roma e Olimpiada do Saber

Esta pasada semana fomos colocando polo instituto os materiais elaborados polo alumnado do proxecto interdisciplinar. A biblioteca sumouse (tal como estaba planificado) aportando materiais propios. Na expo pódense ver materiais sobre Roma elaborados dende as distintas materias de 1º ESO: Ciencias naturais, ciencias sociais, Lingua e literatura, Inglés e Matemáticas. Na biblioteca tamén instalamos un MUSEO de obxectos romanos (os obxectos foron cedidos polo CEDAM do museo Quiñones de León). Podemos ler sobre medicina, velenos, minas, historia, romanización, sociedade, obra civil, literatura, mitoloxía e relixión, toponimia, expresións latinas, calendario, números romanos, e sobre todo apreciar a imaxinación que lle botaron niso das artes plásticas.
Parte deste material fórono colocando nun blog propio do proxecto, feito polo alumnado despois
de recibir formación por parte da biblioteca.
Ao mesmo tempo comezou a Olimpiada do Saber, que este ano durará quince días, co tema da exposición.




A petición do senado e o alumnado romano do IES, incluímos algunha foto máis da expo, sobre os calendarios, xogos romanos e romanización de Inglaterra.
BubbleShare: Share photos - Easy Photo Sharing

15.5.09

Día das Letras Galegas... As nosas

Hoxe celebramos outra tanda de actividades das Letras Galegas:

Algúns grupos de 1º e 2º ESO viñeron, durante dúas horas, á biblioteca, onde realizaron lecturas públicas de textos seleccionados por eles previamente (predominaron as poesías, aínda que tamén houbo contos e algún relato moi breve). Magnífico traballo deste alumnado que xa asistira en marzo aos actos do día da poesía.

Os demais grupos de 1º e 2º, nunha sesión, e os de 3º e 4º, noutra, asistiron no salón de actos ao visionado de presentacións de power point de poesía galega musicada. Alí estaban Martín Códax, Bernal de Bonaval, Airas Núnez, Francisco Añón, Rosalía, Pondal, Curros, Cunqueiro, Celso Emilio, Lois Pereiro, Bernardino Graña e un auditorio que ás veces cantou e outras tantas barullou.

Os de 1º BACH. tiveron unha conferencia sobre Ramón Piñeiro a cargo do profesor Álvaro Varela. Foi unha conferencia dun gran nivel intelectual e expositivo que nos tivo atentos de principio a fin. O amigo Álvaro foi desgranando con claridade as claves biográficas, políticas, literarias e culturais do persoeiro homenaxeado este ano. Esperamos a súa próxima conferencia-recital (a principios do próximo curso), que versará sobre o noso Ramiro Fonte.



E no recreo, o noso grupo favorito "Os farfalleiros", tocaron varias pezas, entre elas o Pirín pimpím, acompañados vocalmente polos grupos de música dirixidos pola profe Ángeles, tras semanas de duro ensaio... Tamén houbo baile. Deixamos aquí un vídeo (baixa calidade) do acontecemento musical



E para a semana... OLIMPIADA DO SABER

12.5.09

Xurxo Souto na biblio

Onte tivemos na biblioteca un encontro con Xurxo Souto, narrador, músico, actor e compañeiro nisto da filoloxía clásica. O autor de Tres trebóns (ed. Galaxia) iniciou a nosa semana das letras cos segundos de bacharelato. Unha hora moi entretida arredor do noso idioma, da cultura en galego. Contounos historias nas que a lingua é a protagonista, dende "Antuerpe" a "Capetón", de Terranova á Bouzas, a lingua do mar, o galego panoceánico. Pero tamén soubemos de historias do interior, de música en galego (fantástica a historia de Josefa de Bastavales, Manu Chao e Pinto de Herbón). Para o fin de festa tamén lle botamos unhas pezas daquela maneira. Despois todo foi chuvia. Grazas amigo Xurxo por esta despedida tan alegre que tiveron os/as de segundo.


10.5.09

Presentación do Dicionario de escritores de Deza


O pasado Venres, en Lalín, un nutrido grupo de bibliotecarios escolares quixemos arroupar á nosa compañeira, Gracia Santorum, na presentación da súa obra "Dicionario de escritores de Deza", editado por Fervenza. Un emotivo acto que comezou e rematou coa música de laúde de Diego Rojo e no que, ademais da autora, interviron o prologista Mario Pereira e o contacontos Celso Fernández Sanmartín. Coa sala do museo Ramón María Aller Ulloa abarrotada, Gracia emocionounos a todos coas súas palabras sempre cheas de gratitude e amizade. Pero o verdadeiramente importante era a obra da que se estaba a falar, un dicionario que nalgunha medida rescata do esquecemento parte do noso legado cultural .

Aquí deixo a reportaxe gráfica:






23.4.09

Día do libro...por materias

Hoxe, culminando a celebración da semana do libro, sacamos os libros ó vestíbulo. Este ano dun xeito especial, pois fixemos a exposición dos libros daquelas materias que están a elaborar os itinerarios lectores, a excepción de latín, que os sacaremos na exposición sobre Roma. Ademais serviron de mostra para a comisión pedagóxica que se desenvolveu pola tarde, onde se aprobou o proxecto lector e chegouse ao acordo de propoñerlle ó claustro unha hora de lectura completa á semana para todos os grupos da ESO.
Durante a mañán, ademais, tivo lugar un ciclo de conferencias a cargo da Cámara de comercio, nas que se animou á creación de iniciativas emprendedoras no mundo da empresa.

20.4.09

Miguel Anxo Murado na biblioteca

Hoxe, comezando a celebración da semana do libro, tivemos unha xuntanza con Miguel Anxo Murado. Os segundos de bacharelato para conversar acerca do libro Ruído. Relatos de guerra, e os do club de lectura co libro Fin de século en Palestina. Para a ocasión repartimos unhas breves guías de lectura sobre o autor. Murado non decepcionou aos lectores/as. Falounos das súas experiencias en Croacia e Palestina, da vida cotiá entre os conflitos, da normalidade dos ruídos da guerra e fíxoo nun tono realista e desmitificador, comunicando moi ben a mensaxe de que nas guerras só hai cousas malas (en contra do dito de que as guerras sacan o mellor e o peor do ser humano) Tamén tivemos un intre para as opinións e preguntas sobre a vida dos reporteiros e o conflito palestino. Asinou libros ao alumnado e algúns deles, cando marchou o autor, comunicáronnos a súa satisfacción por este encontro. Por este curso pechamos o ciclo que iniciamos coas actividades do Día da Paz centradas no conflito palestino. Agradecemos a Miguel Anxo a súa disposición, amabilidade e o gran comunicador que é. Grazas tamén á Editorial Galaxia por colaborar neste encontro que comezou a fraguarse xa no curso pasado.


26.3.09

Visita de Fernando Lalana.

Hoxe tivemos un encontro co escritor Fernando Lalana. Dende fai máis dun ano, cando puxeramos La tuneladora como libro do mes (incluído na lista White Ravens), tiñamos pensado preparar algo con el. A ocasión chegou da man do seu último libro El asunto Galindo, unha novela policiaca co mesmo protagonista que La tuneladora. O departamento de lingua castelá incluíu este libro entre as lecturas para terceiro de ESO, e dende o club de lectura tamén o aconsellamos. Había máis dun mes que se xenerara unha gran expectación ao redor da súa visita, pois os libros gustaron moito. Incluso chegou a haber intercambio de correos electrónicos co autor.

Non decepcionou: Falounos da súa historia como escritor profesional co mesmo humor e ironía que destila nós casos do detective Escartín (co seu curso sacado en CEAC). Manexou a un auditorio abarrotado sen permitir que se lle fose das mans, para despois contestar a unha chea de preguntas con xenerosidade e paciencia. Despediuse con gratitude e asinou exemplares dos seus libros e algúns alumnos regaláronlle ilustracións que fixeron de El asunto Galindo. Tamén quixo levar uns cuantos folletos que tiñamos preparados sobre as obras del que temos na biblio.

Ensinámoslle a biblioteca, da que quedou encantado, e emplazounos para facer unha sesión nela cun grupo máis reducido. Aínda tivemos tempo para facernos unha foto, tomar café e charlar un pouquiño de literatura xuvenil. Aquí non podo deixar de dicir que tratou de "maestro" ao noso Agustín Fernández Paz, un orgullo para os que tivemos o placer de ler e compartir con el algunha das súas obras.

Dende a biblioteca queremos agradecer a súa colaboración e comportamento ao alumnado de 3º de ESO e ás profesoras Marian, Rosa e Inés polo traballo realizado con este libro.
NOTA: Podedes parar o cubo das fotos para velas mellor, se picades co rato sobre elas.

25.3.09

Celebración do día da poesía

Este ano celebramos o día da poesía cos de primeiro e segundo de ESO. Repartimos once poemas galegos de distintas épocas e comentáronos nas clases. Ao día seguinte fixemos unha audición deses poemas musicados (grazas, sondepoetas, pola magnífica idea) e preparados en power point. Os de primeiro incluso se atreveron a cantar. Dende a bibioteca damos as grazas pola boa acollida que tivo esta iniciativa, polo bo comportamento de todos e, sobre todo aos de primeiro, polos aplauso que brindaron despois de cada canción. Entre isto e a anterior sesión con Asun Estévez chegamos coa poesía a todos os cursos. Esperamos que a partir de agora curioseedes un pouquiño máis polos libros de poesía que temos na biblio.


14.3.09

Pel de Muller

O pasado xoves 12 tivemos na biblioteca un recital de poesía a cargo da poeta Asun Estévez e do alumnado do club de lectura. Foi, sen dúbida, o acto máis emotivo de todos os que se fixeron nesta biblio. Asun Estévez é unha muller que no seu primeiro libro, Pel de Muller, transmite con toda forza as emocións da súa experiencia vital, marcada pola superación dun cancro e pola súa loita contra esta enfirmidade dende a asociación ADICAM (Asociación de diagnosticadas de cancro de mama) da que é secretaria. Tiñamos preparado un acto ao que ía asistir TVE, pero, como soe ocurrir, non viñeron e... eles o perderon.
A autora foi presentada polo seu editor, Bieito Ledo(Ir Indo), e a continuación comezou o recital: primeiro o preparadopolo club, con cinco poemas acompañados de presentación en power point , dous con música gravada e un con música de violín (por Adrián, do club de lectura). Magníficas lecturas que deron paso ao recital da autora que, emocionada, case non podía articular as palabras. Pero iso foi un momento, porque ao empezar a recitar desatouse o furacán. Os seus poemas, na súa voz, acompañados maxistralmente ao piano por Getzabel Argüelles, profesora do conservatorio de Cangas, traspasáronnos a pel, deixáronnos mudos, atentos, clavados aos nosos asientos. Algunha bágoa deslizouse dalgúns rostros... A poesía atravesounos.
Xa ao remate, pero tamén telefonicamente ao día seguinte, recibimos a felicitación da autora e do editor polo recital do alumnado, pola atención e emoción demostradas e porque, como nos dixeron, tamén eles recibiron a emoción dende o auditorio.
Esta poesía, máis alá das consideracións literarias, gústanos: a poesía estivo entre nós, falounos, sacudiunos, golpeounos os sentidos e marchou para a súa casa deixandonos bo sabor de boca. Que máis se pode pedir?


Concerto de E-Trad

Un ano máis tivemos no instituto aos mestres do conservatorio de música tradicional de Vigo nun concerto didáctico memorable. Músicos do máis alto nivel como Anxo Pintos, Xisco ou Rodrigo Romaní, entre outros, tocaron diversas pezas amosando distintos instrumentos tradicionais da música galega. Nesta ocasión tamén formaba parte do grupo o noso compañeiro Chuco (ex Chouteira). Ao final o alumnado que quixo subiu a tocar cos mestres, reservando unha última actuación para o grupo do insti "Os farfalleiros". Pero non todo foi música: tamén houbo baile. Unha festa que este ano quixemos facer na semana da Muller.


Mulleres que puxeron música e cor no mundo

Ese é o título da exposición coa que iniciamos o pasado luns día 9 os actos adicados á Muller. Trátase dun proxecto ALFIN levado a cabo polos departamentos de música, plástica e biblioteca. O alumnado de bacharelato buscou e seleccionou a información e despois elaborou as láminas que foron colocando en paneis ao longo da semana. Realizouse unha selección representativa de mulleres compositoras e pintoras ao longo da historia. Na presentación deixámosvos algunhas fotos da exposición, que colgaremos completa no blog en formato libro dixital.

As presentación de Rockyou deixaron de funcionar, polo que deixamos o enlace ao PDF da exposición

12.3.09

O señor Ibrahim e as flores do Corán

O pasado luns tivemos unha interesante sesión do club de lectura arredor do libro O señor Ibrahim e as flores do Corán. Démoslle a benvida a un novo membro, Rubén. Comezamos de maneira distendida ao redor da comida que cadaquén trouxo de casa. Un libro tan pequeniño e deu para tanto! Tolerancia, convivencia, relixión, guerras, Oriente Próximo, Hollywood, Terceira Guerra Mundial...(?) Unha morea de temas saíron á palestra. Tamén comezamos a distribuír o traballo para a sesión do xoves, un recital de poesía do libro "Pel de muller" a cargo da súa autora, Asun Estévez, e o club de lectura. Ese recital pechará as actividades da Semana da Muller.
Velaí algunhas fotos da sesión do luns á espera de ler a crónica no blog do club de lectura.

BubbleShare: Share photos - Find great Clip Art Images.

8.3.09

As mulleres da literatura española.

Grazas a trafegando ronseis chéganos, un ano máis, este interesante traballo sobre as mulleres da literatura española, que ven a completar o públicado o ano pasado. Reproducimos o texto desa entrada:
Hai un ano falabamos da historia das mulleres que escribiron ao longo da historia e que apenas coñecemos, se é que algo nos poden soar os seus nomes. Recollemos a presentación do ano pasado e realizamos unha nova, de xeito que abranguemos toda a historia da literatura española até o século XX, non incluído.Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.

No século XIX a muller érguese para realizar o seu destino, a súa vida e a súa morte. Que as mulleres escriban -ben ou mal, importa menos- e que o fagan para publicar no século XIX é un paso, unha revolución sen volta atrás. Coller a pluma era coller a espada, contra todo. Escribir delataba vida intelixente, vida pensante inexpresada durante séculos: unha non historia que agora comeza a se converter en historia.

PARA VER AS PRESENTACIÓNS PICA NESTE ENLACE

7.3.09

Día Internacional da Muller. Haberá futuro.

No noso instituto imos celebrar con diversos actos, impulsados pola biblioteca e a vicedirección, o Día Internacional da Muller. Cada un deles terá a súa propia entrada no blog. O luns 9 colocaremos polos corredores a exposición "As mulleres na arte e na música", un proxecto documental que implicou á biblioteca e aos departamentos de música e plástica. O martes teremos o concerto de Tradurbán, a banda integrada polos mestres da Fundación Sondeseu, con Rodrigo Romaní á cabeza. O xoves realizaremos na biblioteca un recital de poesía a cargo da autora Asun Estévez e dos integrantes do club de lectura. Asun Estévez, que vén de publicar o poemario Pel de muller, é unha muller loitadora, secretaria da asociación ADICAM (Asociación de Mulleres Diagnosticadas de Cancro de Mama) que, despois de sufrir unha grave enfermidade, escribiu uns poemas cheos de vida. O seu recital estará acompañado por música de piano e será gravado pola TV Española.
No noso centro cremos que é necesario celebrar estas e outras efemérides, en contra do que opinan algunhas voces críticas, sobre todo ultimamente. E por primeira vez, e vendo algúns feitos que están a suceder, utilizarei este blog para dar unha opinión persoal:
A realidade é que hai máis mulleres ca homes, que son elas as que rematan máis carreiras universitarias, que na empresa privada fan os mesmos traballos cobrando menos, que se lles poñen trabas nos traballos (soldos discriminatorios, despidos por embarazo, acosos...), que os "machitos", aínda por riba, lles esixen ter as camisas alisadas, as camas feitas, etc., etc., etc... E XA ESTÁ BEN.
En que país estamos a vivir? Fanse discursos demagóxicos para ir en contra das cotas nos órganos de goberno ("Que se queremos ao mellor médico ou ao mellor xuíz... sen importar se é home ou muller"). Oxalá non fosen necesarias as cotas! Pero o caso é que ese tipo de discurso penetra entre a poboación, SENDO FALSO NA SÚA BASE. En primeiro lugar porque hai tantas ou máis mulleres preparadas para gobernar coma homes. En segundo lugar porque se non as houbo antes foi porque ata hai pouco a SOCIEDADE e a lei impedían vilmente o acceso da muller aos estudos e o traballo, establecendo uns roles absolutamente discriminatorios e indignos na sociedade actual. En terceiro lugar porque os gobernos non só han de ser bos, senón que han de dar exemplo á cidadanía, que ten que observar e APRENDER que é igual o sexo co que se fan as cousas, o vestido ou o smoking que se leva posto, a cor da pel... (a sociedade americana, tan deostada ás veces por outras cousas, poderíanos dar unhas leccións acerca disto).
É necesario camiñar cara a un futuro no que poidamos deixar de comentar ese tipo de aspectos. Os gobernos son un espello, ao igual que o debemos ser os docentes. As discriminacións positivas son necesarias para que algún día deixen de selo. Cada quen pode facer da súa capa un saio, pero gobernar non é só dar leis: é levar o temón no rumbo correcto e non perder norte, un norte que aínda non temos acadado.

4.3.09

En galego, sen perdón

Dende a pasada semana, e como pequena homenaxe ao aniversario da nosa Rosalía, temos exposta na biblioteca unha mostra retrospectiva de debuxos humorísticos sobre o uso da nosa lingua. Os debuxos son do noso compañeiro Xosé Carlos, e en tono de humor repasan algúns dos tópicos e prexuizos que ao longo dos anos acompañaron e acompañan á nosa lingua. Velaí unha pequena mostra.

3.3.09

Novos cómics en galego

Deixamos aquí esta presentación das novidades de cómic en galego. Xa dispoñedes deles na sección de cómic da biblioteca.


19.2.09

Olimpiada Matemática. Premio para Diego.

Pero, que pasa cos matemáticos deste instituto? Os días 6 e 7 de Febreiro de 2009 celebrouse na facultade de matemáticas de Santiago a fase galega da olimpiada matemática para bacharelato, donde o noso alumno DIEGO PÉREZ ESTÉVEZ foi un dos 9 gañadores da mesma, acadando un terceiro premio. Diego acudirá á fase final estatal que se celebrará en Girona, do 26 ao 29 de Marzo. Parabéns para Diego, que é un vello coñecido desta biblioteca, colaborando con diversas actividades en numerosas ocasións: o ano pasado gañou o concurso de postais de Nadal e foi un dos factotum da exposición sobre o LCH. Aquí tedes a foto de Diego recollendo un premio da biblio no curso pasado.

17.2.09

Libro do mes: Charlie e a fábrica de chocolate


Mozos e mozas de primeiro ciclo da ESO: non perdades a oportunidade de ler este fabuloso libro de Roald Dahl e conseguir máis bibliopuntos. Os bibliopuntos poden servir para gañar o premio deste mes ou para acumulalos e gañar o concurso anual. Non necesitades inscribirvos, só ledes o libro e acudides á biblioteca o día que se vos indique. O libro vaivos gustar, seguro. Ademáis podedes traer as vosas ilustracións sobre este libro, entragádeas na biblioteca no plazo dun mes e unha delas será a gañadora dun premio da biblioteca.

13.2.09

O noso Darwin

Co motivo do 200 aniversario do nacemento de Darwin, o alumnado de bioloxía de 4º, dirixidos polo departamento de Ciencias Naturais, estivo realizando un proxecto documental. Parte dese traballo é a exposición que dende onte está exposta polo instituto. Seguimos animando ao profesorado á realización de proxectos deste tipo, para os que sempre atoparán a colaboración e apoio da biblioteca. O resto do proxecto consta de diversas actividades: lecturas nas clases, debates e coloquios, xogos sobre a evolución, concurso de cartoons e o obradoiro "viaxe nun barco de vela pola Polinesia-Illas Galápagos-Illas Canarias-África Oriental-Australia", con recollida de información e elaboración de hipóteses.



9.2.09

Certame de Cartas de amor

Está en marcha o noso 4º Certame de Cartas de Amor. Entregade os orixinais na biblioteca. Por mor do temporal ampliamos o prazo de entrega ata o luns 16 de febreiro. Admítense cartas artísticas. Xa sabedes: Os gañadores, ademáis de ser publicados na revista "O besbello", recibirán un premio da biblioteca. Ánimo e a participar, aínda que este febreiro aínda non sexa nada primaveral.

6.2.09

Agustín Fernández Paz na biblioteca

Onte visitounos Agustín Fernández Paz , o recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Á sesión asistiron dous grupos de 1º de bacharelato, que prepararan na clase Corredores de Sombra, e máis os membros do club de lectura, que trataran na súa última reunión O único que queda é o amor. Agustín sorprendeunos poñéndonos para empezar música de The Clash, tan presente en Corredores de Sombra. Agustín falounos fundamentalmente da xénese das súas obras, de como a partir dalgún feito concreto nace unha idea que vai madurando pouco a pouco. Así, contounos como naceu Aire Negro a partir dun testamento que caíu nas súas mans, Corredores de Sombra a partir dun "conto mínimo" que despois se convertíu nun relato (Meditación ante o álbum de fotos familiar) que aparece en O único que queda é o amor. Quedámonos tamén coa fermosa historia da creación do personaxe de Skywalker. Agustín cedeulle a palabra ao alumnado, e foi aquí onde o club de lectura se mostrou participativo, plantexando diversas cuestións sobre a O único que queda é o amor . Sentimos que o alumnado de bacharelato non se mostrase igual de participativo (un pequeniño tóque de atención e autocrítica). Para a biblioteca e o club de lectura foi un Día Grande, un dos autores máis lidos e admirados por mozos, mozas e profes conversou con nós, falounos da constancia na lectura e no traballo, regalounos o texto do conto mínimo do que falamos antes e pediunos a guía de lecturas que tiñamos preparada para esta ocasión. Por suposto tamén tivo unha paciencia infinita para plasmar unhas fermosas sinaturas nos libros dos nosos alumnos.


2.2.09

Día da Paz 2009. Gaza esgazada.

O pasado venres, 30 de xaneiro, conmemoramos no instituto o día da Paz. Este ano, dende a biblioteca quixemos dar a nosa visión do que ocorre en Gaza. Fixemos sesións de proxección de 40 minutos, unha por cada nivel. A sesión para 1º ESO consistíu na proxección de vídeo-poemas e cancións-karaoke pola paz. Para os demais cursos preparamos un power-point titulado GAZA-ESGAZADA, tratando de establecer as relacións entre os conflitos que padecemos nas últimas décadas, patrocinados, case sempre polos mesmos actores. Ademáis proxectouse un vídeo do poeta palestino Mahmoud Darwish, con tradución ao galego, un da canción Palestina de Lluis Llach, tamén con tradución, a pequena reportaxe da nena palestina, os poemas en ruso e portugués gravados polas alumnas, Blowing in the wind con karaoke en inglés, a canción we can work it out interpretada pola israelí Noa e a Palestina Mira Awad e, para rematar Let the sunshine in, do musical Hair, con tradución ao galego en karaoke.
Ao principio de cada sesión leuse o manifesto colaborativo e o manifesto "O neno da biblioteca", dos compañeiros de Tui. Ao remate repartíronse as GUÍAS DE LECTURA POLA PAZ. Permanece na entrada do insti a exposición destes libros, así como os poemas pola paz que foron colgando nun taboleiro.


BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.

1.2.09

O club de lectura na librería do barrio.

Como nos conta Piuzaky no blog do club de lectura, o luns pasado tivemos unha interesante e dinámica sesión do club de lectura. Ao remate da sesión decidimos que estaría ben poder ir todos á librería do barrio. Puxémonos en contacto co libreiro de Mendinho, a nosa librería de referencia, a máis cercana (1,6 km dende o insti) e pareceulle unha idea estupenda. Fomos andando nun día que amenazaba chuvia (aquí a amenaza cumpliuse)e recibiunos un libreiro vocacional, Argimiro. En primeiro lugar explicounos o funcionamento dunha librería. Falounos das dificultades das pequenas librerías no medio de tanta gran superficie, aconsellounos visitar algunha editorial (para ver outra parte do proceso). Despois tivemos (todo isto dentro dunha librería pequena)un pequeno debate do que sacamos unha conclusión: é importante que os barrios conten con locais deste tipo, lugares que están a man, a onde podemos ir botar unha ollada cando damos un paseo, do mesmo xeito que nos gustan as pequenas tendas ou as cafeterías do barrio. Alí dentro tamén nos puxemos ao día das novidades editoriais e deixámonos aconsellar sobre posibles lecturas do club para o futuro. Dende logo demos cun libreiro que ama os libros e que os coñece. Para a nosa sorpresa, antes de marchar deulle a cada membro do club un libro de agasallo.


30.1.09

CONSPIRACIÓN POLA PAZ


  • PAZ?????????????
  • PAZ: PAM!. Balas. Confusión, asasinatos, bombas.
  • PAZ: PAF!. Golpes. Cambadelas da vida cotiá. Rancor. Violencia.
  • PAZ: PAZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZ. Soño. Sono indiferente da irresponsabilidade.
  • Non é un xogo. É a fraxilidade da palabra. Espello fiel da inestabilidade do seu significado.
  • Utopía imposíbel.
  • Palabra que xera poesía.
  • Poesía? Poesía e Paz.
  • Esta é a nosa proposta: un mundo reinado pola esperanza das palabras, palabras sublimes que permiten melodías, risos, soños... PAZ.

    Xesto simbólico o das Bibliotecas Escolares, que novamente unen voces, azos e esperanzas. A través do mosaico que supón, por fin na nosa comunidade, a integración de diferentes cores, razas, linguas... chega a poesía capaz de expresar unha mesma arela. O frenesí da humanidade dominado pola forza da palabra. Unidos contra a ignominia da morte inxusta, das violacións das mulleres, da violencia extrema, da existencia dos nenos-soldado, da vinganza. Optamos polo silencio das palabras, da súa mudez. Porque a súa música festexe os días de coñecemento. Porque os aloumiños que desprenden estas balas sexan quen de recargar o porvir. Porque o nosos pentagramas debuxen as fusas non confusas da ilusión, do mañá cargado de bombas de papel. Papeis que falan de sorrisos, de amores, de xustizas. Papeis convertidos en poesía.

    Hoxe, o noso alumnado, dende esas diferenzas que os converten en iguais, transfórmanse en trasnos portadores de equidade. Dende o pasado poético ao presente sonoro, ao futuro harmonioso.

  • Tanques de algodón
  • Armas de caramelo
  • O noso soño
  • O noso desexo
  • A nosa conspiración.


O “disparo” do IES Alexandre Bóveda

Outras potentes armas de exércitos aliados



24.1.09

Grito Paz

Iniciamos as publicacións da semana da Paz con este vídeo-poema de Alberti. Esperamos que vos guste e nos faga reflexionar a todos un pouquiño sobre a necesidade de ir camiñando pola paz. Disculpade o atrevemento de traducir a Alberti.

NOVO SERVIZO WEBQUEST. Día da Paz

A partir de agora, na nosa barra lateral iremos facendo enlaces a aquelas webquest que sexan de utilidade para o profesorado. Para empezar aí deixamos unha webquest para o Día da Paz que pode ser moi útil para traballar en 1º ESO. Chéganos a través da xenerosidade do CEIP Mestre Martínez Alonso. Para todos os profesores que queirades, reservaremos neste blog un oco para as vosas webquest.

9.1.09

Seguimos cambiando. Novos espazos.

Reabrimos este ano a biblioteca con algunhas novidades. Ocupamos todo o espazo debaixo das fiestras da sala de lectura con expositores, un para novidades e pelis e outro para a nova sección de cómic. No medio de ambos colocamos o ordenador para as consultas do catálogo polo alumnado. Ao final da sección de cómic temos a remodelada sala de lectura informal (famosos sofás tulsta incluídos), onde temos pendente un expositor-separador para as revistas. Tamén temos novas mesas e algún ordenador novo na mediateca. A sección de cómic está causando sensación.