25.12.17


O pasado luns, 27 de novembro, reunímonos por primeira vez neste curso as lectoras e lectores do club de lectura de 1º de ESO.
De novo, a primeira lectura que fixemos no curso foi de relatos de medo. Esta vez, o libro escollido foi A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, autor xa coñecido por todos os membros do club, que comentaron outras obras del, como Cartas de inverno, tamén con algún relatos de terror. Falamos, ademáis, dos relatos que máis lles gustaron, como o de “A casa azul” e o terror diso que nunca vemos pero que podemos imaxinar; ou o de “A néboa da vinganza”, “Un incidente no internado”,e “Herdanza de sangue”, historias de vampiros e de pantasmas que nos engancharon. Pero tamén comentamos a historia que envolve todos eses relatos: a dos escritores e guionistas que se reúnen nun hostal aillado no monte, na Fonsagrada, para facer o guión dun programa de televisión “As fronteiras do medo” e, como fixeran tamén Byron, Mary Shelley e outros escritores hai moito tempo, cada un le a súa historia cada noite, ata que descubren que eles mesmos están dentro dunha historia de terror: non só porque algúns dos personaxes do hostal que crían reais levaban mortos xa anos, como se descubre por unha nota manuscrita atopada por un dos protagonistas, senon pola neve que os ten aillados alí e que non para de caer. Como di un dos personaxes, esa si que era unha “historia de terror actual”.
Como sempre, a conversa estivo acompañada dunha merenda con biscoitos.







100 ANOS DA REVOLUCIÓN RUSA

Para finalizar o trimestre inauguramos e expo 100 ANOS DA REVOLUCIÓN RUSA 1917-2017 con paneis informativos sobre os personaxes e os feitos máis relevantes desta etapa da historia do século XX que mudou o mundo. Dende Marx e Engels, os filósofos redactores do “MANIFESTO COMUNISTA” que impulsou a revolución dos soviets, pasando pola familia imperial rusa e o monxe intrigante Rasputín, a expo percorre os inicios da revolución coa manifestación das obreiras de San Petersburgo pedindo PAN E PAZ, debido ás penurias que estaba a soportar o pobo ruso pola participación na 1ª Guerra Mundial.
Completan e expo mapas e materiais literarios cedidos pola ASOCIACIÓN MÁXIMO GORKI de Vigo en alfabeto cirílico, e os fondos bibliográficos da nosa biblioteca tanto da literatura rusa como doutras materias, en especial a filosofía e cine, con películas míticas como DOCTOR ZHIVAGO ou os textos filosóficos de Karlos Marx.
Acompañando a estos personaxes que transformaron o mundo, dedicamos un espazo ás mulleres revolucionarias, como Alexandra Kollontai, a primeira muller do mundo en ter un cargo político como Comisaria do pobo, ou Nadezhda Krúpskaya, alto cargo do partido Comunista ruso. Ambas levaron a cabo una intensa labor en favor dos dereitos das mulleres establecendo una lexislación que favorecía a igualdade e a conciliación da vida familiar e laboral. Na expo están acompañadas doutras mulleres que destacaron ao longo do século XX como feministas de esquerdas. Por iso esta parte da expo titúlase SEN AS MULLERES NON HAI REVOLUCIÓN. Será esta a revolución do século XXI?