16.2.17

Los infortunios de Sbovoda

O luns 13 de febreiro tivemos unha  reunión do Club de lectura dos maiores (2ºESO-BAC). Nesta ocasión o libro escollido foi Los infortunios de Sbovoda do escritor húngaro János Székely , unha brillante alegoría da invasión nazi que sitúa nunha pequena vila checa. Se ben a obra foi escrita na década de 1940, nos limos a edición da mesma publicada en 2015 por Impedimenta.
Para comezar, e para situarnos, falamos un pouco sobre o contexto, no espazo e no tempo, da obra: xeografía e historia, imperio austrohúngaro, guerras mundiais e cambios na Europa política.... Falamos tamén sobre o autor, que exerceu como guionista de cine en Hollywood, chegando a acadar un óscar. Continuamos logo coa análise da obra por parte dos membros do club e un intercambio de opinións sobre a trama, analizamos os personaxes e os seus comportamentos (por suposto con diferenzas de opinións en algúns casos), e falamos sobre como se pode escribir sobre un tema tan escabroso dunha forma tan orixinal, fácil de ler e incluso, poderiamos dicir, divertida.

A maioría coincidimos en que nos gustou, e todo isto despois dun merecido xantar (con sobremesa incluída) logo dunha dura mañá de clases.

15.2.17

Visita de Anxo Fariña

O día 13 de febreiro compartimos inquedanzas literarias con Anxo Fariña (Vigo, 1977). O alumnado de 1º ESO puido conversar co autor de Os Megatoxos ou A chave da Atlántida e coñecer como, cando e onde xurdiron as ideas para a creación destas e outras obras que xa o converteron nun referente no ámbito da ilustración e da literatura infantil e xuvenil galega. Acompañou a súa conversa das ilustracións que durante a mesma realizou de xeito que un dos alumnos foi por el retratado e convertido case nun personaxe que podería ser un próximo protagonista das súas obras. Unha rolda de preguntas do alumnado e a sinatura das súas obras puxo fin a un gratificante encontro que nos deixou con ganas de seguir lendo durante mil primaveras máis. 

14.2.17

Mío, mi pequeño Mío


O último luns, 13 de febreiro, reunímonos de novo  os lectores e lectoras do club de lectura de 1º de ESO para comentar a novela  Mío, mi pequeño mío, da famosa escritora sueca Astrid Lindgren, autora da coñecida  Pippi Calzas Largas. Esta novela encantounos a todos pois, aínda que comeza cunha historia bastante triste dun neno,  Bosse, non querido polos tíos que o coidan , enseguida entrará en contacto, a través dun xenio atopado nunha vella botella,  cun mundo marabilloso onde terá todo aquilo que desexa: un pai que o agardaba e que o quere, que ademáis será o rei dun mundo case perfecto a non ser polo sinistro Kato, que fai desaparecer a moitos dos que viven no reino. O protagonista terá que enfrontarse con Kato e vencelo, para o cal contará coa axuda do seu bo amigo Yum  e de moitos obxectos máxicos que lle irán regalando distintos personaxes.  Ao final, cómo non, o ben triunfará sobre o mal, e o protagonista, que agora se chama Mío,  sairá vencedor.
Á historia non lle falta ningún dos ingredientes dunha boa novela fantástica: un cabalo volador, unha capa que fai invisible a quen a leva, unha mazá de ouro, un pozo que conta historias secretas á tardiña, unha espada invencible … Moitos destes obxectos máxicos recoñecéronos as lectoras e lectores noutras historias que leran ou viran no cine, como as de Tolkien, ou as da serie de  Harry Potter de J.K. Rowling.  
Ao acabar a novela, non sabemos se toda a aventura que vive o protagonista non é máis que un soño do que espertará  para volver ao seu mundo “real”  ou se quedará a vivir para sempre no País da Lonxanía , pois non queda claro de todo.  Aínda que houbo distintas opinións ao respecto, o  mellor é pensar que  seguirá vivindo nese reino onde será Mío, o fillo do rei, e vencedor de Kato.

Ao longo da reunión, como sempre, disfrutamos non só  da conversa sobre a lectura  senon tamén  dalgúns doces cos que a amenizamos.                       

1.2.17

Día Escolar pola Paz

O venres 3 de febreiro celebramos o Día da Paz. Cos cursos da ESO realizamos unha actividade na biblioteca durante as dúas últimas horas da mañá. Este curso tentamos facer unha reflexión arredor das persoas refuxiadas e dos dramas vividos nas travesías polo Mediterráneo.

Simulamos unha viaxe de noite, nun dingui, amoreados, para rematar cun pequeno vídeo de presentación do documental ASTRAL, emitido no programa “Salvados”. Finalmente pedimos a cada un dos rapaces que escribisen as súas impresións que posteriormente expuxemos  na corcheira da entrada do centro.

Por outra banda, solicitamos ao profesorado  que comentasen co seu alumnado, nas clases de titoría, a experiencia , en especial facendo fincapé na iniciativa do colectivo Proactiva Open Arms proactivaopenarms.org, protagonista do documental, como exemplo de como a cidadanía, con vontade , pode facer moito para vivir nun mundo mellor.



Día da Paz by Slidely Slideshow