28.4.08

A sombra descalza na biblio. Visita de An Alfaya.

O pasado Venres 25 de abril visitounos An Alfaya, autora de A sombra descalza. Foi unha visita inesquecible coa biblioteca abarrotada e co club de lectura en primeira liña (algúns dos seus compoñentes viñan traballando na obra e fixeran unha sesión para comentala). An sorprendeunos a todos coa nova de que fora alumna do noso insti e unha das creadoras da nosa revista "O besbello saltón". Mencionou á súa profesora de literatura no insti e entón démoslle nós a sorpresa: aínda traballa aquí. Tras un emotivo encontro, continuou falando: da necesidade da formación de lectores críticos, da importancia das opinións persoais e, como non, do libro. Contounos como naceu o libro a partir dunha anécdota real e lanzounos un reto: a partir desa mesma anécdota construir un relato distinto e despois facerllo chegar a ela. Moitos alumnos aceptaron. A ver que pasa.
O tempo pasou voando. Ó final asinou libros e tivo a amabilidade de posar para as fotos cos do club de lectura.



26.4.08

EXPOSICIÓN: VIAXE Ó MUNDO VERNE. OLIMPIADA DO SABER E LIBRO DO MES

Dende principios de curso vimos planificando esta exposición. A idea xurdiu mentras estabamos facendo a programación do PIN, que tiña como tema a Illa de San Simón. Unha referencia ó capitán Nemo buscando os tesouros de Rande e acendeuse a chispa. A partir de ahí dedicámonos a buscar información e imaxes. Tras unha laboriosa selección acabamos montando os seguintes paneis: Obras mais coñecidas de Verne; Biografía e obra completa; Verne no cine e TV; Os amigos de Verne; Algúns coetáneos ilustres; O xénero da ciencia-ficción e principais autores en época de Verne; Liña do tempo Verne; Verne en Vigo; Ciencia, tecnoloxía e historia nas prediccións de Verne. E, por suposto, O capitán Nemo atracou o Nautilus na nosa biblio, á espera de que remate a expo.


Como tódolos anos, o noso último libro do mes será un clásico asociado á exposición: Viaxe ó centro da Terra.


Asociada á exposición comezamos coa Olimpiada do Saber, que durante catro semanas terá ó alumnado buscando polos paneis a información que necesitan para contestar ás 20 preguntas, os dous xogos Pista a Pista e ós dous Preguntóns da semana. Deixamos para outras fontes de información as dúas aposta semanais coas que terán que rendir ó máximo das súas posibiblidades. 25 equipos participando cubren a diario os paneis desta exposición. Dende a biblioteca esperamos que vos deixen un óco para pararvos a ler.


Velaí unha mostra.



O CAPITÁN NEMO ATRACOU NA BIBLIO

O pasado Venres 18 de abril, o capitán Nemo decidiu instalar o seu gabinete na nosa biblioteca. Nós, en agradecemento, montamos no instituto unha exposición sobre o seu creador, Xulio Verne.

23.4.08

Bieito Ledo no noso Día do Libro

Hoxe, Día do Libro, tivemos a honra de recibir ó editor Bieito Ledo. Organizamos un colóquio con el para os alumnos de 1º de bacharelato e algúns de 2º. Rodeado dunha enorme espectación, axiña se fixo co auditorio. Falounos da historia do libro, da súa confección ó longo da historia, do mundo editorial. Enseñounos as distintas partes dun libro, incluso repartiu uns "pliegos" previos á paxinación final dunha enciclopedia. A continuación, e coa emoción dunha persoa cun público entregado, falounos da importancia da lectura na formación persoal e agasallounos coa lectura dun texto seu que nos entregou en forma de diploma e nos autorizou para reproducilo aquí. No turno de preguntas amosouse, se cabe, máis afable e familiar e ó rematar o acto quedou departindo con algúns de 2º de bacharelato e fotografiouse con eles. Visitou a nosa biblio e a exposición de Verne, da que daremos amplia noticia en breve.

Reproducimos a continuación o texto-agasallo de Bieito Ledo:

Cando nacemos somos un pequeno vulto de arredor de tres quilos e medio, pero chegamos ao mundo onde podemos medrar. E facémolo en dous campos ben diferentes: por fóra e por dentro.
Para medrar por fóra temos que comer varias veces ao día, ter roupa limpa e axeitada, unha vivenda digna, medios de locomoción... ata chegar a ser adultos. E despois? Despois podemos seguir tendo máis cousas que sempre serán extrínsecas, non formarán parte de nós mesmos. Por moitos alimentos que teñamos adoitamos comer tres veces ao día e levar postos un par de zapatos, aínda que teñamos varios.
En cambio medrar por dentro é abrir os ollos, comezar a sorrir, a corresponder aos aloumiños da nai, a comprender as primeiras palabras, a falar, a ler, a escribir... E todo isto ata cando? ... Ata sempre.
Estamos morrendo e aprendendo. Medrar por dentro forma parte intrínseca de nós mesmos.E medramos por dentro a través fundamentalmente das palabras. Os libros sempre foron, son e serán os que máis nos axuden.
O libros son almacéns organizados de palabras para que sigamos medrando por dentro na familia, na escola, na universidade, no traballo, nas relacións sociais...
Galicia precisa investir en capital humano utilizando as palabras, froito de varios séculos de historia e do traballo dun nutrido grupo de especialistas que as foron organizando e estruturando en forma de libros. Que aproveite!

Bieito Ledo





Ruta literaria de Rosalía

A semana pasada os compoñentes do club de lectura realizamos a ruta literaria de Rosalía. Visitamos varios lugares desta ruta e en cada un deles lemos poemas da gran Rosalía. Comezamos o percorrido por Santiago , onde visitamos a tumba na que repousa no Panteón de Galegos Ilustres. Alí lemos os poemas "Adios", de Rosalía e "A Rosalía", de Curros. A continuación fomos a San Xoan de Ortoño, onde ela pasou a súa infancia, e alí, no adro da igrexa, lemos o poema 14 de Cantares Gallegos. Despois visitamos San Xulián de Bastavales, onde Rosalía tivo residencia esporádica na aldea se Soigrexa. Alí lemos "Campanas de Bastavales". Por falta de tempo deixamos atrás o Pazo da Hermida, en Lestrove e continuamos a ruta ata Padrón. Tivemos que conformarnos con ver dende fora o Pazo de Arretén, hoxe vítima dunha reforma, que fora a casa da familia materna de Rosalía, a Casa Grande, como aparece nos seus versos. Alí., diante da entrada lemos o poema "O Pazo de Arretén". Baixamos ata a Casa da Matanza, na que morreu Rosalía en 1885. Tras visitar a Casa Museo, diante dela lemos os poemas "Daquelas...", "¡Follas Novas!", "Unha vez tiven un cravo", "¡Padrón...!¡Padrón!" e o poema 33 de "Cantares Gallegos" (que estaba destinado a ser lido en Lestrove). Por último, unha rápida visita o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, e regresamos.

Olimpiada de Bioloxía na India

A última hora recibimos con gran ledicia unha nova que lle afecta á compoñente máis ilustre do club de lectura. Tras unha variación na clasificación da Olimpiada Nacional de Bioloxía, a nosa alumna, Helena Alonso Valencia, sube un posto. Isto supón un xiro importantísimo, xa que terá que representar a España na Olimpiada Internacional de Bioloxía que terá lugar na India. Aupa, Helena

22.4.08

As Nosas Biblios no Faro de Vigo. Un regalo para todos no Día do Libro

O suplemento "A Escola do Faro" recolle as experiencias de varios centros co seu traballo nas bibliotecas. replresentando ó Plambe está a nosa biblio e máis a do San Paio de Abaixo. Unha páxina para cada un. No artigo do noso responsable tratouse de amosar o de xeito resumido o traballo do noso centro, pero quíxose que todas as bibliotecas escolares se sentisen representadas. Esperamos que así sexa.
As fotos que se ven pertencen a un decorado no que estabamos a traballar para a exposición de Verne e a outra aá lectura de poemas diante da casa de Rosalía, nunha saída que fixemos co club de lectura.
Na primeira páxina do suplemento aparece un fermoso texto de Carlo Frabetti que xa fora publicado anteriormente pola Asesoría de bibliotecas escolares, na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia

21.4.08

Helena a Brasil

Esta moza, Helena Alonso Valencia, de 2º de bacharelato non para de darnos alegrías. Despois de ser campeona galega da Olimpiada de bioloxía, plantouse en Las Palmas e foi unha das finalistas. Co posto que acadou representará a España no Campionato Iberoamericano que se celebrará en Brasil. Os compañeiros do club de lectura, a biblioteca e o instituto en xeral sentímonos orgullosos. Podedes ollar a noticia na edición dixital de "El correo gallego"
Noticia de última hora: finalmente Helena irá ó campionato internacional que se celebrará ................na India.

Rally matemático. Outra vez primeiros.

O grupo de 3º E do noso instituto proclamouse vencedor do Rally Matemático sen Fronteiras. É a cuarta vez que obtemos premio neste certame (no 2005 e 2007 gañadores na modalidade 4º ESO, e no 2004 segundos en 3º ESO). Felicitamos dende aquí o alumnado participante así como á profe Alejandra Pereira que foi a encargada da súa preparación. Outro ano máis a organizar a viaxe a Toulousse, pois este é o premio: unha viaxe a Toulousse para todo o grupo.
Cando funcione o "cacharriño de subir imaxes" poñeremos a foto da noticia que sae no Faro de Vigo do día 15.


14.4.08

Acelerando protóns

Durante esta semana tivemos no insti unha exposición sobre o LCH, o maior acelerador de protóns do mundo. Foi preparada polos alumnos de física de 1º bach. dirixidos polo profesor José María Cordodés. O acelerador, que comezará a funcionar neste verán, atópase np Laboratorio Europeo para a física de partículas (CERN), situado cerca de Xenebra (Suiza). Levan traballando no tema dende principios de curso. Algúns dos posters foron remitidos polo propio CERN, pero eles traballaron na elaboración doutros. O alumno Diego Pérez elaborou uns posters grandes, feitos con Power Point. Segundo o propio Diego nos explica, o acelerador tratará de reproducir as condicións nas que se producío o Big-Bang. A repercusión desta exposición foi considerable, e incluso o Diario Atlántico se fixo eco da noticia.




2.4.08

Domingo Villar na biblioteca

Iniciamos este mes dos libros coa visita de Domingo Villar, autor de Ollos de auga, a novela que foi libro do mes no noso concurso do primeiro trimestre. Domingo é un moi bo comunicador ó que escoitamos con agrado. Contounos o proceso vital que o levou a escribir esta novela e, con moita modestia e humildade, falounos do éxito da obra, traducida a varios idiomas. Deixou para o turno de preguntas o falar da obra mesma, cousa que o alumnado agradeceu, pois así foinos desvelando, a golpe de resposta, aspectos da trama, dos personaxes, da paisaxe, etc., que a todos nos chamaran a atención: a tristura de Leo Caldas, a relación coa súa ex muller, a visión que se ten dos galegos dende fora, os lugares de Vigo ou do Morrazo, os métodos do asasino... Contounos algo do que vai ser o próximo caso de Leo Caldas, que, en palabras do autor, sairá cando estea para saír. Todos os que lemos este libro estámoslle agradecidos a Domingo por esta xornada que abre dun xeito espectacular as actividades deste mes dos libros. Ademáis tivo que botar algún tempo de máis ante a avalancha de libros que tivo que asinar, sendo xeneroso tamén neste aspecto, pois non so asinou, senón que escribiu unhas mensaxes personalizadas en cada un dos libros.
A biblioteca, o club de lectura e as compañeiras de galego Marisa e Carmen agradecemos de volta este día de festa para as nosas letras.



1.4.08

Sesión do club de Lectura: Ollos de auga

Onte celebramos unha reunión do club de lectura en torno á novela Ollos de auga, de Domingo Villar. Quixemos revisar esta obra, que xa foi o noso libro do mes no primeiro trimestre, neste momento e non entón porque estivemos esperando a que o autor puidese facernos unha visita. Ese momento xa chegou e mañán mesmo estará no noso centro.
Aproveitamos esta reunión para preparar esta visita e cruzar impresións acerca da obra: falamos das características da obra dentro do seu xénero (aquí tiñamos a experiencia adquirida coa preparación da exposición sobre Novela Negra do curso pasado), dos personaxes, do método empregado polo asasino/a (non imos descubrir se é home ou muller), das semellanzas entre Leo Caldas e outros detectives e, sobre todo, falamos de lugares de Vigo e o Morrazo, tan presentes que parecen un protagonista máis. Despois da visita do autor seguiremos contando.
Tamén ultimamos os detalles da que será a nosa primeira rota literaria, que realizaremos na vindeira semana e da que xa falaremos.