O pasado Venres 25 de abril visitounos An Alfaya, autora de A sombra descalza. Foi unha visita inesquecible coa biblioteca abarrotada e co club de lectura en primeira liña (algúns dos seus compoñentes viñan traballando na obra e fixeran unha sesión para comentala). An sorprendeunos a todos coa nova de que fora alumna do noso insti e unha das creadoras da nosa revista "O besbello saltón". Mencionou á súa profesora de literatura no insti e entón démoslle nós a sorpresa: aínda traballa aquí. Tras un emotivo encontro, continuou falando: da necesidade da formación de lectores críticos, da importancia das opinións persoais e, como non, do libro. Contounos como naceu o libro a partir dunha anécdota real e lanzounos un reto: a partir desa mesma anécdota construir un relato distinto e despois facerllo chegar a ela. Moitos alumnos aceptaron. A ver que pasa.
O tempo pasou voando. Ó final asinou libros e tivo a amabilidade de posar para as fotos cos do club de lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario