14.12.08

Recomendacións para regalar no Nadal

Nesta última semana de clase queremos facer algunhas suxestións para aqueles/as que aínda non saben que pedirlle a Papá Noel ou aos Reis. Aproveitade para pedir un bo libro, ou sorprendede ás vosas amizades regalando libros. Aí van as nosas recomendacións. Picade en Open publication para velo a pantalla completa. Despois aínda se pode agrandar máis se picades na parte superior central onde aparecen catro frechas, unha para cada lado.

10.12.08

Dereitos humanos, arte e literatura

Hoxe, Día Internacional dos Dereitos Humanos, colocamos na biblio e no vestíbulo do insti unha exposición dos traballos que veu realizando o alumnado de 2º de bacharelato e dirixidos por Bea, profe de debuxo artístico. Os alumnos/as pintaron cadros inspirados noutros do pintor ecuatoriano Oswaldo Guayasamin, e cada un deles representa a un artigo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Tamén expuxemos unha selección de libros relacionados co tema, títulos como "No hay tiempo para jugar", "La piel de la memoria", "Zara y el librero de Bagdad", "O neno co pixama de raias", "O brillo dos elefantes", "Cartas de amor", "Fin de século en Palestina", "Educación e paz III", "Las cenizas de Ángela", e outros.



8.12.08

En busca de las voces perdidas. Libro do mes

Xa está aquí o novo libro do mes. Realiza connosco esta viaxe en busca dos símbolos e das palabras. Anímate a participar no concurso máis lonxevo da biblioteca. Le con entusiasmo este conto sobre a necesidade da linguaxe. Unha fermosa fábula ideal para ler nas vacacións de Nadal. Quen será o primeiro/a en conseguir tódolos bibliopuntos postos en xogo?.


Este mes, ademáis retomamos o concurso de ilustracións: podedes presentar unha ilustración sobre o contido do libro. Informádevos na biblio e pedídelle axuda aos profes de plástica. Ao mellor inventades un novo alfabeto...



29.11.08

CRÓNICA DO ACTO (III)

O pasado luns tivo lugar en Bertamiráns, na biblioteca escolar do CEIP Bispo Guerra Campos, a sinatura da adenda aos presupostos entre o MEC e a Consellería de Educación por parte da Sra. Ministra e a Sra. Conselleira. Ao acto , entre outras persoas, fomos invitados os responsables de bibliotecas escolares. Esta é a crónica regueifeira que fixemos dese acto.

Con atención escoitou
aos tres plambeiros a ministra,
tamén nos felicitou
pola labor altruísta.

Ata que a vontade acabe
seguiremos traballando,
pero é mellor que poñades
no ROC ós bibliotecarios.

E entón a conselleira
ansiadas palabras pronunsiou:
será o sincuenta por sento
o que está no borrador.

Ese borrador borrado
parese que se quedou
e hai que sejir loitando
pa que nos metan no ROC.

E viñémonos de volta
coa mente tan do revés
que ata a amiga Olga
me chama Benito outra ves.





Sigue a crónica completa deste acto en:
O Segrel do Penedo (Capítulo I)
Milladoiro (Capílulo II)

25.11.08

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO INSTITUTO

Esta mañán tivemos a proxección dos vídeos que vos tiñamos preparados para concienciarnos da necesidade de combatir a violencia de xénero. Dende a biblioteca queremos agradecer, sen excepcións, o comportamento respectuoso de tódolos grupos que ao longo de cinco horas fostes pasando polo salón de actos. Agradecemos tamén a colaboración de todo o profesorado que fixo posible que este ano a nosa loita contra esta lacra social puidese chegar a todos os grupos do noso centro. Sentímonos afortunados polo feito de que os boletíns de lectura se esgotasen e de que parte do profesorado nos comunicase a súa intención de tratar o tema nas titorías (se algo sementanos, gústanos que dea froitos). Agradeceremos tamén os comentarios que nos deixedes no blog, coa finalidade de contrastar opinións e mellorar para futuras ocasións. Remando xuntos conseguiremos un futuro mellor.
Se queredes os vídeos non dubidedes en pedilos na biblio, así como calquera outro material que necesitedes. Deixamos unhas poucas fotos, que non son de moi boa calidade porque o local estaba a escuras.


25 de Novembro. Día contra a violencia de xénero

Un ano máis unímonos as bibliotecas escolares de Galicia na loita contra a violencia de xénero. Hoxe, no salón de actos, temos ocasión de ver unhas proxeccións para reflexionar sobre o tema e ademáis difundimos uns boletíns con recomendacións de lectura e cine. Porque somos quen de cambiar as cousas. Por un futuro inmediato sen violencia dicimos BASTA XA a este auténtico virus da humanidade.

Vía trafegando ronseis queremos compartir este vídeo:


video

E vía O segrel do penedo chéganos este outro das bibliotecas de Ferrolterra:



video

24.11.08

25 de Novembro. Día contra a violencia de xénero.

Adiantamos hoxe un dos posts dirixidos a loitar contra esta lacra social. Vía Mesturas, chéganos "Un conto triste" de Marcos Valcárcel. ANOSATERRA DIARIO:

Hoxe voulles contar un conto triste. Antonia é unha muller moi humilde que traballa como asistenta e leva a diario a roupa a enxaboar no lavadoiro público de Marineda, aterecida polos fríos do inverno. O seu propio marido asasinou á súa nai e paga a súa pena no cárcere, mentres ela vese condenada a sobrevivir en condicións de extrema miseria criando a un pequeno. A pobre muller confía en que vinte anos é abondo para curar o medo. Pensa ela que pode o seu home morrer no cárcere, ou podo morrer eu, ata aló falta moito tempo aínda. A morte natural nunca a asustou: só a aterroriza de verdade a posibilidade da volta do cónxuxe criminal.
O nacemento dun herdeiro de El-Rei, facilita un indulto que deixa ao preso libre na rúa. A Xustiza dálle ademais o de
reito a compartir a casa onde vive a súa muller e onde el cometera noutrora o seu grave delito. Antonia vive angustiada, pensando na hora dese regreso, temendo ser ela a próxima vítima da violencia do bruto liberado. Chega o día fatídico e é obrigada a acollelo no fogar e a compartir leito co asasino. El non chega a matala. O corazón non puido máis: Antonia morre de medo.

Velaí un breve resume do argumento de “El indulto”, un conto de dona Emilia Pardo Bazán, publicado en 1883 en “La Revista Ibérica”. O paso do tempo non deixa de ser un xogo un pouco absurdo. Os grandes problemas, os dramas e traxedias, tamén as nosas ledicias, son os mesmos dende que se escribiu a Odisea. O ser humano, para ben ou para mal, non cambiou tanto. Quizais cambiou moito menos do que somos capaces de albiscar. Iso, cando menos, é o que nos fai pensar este relato tan oportuno, no seu tempo e hoxe.

El indulto” é literatura aínda viva: nin sequera é preciso contextualizala. Por desgraza, os xornais contan cada día historias moi semellantes.

17.11.08

Club de Lectura: motín na biblio

Hoxe tivemos a nosa primeira sesión do club de lectura. O libro motivo da xuntaza foi Motín en la Bounty, de John Boyne. Máis de dúas horas de reunión, iso si, comendo na biblioteca. Máis información e fotos no blog do club de lectura.

14.11.08

Física e química para todos...

Xa están na biblio os libros de física e química que vos gustaría ler... Atrevédevos a experimentar.



10.11.08

Piratas polo Miño

Piratas polo Miño, de Xosé Miranda (colección Catavento, Tambre, 2006), é un libro de versos para as mozas e mozos que algunha vez soñaron ser piratas e atopar tesouros.

Imaxina que te secuestra un barco pirata e que acabas sendo un membro máis da sinistra tripulación...

Imaxina que percorres os sete mares na procura de tesouros...

Imaxina que avistas baleas, rorcuais, cachalotes...

Imaxina as historias que che poden contar os teus compañeiros de viaxe...

Imaxina que te namoras nunha abordaxe...

Os que non dominen a arte de navegar pola poesía e poidan naufragar a causa dos "perigos" da linguaxe poética teñen á súa disposición este glosario de termos que lles facilitará bastante a lectura.

GLOSARIO (por orde de aparición)

Esta reseña e o glosario saíron do traballo de Cristina, profe de galego.

Expo Patacas

A pasada semana, coincidindo coa celebración do magosto e aproveitando que este é o ano internacional da pataca, quixemos adicarlle unha homenaxe en forma de exposición a este tubérculo que se converteu no sustituto da castaña na nosa alimentación. Historia, arte, ciencia, receitas e literatura... un mosaico feito de patacas.


2.11.08

CREPÚSCULO

Sabemos que hai no insti un gran número de seguidoras/es dos libros de Stephanie Meyer. É por iso polo que vos recomendamos que visitedes o blog amigo "biblioafonso" . Atoparedes unhas magníficas reseñas sobre os catro libros da saga. Ademais contén enlaces ao club de fans e á páxina da autora.

MOTÍN....no club de lectura

No club de lectura estamos a ler e a disfrutar o libro Motín en la Bounty, de John Boyne. Non queremos comentar nada antes da nosa primeira sesión, pero para os que non pertencedes ao club si que podemos dicirvos que trata sobre a particular visión que o grumete Turnstile, de 14 anos, tén sobre o motín máis famoso da historia: o que tivo lugar na fragata HMS Bounty contra o seu capitán William Bligh.



O luns día 10 de Novembro trataremos de facer a primeira xuntanza ao redor deste libro.

30.10.08

A nosa biblio no directorio da Fundación Germán Sanchez Ruipérez

A máis prestixiosa organización española adicada a promoción do libro, as bibliotecas e a lectura, inclúe a nosa biblio no seu directorio de bibliotecas escolares.

24.10.08

Certame de micro-relatos de terror

Dende a pasada semana xa estades entregando os vosos micro-relatos. Animádevos a seguir producindo literatura da boa e entregádea na biblio. Se xuntamos moitos relatos, faremos unha lectura pública deles. Ánimo e a participar.

14.10.08

LIBRO DO MES PARA OUTUBRO E NOVEMBRO

Xa estamos aquí. A cantidade de solicitudes (cerca de 30, máis os/as que non se apuntaron)anímanos a seguir adiante con este veterano concurso da biblioteca. Xa está á vosa disposición na biblio a última aventura de Said e Sheila. A ler, a disfrutar e a lembrar. E se non gañas este mes, será para o próximo. Acumula puntos con cada libro e podes ser o/a campión final.

6.10.08

Benvida no novo curso

Dende a biblioteca queremos dar a benvida a todo o alumnado e profesorado advertindo que xa estamos en marcha. Hoxe tivemos a nosa primeira reunión cos interesados en participar nos concursos e no CLUB DE LECTURA. Ante a masiva resposta vosa sentímonos abraiados, pero non asustados: seguro que esta colaboración será moi fructífera ao longo do ano. Na vindeira semana daremos cumprida noticia das lecturas que propoñemos para o primeiro libro do mes e para o club de lectura. Benvidos outra vez os novos, e un recordo agarimoso para os/as que xa andades por esas universidades do país e que puxestes a semente para que isto vaia adiante aínda con máis forza

4.7.08

Vacacións

Informamos aos nosos lectores/as que estaremos sen actividade ata o mes de setembro, para tomarnos unhas merecidas vacacións. Para o próximo curso voltaremos coas nosas actividades e con algunha novidades, agardando fundamentalmente polo renovado club de lectura. Dámoslles as grazas a todos/as que colaboraron e disfrutaron da nosa biblioteca e un saúdo especial para Marisa, a nosa xubilada á que esperamos ver ocasionalmente polo club de lectura. Quedamos pendentes de colgar no blog todo o material producido no PIN, pero farémolo a comezos do vindeiro curso. Boas vacacións e xa sabedes: saúde e libros.

5.6.08

GAÑADORES DA OLIMPIADA DO SABER

O pasado 22 de maio remataron as frenéticas probas da nosa Olimpiada do Saber, co tema de Xulio Verne e o seu mundo. Despois de revisadas todas as probas, e unha vez feitas (por fin) as fotos dos equipos vencedores, publicámolas aquí para a posteridade. O equipo gañador deste ano foi o dúo MARIN (Marta e Inés), seguidas a unha distancia prudencial polos CRAC (Alex, Christopher e Adrián) e un pouquiño máis rezagados entraron no podio os YAN (Nico, Yago e Alejandro).. Algúns deles xa son vellos coñecidos nosos, posto que Inés foi a gañadora no curso pasado do certame de micro-relatos de medo, e Nico xa foi vencedor dalgunhas edicións do libro do mes, estando agora mesmo moi ben situado para facerse coa coroa absoluta de lector do ano en durísima competencia con Paloma. PARABÉNS a todos e esperamos velos o próximo curso nestas lides e formando parte do club de lectura.


Les choristes

Este luns día 2 tivo lugar a despedida do noso alumnado de bacharelato. Había moitos motivos polos que a biblio quería estar alí: vánsemos membros importantes do club de lectura, como Helena, Iris e Jorge. Pero esta vez non foron eles o centro de atención, senón o fabuloso coro de profes, dirixido pola nosa compañeira na biblio e profe de música Ánxeles. Interpretaron a varias (ou moitas) voces algunhas pezas do noso folclore (o recente concerto de Tradurbán deixou pegada) tocando varios estilos musicais: chachachá, habaneras e outras cousas "inemitibles". Todo un éxito para a despedida máis alegre dos nosos mozos e mozas. Lembramos que ese día deixou de chover.
NOTA: Este post corre perigo de poder ser modificado

Mixbook - Create Beautiful Photo Books and Scrapbooks! | View Sample Photo Books | Create your own Photo Book

4.6.08

Exposición de prensa e guías

Durante a pasada semana tivemos expostos, no stand que a biblio ten no hall do insti, os xornais e as guías de localidades e comarcas galegas que os grupos de 4º realizaron ó longo deste trimestre na biblio. Os traballos estiveron dirixidos pola profesora Carmen Rodríguez, que por terceiro ano consecutivo ven realizando estes proxectos utilizando os recursos que ofrece a nosa biblio.

BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare

27.5.08

Campións de Europa no Rallye matemático

Os alumnos/as de 3º de ESO E, dirixidos pola profesora Alejandra Pereira, resultaron gañadores do Rallye matemático europeo celebrado en Toulousse e organizado polo Institut de Recherche pour l'enseignement des Mathematiques. Viaxaron a Toulouse como premio por seren os campións galegos e alí demostraron ser tamén os máis rápidos de Europa. Por fin o noso centro acada este galardón, despois de varias participacións consecutivas (na anterior quedaron segundos). Parabéns a todo o grupo.




O Faro de Vigo recolle a noticia

26.5.08

O GBI na nosa biblioteca

O pasado 15 de maio tivemos unha visita do GBI (Grupo de Bibliotecarios Interdisciplinar Intercentros), un durísimo grupo de inspectores de bibliotecas escolares procedentes do norte. Polo que comentan nos seus blogs, a nosa biblio non quedou en mal lugar. Ninguén mellor ca eles e ela para facer a crónica desta inspección. Podes ler o relato de feitos e ver as fotos da inspección nos blogs destes eminentes mestres bibliotecarios: BIBLIOAFONSO, A NOSA BIBLIOTECA, O SEGREL DO PENEDO. Grazas, amigos, pola visita e polas vosas palabras.

17.5.08

Letras Galegas 2008

Hoxe Venres 16 celebramos na biblioteca a festa grande das nosas letras, o Día das Letras Galegas. Colaboramos co equipo de normalización lingüística e coa vicedirección na organización deste acto, que consistíu na lectura continuada, durante máis de catro horas, de poesía galega, escollida polos propios lectores que foron o verdadeiro motor desta homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez.
Todos os que fixeron lecturas públicas fixérono voluntariamente e cos textos seleccionados por eles, o que lle conferíu máis valor a este acto. Ademáis estivemos acompañados polo grupo de gaiteiras e gaiteiros que se formou no insti para a ocasión. Con gaitas, pandeiretas, bombo e tambor fixemos un pasarrúas percorrendo o insti nos recreos. Ó remate das lecturas fixemos entrega dos premios dos concursos da biblio e da vicedirección. Rematamos coma sempre, cantando o Himno Galego ó son da gaita.

Nos corredores do insti e na biblioteca tivemos unha exposición de diversos carteis e mensaxes alusivos a este día e ás nosas letras, así como unha exposición da obra de Xosé María Álvarez Blázquez.
LONGA VIDA Á NOSA LINGUA.

Fai clic para deter a imaxe

Mostramos tamén un pequeno vídeo musical. Máis adiante colgaremos outros vídeos.Sentimos moito non poder poñer as fotos de todos, pero é que fostes moitísimos/as. Dende a biblioteca queremos mostrar o noso agradecemento pola colaboración prestada.



video

13.5.08

TRADURBÁN: O MELLOR ESPECTÁCULO PARA AS LETRAS GALEGAS

Hoxe tivemos no centro ós mestres da fundación Sondeseu, nun espectáculo único pertencente ó ciclo de concertos didácticos Tradurbán, organizados pola concellería de educación do Concello de Vigo. Deste xeito, a música únese á festa das Letras Galegas.Foi a propia concelleira de educación a encargada de presentar o acto. O repertorio de música folk foi arranxado polos propios músicos, abarcando distintos xéneros da música instrumental e vocal, ademáis dunha descrición física e sonora dos instrumentos da tradición galega do folk.

Seis dos músicos máis influíntes deste xénero puxeron en escea un concerto inesquecible. Os mestres de Sondeseu son Anxo Pintos (zanfona), Xaquín Xesteira (gaita e percusión), Xosé Liz (bouzuki, requinta), Alfonso Franco (violín), Francisco J. Feijoo "Chisco" (voz e percusión) e contaron coa colaboración especial de Rodrigo Romaní (arpa e guitarra acústica).A nosa compañeira do equipo de biblioteca, Cristina Brea, foi a artista deseñadora do cartel promocional dos concertos para o concello.




Todo un luxo para o noso insti, un concerto onde ademáis invitaron a subir ó escenario ó alumnado que soubese tocar algún dos instrumentos, e deixaron que tocasen con eles (bastante ben, por certo). Tamén houbo baile. Público entregado e agradecido por un acto que non esqueceremos facilmente. A música e as letras da nosa tradición tiveron o seu espazo. Dende logo que foi un bo comezo da semana das Letras galegas, e continuará.... Do resto da semana faremos outro post.




E por suposto, tamén saímos no Faro de Vigo (14-5-2008)

7.5.08

ÚLTIMO LIBRO DO MES DESTE CURSO

Ánimo e a participar. Xa sabedes que dende o 21 de abril e coincidindo co inicio da olimpiada do saber, está en marcha a última edición deste curso de "O libro do mes". Como non podía ser doutro xeito, trátase dun libro do autor ó que lle dedicamos a exposición, Xulio Verne. A loita na cabeza da clasificación está que arde.

PICA NO CARTEL PARA PODER LER O LIBRO

Finalistas EDUBLOGS

Grazas a todos os que o fixestes posible, que sodes moitos/as

5.5.08

Cinco semanas en globo creando escola.

A exposición de Verne vai dando froitos inesperados, como este vídeo sobre os globos aerostáticos realizado por un grupo de alumnos ós que lles chamou a atención o globo que colgamos na entrada do insti.
video

28.4.08

A sombra descalza na biblio. Visita de An Alfaya.

O pasado Venres 25 de abril visitounos An Alfaya, autora de A sombra descalza. Foi unha visita inesquecible coa biblioteca abarrotada e co club de lectura en primeira liña (algúns dos seus compoñentes viñan traballando na obra e fixeran unha sesión para comentala). An sorprendeunos a todos coa nova de que fora alumna do noso insti e unha das creadoras da nosa revista "O besbello saltón". Mencionou á súa profesora de literatura no insti e entón démoslle nós a sorpresa: aínda traballa aquí. Tras un emotivo encontro, continuou falando: da necesidade da formación de lectores críticos, da importancia das opinións persoais e, como non, do libro. Contounos como naceu o libro a partir dunha anécdota real e lanzounos un reto: a partir desa mesma anécdota construir un relato distinto e despois facerllo chegar a ela. Moitos alumnos aceptaron. A ver que pasa.
O tempo pasou voando. Ó final asinou libros e tivo a amabilidade de posar para as fotos cos do club de lectura.



26.4.08

EXPOSICIÓN: VIAXE Ó MUNDO VERNE. OLIMPIADA DO SABER E LIBRO DO MES

Dende principios de curso vimos planificando esta exposición. A idea xurdiu mentras estabamos facendo a programación do PIN, que tiña como tema a Illa de San Simón. Unha referencia ó capitán Nemo buscando os tesouros de Rande e acendeuse a chispa. A partir de ahí dedicámonos a buscar información e imaxes. Tras unha laboriosa selección acabamos montando os seguintes paneis: Obras mais coñecidas de Verne; Biografía e obra completa; Verne no cine e TV; Os amigos de Verne; Algúns coetáneos ilustres; O xénero da ciencia-ficción e principais autores en época de Verne; Liña do tempo Verne; Verne en Vigo; Ciencia, tecnoloxía e historia nas prediccións de Verne. E, por suposto, O capitán Nemo atracou o Nautilus na nosa biblio, á espera de que remate a expo.


Como tódolos anos, o noso último libro do mes será un clásico asociado á exposición: Viaxe ó centro da Terra.


Asociada á exposición comezamos coa Olimpiada do Saber, que durante catro semanas terá ó alumnado buscando polos paneis a información que necesitan para contestar ás 20 preguntas, os dous xogos Pista a Pista e ós dous Preguntóns da semana. Deixamos para outras fontes de información as dúas aposta semanais coas que terán que rendir ó máximo das súas posibiblidades. 25 equipos participando cubren a diario os paneis desta exposición. Dende a biblioteca esperamos que vos deixen un óco para pararvos a ler.


Velaí unha mostra.



O CAPITÁN NEMO ATRACOU NA BIBLIO

O pasado Venres 18 de abril, o capitán Nemo decidiu instalar o seu gabinete na nosa biblioteca. Nós, en agradecemento, montamos no instituto unha exposición sobre o seu creador, Xulio Verne.

23.4.08

Bieito Ledo no noso Día do Libro

Hoxe, Día do Libro, tivemos a honra de recibir ó editor Bieito Ledo. Organizamos un colóquio con el para os alumnos de 1º de bacharelato e algúns de 2º. Rodeado dunha enorme espectación, axiña se fixo co auditorio. Falounos da historia do libro, da súa confección ó longo da historia, do mundo editorial. Enseñounos as distintas partes dun libro, incluso repartiu uns "pliegos" previos á paxinación final dunha enciclopedia. A continuación, e coa emoción dunha persoa cun público entregado, falounos da importancia da lectura na formación persoal e agasallounos coa lectura dun texto seu que nos entregou en forma de diploma e nos autorizou para reproducilo aquí. No turno de preguntas amosouse, se cabe, máis afable e familiar e ó rematar o acto quedou departindo con algúns de 2º de bacharelato e fotografiouse con eles. Visitou a nosa biblio e a exposición de Verne, da que daremos amplia noticia en breve.

Reproducimos a continuación o texto-agasallo de Bieito Ledo:

Cando nacemos somos un pequeno vulto de arredor de tres quilos e medio, pero chegamos ao mundo onde podemos medrar. E facémolo en dous campos ben diferentes: por fóra e por dentro.
Para medrar por fóra temos que comer varias veces ao día, ter roupa limpa e axeitada, unha vivenda digna, medios de locomoción... ata chegar a ser adultos. E despois? Despois podemos seguir tendo máis cousas que sempre serán extrínsecas, non formarán parte de nós mesmos. Por moitos alimentos que teñamos adoitamos comer tres veces ao día e levar postos un par de zapatos, aínda que teñamos varios.
En cambio medrar por dentro é abrir os ollos, comezar a sorrir, a corresponder aos aloumiños da nai, a comprender as primeiras palabras, a falar, a ler, a escribir... E todo isto ata cando? ... Ata sempre.
Estamos morrendo e aprendendo. Medrar por dentro forma parte intrínseca de nós mesmos.E medramos por dentro a través fundamentalmente das palabras. Os libros sempre foron, son e serán os que máis nos axuden.
O libros son almacéns organizados de palabras para que sigamos medrando por dentro na familia, na escola, na universidade, no traballo, nas relacións sociais...
Galicia precisa investir en capital humano utilizando as palabras, froito de varios séculos de historia e do traballo dun nutrido grupo de especialistas que as foron organizando e estruturando en forma de libros. Que aproveite!

Bieito Ledo





Ruta literaria de Rosalía

A semana pasada os compoñentes do club de lectura realizamos a ruta literaria de Rosalía. Visitamos varios lugares desta ruta e en cada un deles lemos poemas da gran Rosalía. Comezamos o percorrido por Santiago , onde visitamos a tumba na que repousa no Panteón de Galegos Ilustres. Alí lemos os poemas "Adios", de Rosalía e "A Rosalía", de Curros. A continuación fomos a San Xoan de Ortoño, onde ela pasou a súa infancia, e alí, no adro da igrexa, lemos o poema 14 de Cantares Gallegos. Despois visitamos San Xulián de Bastavales, onde Rosalía tivo residencia esporádica na aldea se Soigrexa. Alí lemos "Campanas de Bastavales". Por falta de tempo deixamos atrás o Pazo da Hermida, en Lestrove e continuamos a ruta ata Padrón. Tivemos que conformarnos con ver dende fora o Pazo de Arretén, hoxe vítima dunha reforma, que fora a casa da familia materna de Rosalía, a Casa Grande, como aparece nos seus versos. Alí., diante da entrada lemos o poema "O Pazo de Arretén". Baixamos ata a Casa da Matanza, na que morreu Rosalía en 1885. Tras visitar a Casa Museo, diante dela lemos os poemas "Daquelas...", "¡Follas Novas!", "Unha vez tiven un cravo", "¡Padrón...!¡Padrón!" e o poema 33 de "Cantares Gallegos" (que estaba destinado a ser lido en Lestrove). Por último, unha rápida visita o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, e regresamos.

Olimpiada de Bioloxía na India

A última hora recibimos con gran ledicia unha nova que lle afecta á compoñente máis ilustre do club de lectura. Tras unha variación na clasificación da Olimpiada Nacional de Bioloxía, a nosa alumna, Helena Alonso Valencia, sube un posto. Isto supón un xiro importantísimo, xa que terá que representar a España na Olimpiada Internacional de Bioloxía que terá lugar na India. Aupa, Helena

22.4.08

As Nosas Biblios no Faro de Vigo. Un regalo para todos no Día do Libro

O suplemento "A Escola do Faro" recolle as experiencias de varios centros co seu traballo nas bibliotecas. replresentando ó Plambe está a nosa biblio e máis a do San Paio de Abaixo. Unha páxina para cada un. No artigo do noso responsable tratouse de amosar o de xeito resumido o traballo do noso centro, pero quíxose que todas as bibliotecas escolares se sentisen representadas. Esperamos que así sexa.
As fotos que se ven pertencen a un decorado no que estabamos a traballar para a exposición de Verne e a outra aá lectura de poemas diante da casa de Rosalía, nunha saída que fixemos co club de lectura.
Na primeira páxina do suplemento aparece un fermoso texto de Carlo Frabetti que xa fora publicado anteriormente pola Asesoría de bibliotecas escolares, na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia

21.4.08

Helena a Brasil

Esta moza, Helena Alonso Valencia, de 2º de bacharelato non para de darnos alegrías. Despois de ser campeona galega da Olimpiada de bioloxía, plantouse en Las Palmas e foi unha das finalistas. Co posto que acadou representará a España no Campionato Iberoamericano que se celebrará en Brasil. Os compañeiros do club de lectura, a biblioteca e o instituto en xeral sentímonos orgullosos. Podedes ollar a noticia na edición dixital de "El correo gallego"
Noticia de última hora: finalmente Helena irá ó campionato internacional que se celebrará ................na India.

Rally matemático. Outra vez primeiros.

O grupo de 3º E do noso instituto proclamouse vencedor do Rally Matemático sen Fronteiras. É a cuarta vez que obtemos premio neste certame (no 2005 e 2007 gañadores na modalidade 4º ESO, e no 2004 segundos en 3º ESO). Felicitamos dende aquí o alumnado participante así como á profe Alejandra Pereira que foi a encargada da súa preparación. Outro ano máis a organizar a viaxe a Toulousse, pois este é o premio: unha viaxe a Toulousse para todo o grupo.
Cando funcione o "cacharriño de subir imaxes" poñeremos a foto da noticia que sae no Faro de Vigo do día 15.


14.4.08

Acelerando protóns

Durante esta semana tivemos no insti unha exposición sobre o LCH, o maior acelerador de protóns do mundo. Foi preparada polos alumnos de física de 1º bach. dirixidos polo profesor José María Cordodés. O acelerador, que comezará a funcionar neste verán, atópase np Laboratorio Europeo para a física de partículas (CERN), situado cerca de Xenebra (Suiza). Levan traballando no tema dende principios de curso. Algúns dos posters foron remitidos polo propio CERN, pero eles traballaron na elaboración doutros. O alumno Diego Pérez elaborou uns posters grandes, feitos con Power Point. Segundo o propio Diego nos explica, o acelerador tratará de reproducir as condicións nas que se producío o Big-Bang. A repercusión desta exposición foi considerable, e incluso o Diario Atlántico se fixo eco da noticia.