13.6.11

Vanakkam. Benvidas. Con Salma na biblioteca.

O xoves 2 de xuño, nunha sesión co alumnado de antropoloxía e noutra cos de ética de 4º, visitounos a escritora de Támil Nadu (India) Salma. María Reimóndez acompañouna e fixo de intérprete. O alumnado preparara nas clases algúns poemas do libro Benvidas, unha selección de poemas de distintas autoras e co patricinio da ONG Implicad@s no Desenvolvemento, poemario no que tamén participa Salma. Falounos Salma das dificultades de ser feminista na India, e aínda máis, de ser musulmá e escritora feminista. Contounos como pasou de ter que escribir a escondidas da súa propia familia ata ocupar un carg o político (directora xeral de asuntos sociais do seu estado, o que aquí sería equivalente a ministra) nunha rexión que case duplica en habitantes a España, tendo que soportar ataques por tratar abertamente a sexualidade feminina nas súas obras. As preguntas do alumnado non xiraron arredor das cousas típicas que poderían preguntar ante unha escritora procedente dun lugar tan afastado física e culturalmente, antes ben interesáronse polas circunstancias sociais, pola educación, pola influencia da relixión, polos avances na mellora da situación da muller…

1.6.11

Recital poético-musical das Letras Galegas

A maioría viña de fóra do instituto, do noso instituto. Viñan do conservatorio, de vivir o 1 º de bacharelato só entre eles, “os do musical”, e rexeitaban o novo centro e a posibilidade (e necesidade) de convivir con outros rapaces e rapazas, da súa idade si, pero de intereses e actitudes totalmente alleos.
Eles, mesmo aquí, ao seu: tocaban os instrumentos nas festas, nos recreos e mesmo entre clase e clase. Parecían vivir illados. Pero a vida e o tempo demostraron que a convivencia nos fai máis tolerantes e eles e elas tamén se abriron (e mesmo ligaron) cos outros.
Parabéns.
E entón, a estes e estas estudantes de segundo de bacharelato de Artes Escénicas, Musicais e Danza propúxoselles facer un recital poético como remate de curso, onde puidesen demostrar esas habilidades case consubstanciais con eles (algúns parece que mesmo teñen a guitarra como apéndice do seu corpo de tanto que anda con ela; outras, non se entende como con ese corpiño tan pequeno poden cargar con tal acordeón… pero, ai!, como o toca!).
E puxéronse á obra alá polo mes de febreiro: elixiron o poema co que máis se identificaban de entre varios e, a partir de aí, viron a maneira de escenificalo, seleccionaron (e mesmo crearon) a melodía que mellor lle acaía… e ensaiaban e ensaiaban cunha dedicación e un estusiasmo digna dos mellores artistas.
Pero saíulles ben, moi ben. Porque, tal e como se demostrou nun salón de actos abarrotado de alumnos e alumnas de 2º de bacharelato e de 1º de Artes Escénicas, e de todo o profesorado que asistiu, o espectáculo foi un éxito.
A combinación de recitado e de poema cantado (marabillosas María cantando “Lela” e Lucía, “Negra sombra”), de música (fantásticos, fantásticos,…) e danza (delicadeza, cadencia,…) entusiasmou aos presentes.
Recén chegados si, pero cunha pegada formidable.
Mil grazas. E parabéns unha vez máis.
Podedes consultar neste documento o programa cos nomes dos artistas e a letra dos poemas que interpretaron




A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:


Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.



Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas).
Suscrito polo Equipo de Biblioteca e Dirección do IES Alexandre Bóveda.