Este blog non publicará comentarios que vaian contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

1.6.11

Recital poético-musical das Letras Galegas

A maioría viña de fóra do instituto, do noso instituto. Viñan do conservatorio, de vivir o 1 º de bacharelato só entre eles, “os do musical”, e rexeitaban o novo centro e a posibilidade (e necesidade) de convivir con outros rapaces e rapazas, da súa idade si, pero de intereses e actitudes totalmente alleos.
Eles, mesmo aquí, ao seu: tocaban os instrumentos nas festas, nos recreos e mesmo entre clase e clase. Parecían vivir illados. Pero a vida e o tempo demostraron que a convivencia nos fai máis tolerantes e eles e elas tamén se abriron (e mesmo ligaron) cos outros.
Parabéns.
E entón, a estes e estas estudantes de segundo de bacharelato de Artes Escénicas, Musicais e Danza propúxoselles facer un recital poético como remate de curso, onde puidesen demostrar esas habilidades case consubstanciais con eles (algúns parece que mesmo teñen a guitarra como apéndice do seu corpo de tanto que anda con ela; outras, non se entende como con ese corpiño tan pequeno poden cargar con tal acordeón… pero, ai!, como o toca!).
E puxéronse á obra alá polo mes de febreiro: elixiron o poema co que máis se identificaban de entre varios e, a partir de aí, viron a maneira de escenificalo, seleccionaron (e mesmo crearon) a melodía que mellor lle acaía… e ensaiaban e ensaiaban cunha dedicación e un estusiasmo digna dos mellores artistas.
Pero saíulles ben, moi ben. Porque, tal e como se demostrou nun salón de actos abarrotado de alumnos e alumnas de 2º de bacharelato e de 1º de Artes Escénicas, e de todo o profesorado que asistiu, o espectáculo foi un éxito.
A combinación de recitado e de poema cantado (marabillosas María cantando “Lela” e Lucía, “Negra sombra”), de música (fantásticos, fantásticos,…) e danza (delicadeza, cadencia,…) entusiasmou aos presentes.
Recén chegados si, pero cunha pegada formidable.
Mil grazas. E parabéns unha vez máis.
Podedes consultar neste documento o programa cos nomes dos artistas e a letra dos poemas que interpretaron


video



video

3 comentarios:

Mr.Chacón dixo:

Grazas por esa referencia ó meu apéndice guitarrístico ;)

Luz Valencia dixo:

Cos alumnos do bac artístico o instituto gaña outra dimensión, eles e elas nos fan recordar que, aínda nos tempos que corren tan pouco amables coas artes e as letras, hai un espazo imprescindible para a creación, os sentimentos e a música. Thank you very much.
Luz Valencia

Yago dixo:

Moi boa actuación si señor, facía tempo que non me emocionaba daquel modo.
Por certo, alguén sabería dicirme cales son todos os titulos dos poemas que recitachedes, é que hai algúns que non atopo e me gustaría volver ler. Graciñas e noraboa polo gran traballo feito :).