23.12.10

Traballando polos Dereitos Humanos

Dende o día 10 de decembro, como dixemos nun post anterior, tivemos unha exposición polos corredores sobre os dereitos humanos. Invitouse ao profesorado a participar, para o cal editamos unha guía de traballo cun cuestionario que podedes descargar. Ao longo destes días algúns grupos visitaron a exposición e realizaron as clases nos corredores buscando información para cubrir o cuestionario. Participaron cos seus grupos (desde 1º ESO ata 2º Bach.) profesores de galego, castelán, historia, matemáticas, relixión e os grupos de diversificación. Para nós foi todo un éxito e indicounos unha liña a seguir cada vez que fagamos unha exposición. Deixamos as fotos dalgúns cursos aos que pillamos in fraganti.







21.12.10

Vídeo gañador do certame da biblioteca

Velaí vai o vídeo gañador do certame de vídeo "Re-visualiza a túa cidade" que se convocou ao comezar o trimestre. Aínda que a participación foi baixa, ao ver a calidade do vídeo gañador, realizado por Inés e Marta, seguro que para o próximo subirá a participación. En só tres minutos dannos unha idea bastante precisa do feísmo urbanístico sen perder o sentido de humor, tal como se reflicte nos créditos, que hai que ver ata o final.

10.12.10

Con Francisco Castro no Día dos Dereitos humanos.

Hoxe tivemos unhas cuantas actividades no instituto con motivo do día dos Dereitos Humanos. Comezamos a primeira hora coas patrullas lectoras, un retén de garda do club de lectura foi polas clases de primeiro lendo poemas de Celso Emilio e Miguel Hernández. Ao longo de toda a mañán (e estará uns días) puidose visitar unha exposición con texto e debuxo sobre os dereitos humanos. Este material é de Amnistía Internacional. Nós pasámolo ao galego e elaboramos un cuestionario de traballo para o profesorado que queira visitar e traballar a exposición co seu alumnado (algúns xa o fixeron hoxe). Acompañamos todo isto cunha exposición de libros no vestíbulo.

O acto central foi a visita do escritor de máis éxito no noso instituto, Francisco Castro, que veu falarlles aos de 2º ESO sobre o seu libro "Un bosque cheo de faias", que previamente traballaron nas clases de galego e que é moi acaido para falar de dereitos humanos: falouse sobre todo da discriminación racial e da discriminación por razón de sexo ou relixión. A pesar de que se explicou o significado do título do libro (polo campo de concentración de Buchenwald), houbo algunha intervención interesante do alumnado á hora facer as súas propias interpretacións(considerando as faias como unha árbore autóctona e o bosque como unha cidade).

Dámoslle dende aquí de novo as grazas a Francisco, que fixo un esforzo por estar connosco e saír pitando para intervir no Foro Compostela.




25.11.10

Contra a violencia de xénero

Hoxe, 25 de novembro, como xa é tradición, realizamos diversas actividades para concienciar ao alumnado contra esta lacra social. Fixemos unha sesión de vídeos contra a violencia para o alumnado de 1º bach. con música, curtas e recomendacións de libros. Tamén realizamos un cartel cos libros que temos na biblioteca sobre o tema e fixemos unha exposición de libros no vestíbulo.

Por outra banda, onte o un grupo de 1º bach. D recibiu o 1º premio no I certame de microvídeos NON O IGNORES, NON O XUSTIFIQUES, NON O ESCONDAS. Pódedes ver o vídeo neste enlace ao blog de tecnoloxía.






19.11.10

Con Mario Pereira na biblioteca

Hoxe estivo co alumnado de 1º ESO Mario Pereira, para falarnos do libro Contos para Manuela, que tiñan ben preparado nas clases de galego. O amigo Mario axiña conectou con eles e falounos de como algúns acontecementos que lle ocorreron a el deron pé a creación dun conto. Explicounos algunhas experiencias vitais que aparecen reflectidas neles. Pero cecais foi máis interesante o amplísimo turno de preguntas, no que houbo unha gran participación. Algúns tamén trouxeron escritos finais alternativos para os contos e léronos en público, cousa que ao autor lle agradou moito e correspondeu lendo o principio dun conto inédito, facendolle as ganas ao ouditorio, que espera a saída á luz da versión completa. Despois dunha agradabilísima hora e media houbo que parar para que Mario puidese asinar a chea de exemplares que traían. Agradecemos a este amigo lector-autor a súa presenza, agardando que remate ese conto que seguro leremos con atención.

5.10.10

Concurso de reportaxes

Iniciamos as actividades da biblioteca coa posta en marcha dun concurso de reportaxes periodísticas sobre a nosa cidade, destinado a 4º e bacharelato. Este trimestre propoñemos dous temas, para escoller un: o feísmo urbanístico e a humanización da cidade. Animadevos a participar. Podedes consultar no enlace para ver o CARTEL COAS BASES DO CONCURSO

24.6.10

Representación de "O achado do Castro"

Por segundo ano consecutivo, os mozos e mozas do club de lectura representaron esta obra de Manuel Núñez Singala. Fixeron tres representacións para que puidesen vela todos os grupos de ESO. Tivemos a participación dos ex alumnos David e Pablo, que seguiron vindo ás sesións do club e ademais o último fixo de director na maioría dos ensaios.Agradecemos tamén a colaboración do responsable da iluminación e o son. A nós pareceunos magnífica a representación e desde aquí queremos agradecer a todos eles o bo fin de curso que nos deron: grazas Pablo (Caleno), David e Marta (soldados), Yago (Emperador), Mónica (escrava), Lucía e Denise(presentadoras), Nico (Catulo), Inés (Arpexia), Paloma (Carmiñae), Darío (Manolitus) e Germán (sabio Citrón). Que pasedes un bo verán.


10.6.10

4º B gañan un premio de vídeo.

O alumnado de 4º ESO B gañou o concurso "A ciencia na miña vida" organizado polos museos científicos coruñeses a nivel estatal, coa realización dun vídeo no que se propón cales poden ser os avances importantes no terreo tecnocientífico. O vídeo pode verse no blog do departamento de tecnoloxía do IES . Agora presentarán o vídeo a nivel europeo o 24 de xuño en Bruselas, a onde acudirán dous alumnos, en representación da clase, acompañados polo seu profe de tecnoloxía, Dani.

3.6.10

Expo Grecia e Olimpíada do saber

O tema do proxecto interdisciplinar deste curso foi GRECIA, traballado desde cinco materias distintas: ciencias sociais, inglés, matemáticas, lingua e literatura. os de sociais tocaron as fases da historia de Grecia, centrándose na arte, historia e sociedade de Atenas e Esparta; os de inglés centráronse no museo británico e a arte grega que hai nel e as súas vicisitudes; os de lingua traballaron buscando información sobre as mulleres gregas, seleccionando as que destacaron e convertendo esa información en poemas acrósticos, investigaron sobre algúns mitos e autores e buscaron e interpretaron expresións procedentes da mitoloxía; os de matemáticas investigaron sobre os matemáticos gregos e os seus principais descubrimentos e teorías. Nas últimas semanas moitos materiais producidos foron subindo ao blog do proxecto, http://pinalex.blogspot.com/ Cos demais materiais fixemos unha exposición. Aos profes Miguel, Eva, Eugenia, Nones, Jesús e Sandra grazas por ese esforciño extra. Ao alumnado parabéns.
Con motivo da exposición, puxemos en marcha a nosa IV Olimpíada do saber, cunha innovación: realizouse a través dun curso moodle. A participación foi elevada e temos unha morea de estudantes de 1º e 2º que xa saben manexarse nas aulas virtuais. Esperamos que esta experiencia dea os seus froitos nun futuro próximo e anime á utilización das novas tecnoloxías como recurso pedagóxico.
Deixamos unha cuantas fotos (+ - 50) da expo.



25.5.10

Viaxe ao Courel lembrando a Novoneyra

Onte, luns 24, realizamos cos mozos e mozas do club de lectura un roteiro literario polo Courel. Fomos visitando diversos lugares desta serra de outos cumios. Empezamos facendo unha parada para ver o pregamento xeolóxico de Campodola e Leixazós, despois continuamos ata a casa do poeta, en Parada, subimos ata o monte Formigueiros para divisar a devesa de Rogueira e o castelo de Carbedo. Despois de visitar a ferrería de Savane e de dar conta dun churrasco en Ferreirós de Abaixo, subimos ata o castro da Torre ou de Sobredo, vixía das explotacións mineiras. Tamén quixemos coñecer a realidade das aldeas courelás, visitando unha das que mellor conservan o modus vivendi do Courel, a aldea de Secedo. Rematamos cunha visita ao conxunto monumental de Hospital do Incio. Repartímoslles a todos/as unha guía da viaxe, para a cal contamos coa colaboración inestimable de Arximiro, que fixo de cicerone e nos explicou todo o que se pode saber sobre o Courel en tan pouco tempo. Moitísimas grazas.

Como é tradición nestes roteiros que realizamos cada curso, os rapaces/as do club, e tamén os profes, lemos poemas nestes lugares onde imos parando. Pero deixemos que apareza a crónica no blog do club, xa que este ano Yago pedíunos ser o cronista oficial da viaxe, para o cal andivo todo o día cunha libreta tomando notas. Díxonos que nunha semana terá a crónica feita. De momento deixamos unhas poucas fotos.

.

22.5.10

As Letras Galegas na biblioteca

Cunha semana de retraso colgamos as fotos da actividade desenvolvida na biblioteca o día 14 de maio. Estamos á espera de ter confeccionado o vídeo da actuación musical, que colgaremos noutra ocasión.

Para celebrar o Día das letra Galegas, fixemos na biblioteca dúas horas de lecturas continuadas e voluntarias. Profesores e alumnado de distintos cursos foron pasando pola biblioteca a ler os textos que tiñan seleccionados, maioritariamente de Uxío Novoneyra, pero tamén de Rosalía, Celso Emilio, Suso de Toro e outros autores. Tamén houbo quen leu textos de creación propia.
Intercalados coas lecturas proxectáronse vídeos con textos de Novoneyra, Airas Nunez, Bernal de Bonaval, Rosalía e Bernardino Graña, interpretados por Emilio Cao, Miro Casabella, Amancio Prada e Suso Vaamonde.
Tamén tivemos expostos libros de Uxío Novoneyra, incluíndo primeiras edicións de Os eidos, os poemas caligráficos e Elegías del Caurel y otros poemas.
Rematamos a festa, como tódolos anos, cunha actuacuión musical de alumnas e alumnos do instituto, que nos deleitaron con música galega, canto, pandeiretas e baile. Grazas, mozos e mozas, polo voso compromiso e participación a prol da lingua e cultura galegas. Xa podedes ver as fotos e o vídeo, non vos perdades ás cantaruxas.
E o Luns 24 iremos co club de lectura ao Courel, nunha ruta lieraria da que daremos conta.


18.5.10

As matemáticas tamén se len

As matemáticas tamén se len, e os alumnos e as alumnas de 1º de ESO quixérono comprobar e logo contárnolo. Empezaron, como non, lendo. De xeito voluntario, quen quixo escolleu na biblioteca un libro no que as matemáticas estivesen ben presentes: “El diablo de los números”, “Malditas matemáticas”, “El país de las mates para novatos”... A maioría destes libros foran recomendados na clase, pero hai que dicir que non todos: algúns alumnos fixéronse con novos títulos. Despois, compartiron o seu descobremento, para o que confeccionaron os murais expostos no vestíbulo do instituto. Por cada libro lido, unha crítica, ou unha ilustración, un problemiña ou unha brincadeira. Cada un o que quixo. E por suposto coidando o deseño: como podedes ver, o resultado é precioso, védeo con detenimento.

Parabéns rapazas e rapaces porque o voso traballo gustou. Recordade que vos esperan moitos máis libros na biblioteca, moitos deles coas matemáticas como protagonistas ou compañeiras no relato: “Proxecto Bolboreta”, “O curioso incidente do can a medianoite”, “Matemáticas en las matemáticas”...

Só un detalle: algúns preguntámonos por que un dos títulos máis escollidos foi “El asesinato del profesor de matemáticas”.


17.5.10

ALFIN coa prensa en 4º

Dentro do plan de lectura anual, o departamento de galego continuou coa actividade de elaboración de xornais, esta vez co alumnado de 4º. Por unha banda, dirixidos por Carmen, elaboraron xornais nos que tiveron que buscar noticias, resumilas, reelaboralas e pasalas a galego para despois facer un traballo de maquetación onde se prestou especial atención á presentación, xogando cos espazos e a tipografía. Por outra banda, Antón dirixíu ao grupo que participa en "El país de los estudiantes" na elaboración dun xornal con noticias orixinais. Dende a biblioteca sentímonos orgullosos da continuidade destes proxectos ano tras ano e alegrámonos tamén de ser o espazo de traballo onde se desenvolven. Especialmente contentos de atoparnos cunha páxina A3 adicada á biblioteca que inclúe unha entrevista a Rosa Aneiros cando nos visitou e un artigo adicado ao club de lectura e outras actividades da biblioteca . Agora deixamos unhas fotos da exposición destes xornais que se fai no vestíbulo do insti e tamén as dun grupo traballando na biblio planificando a maquetación . En breve colgaremos eses traballos en formato PDF.



Óscar gañador da XII olimpíada matemática para 2º de ESO

O noso alumno Óscar Iglesias González (2º ESO B) foi un dos tres gañadores da XII olimpíada matemática para 2º de ESO, celebrada o 14 de Maio de 2010 en Vigo.
Agora os tres gañadores participarán na fase final da olimpíada matemática estatal que se celebrará do 24 ao 28 de Xuño de 2010 en Palma (Mallorca).
PARABÉNS PARA ÓSCAR (no centro na foto) E PARA OS OUTROS DOUS GAÑADORES

7.5.10

1º ESO con Breogán Riveiro

Onte tivemos unha amena sesión con Breogán Riveiro na biblioteca. Veu conversar co alumnado de 1º sobre o libro Tonecho de Rebordechao. O autor botou man da súa experiencia no mundo audiovisual para enganchar á xente nova, contando dun xeito moi expresivo historias a partir das que podía nacer unha novela. Animounos a botar man desas historias que poden contar os pais ou os avós para sacar o escritor/a que cadaquén leva dentro. Sorprendeunos sendo el o que preguntou (case sempre o pregunta alguén desde o auditorio) se alguén lle podía dicir por que era escritor, facendo que saísen unhas cuantas respostas ata dar coa que el consideraba correcta: a necesidade humana de comunicarnos cos demais.
Tamén falou de Tonecho, pero isto foi sempre a partir das preguntas que lle ían facendo, e respostou con claridade a todas, e incluso algunha rapaza descubriu un pequeno "erro de raccord" no libro do que o autor saíu airoso (non imos desvelalo para que os futuros lectores/as anden atentos) Despois dunha hora que pasou voando, o autor asinou exemplares da obra. Temos que engadir que se notou a presenza de mozas e mozos do club de lectura de 1º, sobre todo nas intervencións e no pequeno debate sobre o lobishome, algo do que desde a biblioteca agradecemos porque vemos que esta xente do club non lle ten medo a conversar.
Grazas Breogán por estar con nós e por ese Tonecho de Rebordechao que tanto gustou.

4.5.10

Riveiro Coello na biblioteca

O mércores 28 estivo con nós Antón Riveiro Coello para falar co alumnado de 1º BACH da súa novela As rulas de Bakunin. Comezou contándonos a súa relación coa lectura dende a infancia e como a partir de aí comezou a súa carreira como escritor. A continuación, a través dunha presentación de diapositivas, fíxonos un percorrido polos lugares nos que transcorre a novela, da que dixo que non a consideraba a súa mellor obra, pero que lle ten un cariño especial porque é a que lle está a permitir ir aos centros educativos e falar dela co alumnado.
Explicou como escolleu o título: porque a palabra rula, ademais de ser un paxaro migratorio que simboliza a liberdade, tamén ten un valor afectivo, e a novela é unha historia de amor, aínda que co trasfondo dunha guerra civil chea de anécdotas, onde hai lugar incluso para personaxes escatolóxicos. Segundo o autor, estes personaxes xorden da dura realidade na que lles tocou vivir, e el mesmo ten certo temor a que a sociedade non os acepte.
Ante a dúbida suscitada entre o alumnado polo comportamento dalgúns personaxes, o autor concluíu que non podemos saber como actuariamos nós ante determinadas circunstancias históricas, pero si que temos que ter claro como nos gustaría ser.
Unha hora que nos soubo a ben pouco e esperamos contar con Antón para futuras ocasións, pois pareceunos interesante e amena a súa maneira de explicar a novela, ademais da boa conexión co alumnado.



1.5.10

Contacontos en inglés

O pasado luns 26 estiveron na biblioteca Tim Bowley e Charo Pita e compartiron co alumnado de 1º BACH unha divertidísima sesión vespertina de contos en inglés con tradución ao galego. Foron dúas sesións, xa que tamén asistiu o alumnado do bacharelato musical e de artes escénicas que, aínda que teñen a súa sede no conservatorio, dependen do noso centro e comparten profes con nós.
Foi unha tarde entretida e de oídos afinados, onde Tim e Charo fixeron participar ao auditorio que conectou con eses contos que prenden as súas raíces na tradición oral de diferentes culturas.


27.4.10

Exposicións: E ti, para que les? e Tamén len...

Desde a pasada semana temos polo centro as exposicións colectivas " E ti, para que les?" e "Tamén len". A primeira delas é unha recolleita de respostas que distintos persoeiros foron enviando ao blog da ONG IND. Tamén contamos coas respostas dos compañeiros e compañeiras das bibliotecas escolares galegas. Estás respostas están en carteis individuais deseñados por Jaime Eizaguirre. O alumnado estase encargando de pintar os monecos dos carteis e tamén eles aportan as súas respostas á exposición. A exposición Tamén len, mesturada coa outra, é un traballo colaborativo ao que as bibliotecas escolares fomos aportando fotos de persoeiros lendo e recomendando un libro. Sumámoslle aportación propias e achegas doutros centros. Agradecemos a todas as persoas que colaboraron na recollida de datos, maquetación e reenvío de todo este traballo.


24.4.10

Día do libro con Miguel Vázquez Freire

Celebramos o Día do Libro con outra visita dun escritor. Desta vez, Miguel Vázquez Freire, o venres 23 de abril.
O autor, que fora profesor de Filosofía no noso instituto alá pola década dos noventa, achegouse agora para compartir cos rapaces e rapazas de 4º da ESO e do club de lectura as inquedanzas que a eles lles puidera suscitar a obra Anxos en tempos de chuvia, onde se plantean temas como a aceptación da morte de alguén querido, as ideas preconcibidas que poidamos ter acerca de algo ou de alguén, a relixión, a filosofía…
O autor planteou a visita como un achegamento ao alumnado. E entón, xa desde o comezo, Vázquez Freire optou por animalos a que lle preguntasen as súas dúbidas, as súas curiosidades,… E os rapaces e rapazas así o fixeron. E preguntaron polos lugares nos que se ambientara (lembremos que a obra está ubicada en Vigo e, en gran parte, no barrio de Coia, o noso), se os personaxes eran reais, o porqué do narrador en segunda persoa, se había diferenzas entre a xuventude actual e a da novela, pola súa decisión de ser escritor…
A verdade é que foi un rato ben interesante. E que nos anima a seguir achegando aos autores e a súa obra cos rapaces porque, adentrándonos nas entrañas da obra literaria, agardamos atrapar os lectores no gusto pola literatura
Mil grazas a que colabora con nós.

22.4.10

As razóns de Francisco Castro

Escribir para soñar. Soñar con cambiar o mundo. Estas son, en palabras do autor, que nos visita por segunda vez este curso, os auténticos motivos que o moven a escribir e ben podería ser o título xénerico das dúas sesións que compartimos onte con Francisco Castro. Na primeira delas falou cos rapaces e rapazas do club de lectura de 1º ESO e cun grupo de 2º ESO sobre os libros Chamádeme Simbad e Un bosque cheo de faias. Falou da literatura como reflexo da realidade que vive e dun mesmo, que ten a posibilidade de loitar contra as inxustizas, neste caso abordando problemas que nos tocan de cheo, ben sexa a violencia neonazi ou os problemas cotiás que xurden cando nos facemos maiores. As rapazas e rapaces do club de lectura mostráronse moi activos no turno de preguntas, cousa que o autor agradeceu, e ao final asinou exemplares de Chamádeme Simbad. Preguntado sobre a escolla do nome de Simbad para o protagonista, Castro respostou que Simbad representa a aventura, e que todos os seus libros están protagonizados por Simbad, aínda que esta foi a primeira vez que lle puxo ese nome
Na segunda sesión, Francisco Castro falou cos rapaces e rapazas de bacharelato, que asistiran tamén á sesión anterior, do oficio de escritor.
Lembrou que o o ser humano precisa cuestionarse cousas, que a literatura, como a filosofía ou como a antropoloxía, desde ópticas diferentes, tamén se plantean. Pero a literatura, a diferenza delas, crea mundos novos, e entón o escritor convértese, ao xeito huidobriano, nun pequeno deus: é o creador total porque agora o mundo se transforma no que el quere que sexa.
Para el, a literatura vén satisfacer necesidades do ser humano como sentir emocións (pracer, terror, amor…), comunicar, vivir vidas diferentes, entender o mundo, atopar respostas… Porque a literatura, se presenta unha historia ben contada, fascina. A beleza que pode transmitir un verso, a condensación expresiva dun poema, os mundos que se esconden nunha narración son sensacións que producen pracer e que nos fan soñar. Porque, como dicía Cunqueiro, “o ser humano precisa, como beber auga, beber soños”.


20.4.10

Exposición Urbi et Orbi. Desde o galego para o mundo

Despois da primeira actividade do mes de abril, unha sesión dos clubs de lectura o pasado día 12, continuamos as actividades do mes dos libros cunha exposición na biblioteca de literatura galega traducida a outras linguas. A exposición foi elaborada e cedida polos compañeiros do IES María Soliño (Xosé Martínez, Ramón Rocamonde, Henrique Harguindey e Salvador Castro) aos que lles agradecemos o enorme traballo realizado e que consta de 6 grandes paneis informativos (sobre a historia da tradución, os autores máis traducidos, fragmentos de obras coa súa tradución, etc.), 56 obras de autores galegos en diversos idiomas (incluíndo turco, macedonio, árabe e xaponés) e máis de trinta carteis con portadas doutras obras galegas traducidas. A exposición xa está sendo un éxito, e en só dous días xa recibiu numerosas visitas. Algúns profesores xa están organizando visitas co alumnado para buscar información sobre as obras.
Seguiremos informando do desenvolvemento das actividades previstas. Podedes consultar o programa neste enlace á nosa web



8.3.10

Bata por fóra, muller por dentro

Para celebrar o día Internacional da Muller Traballadora , este ano contamos cun vídeo dunha creadora viguesa, Claudia Brenlla, que se titula “Bata por fóra, muller por dentro”. A nosa compañeira Chis tróuxoo ao centro e propuxo actividades para traballalo na aula, así como as ideas para a performance de hoxe. O vídeo é moi interesante, creativo e divertido . É en realidade unha homenaxe ás mulleres que traballan as súas casas, coidan dos pequenos e maiores, cultivan as leiras, mariscan, limpan as tumbas dos seus difuntos, etc, ataviadas moi a miúdo con esas batas. Batas con ou sen mangas, con botóns ou cinto, abotoadas diante ou detrás, case sempre de cadros, pero tamén de raias, flores ou lunares. Batas coas que protexen a súa roupa ou coas que se gardan do frío. Batas que din: "vou traballar" (e que se poñen a primeira hora da mañá e se quitan ben entrada a noite). E por suposto, batas coas que realizan un traballo que non coñece o que son as vacacións, xubilacións, pagas, pensións, nin ningún tipo recompensa e, sobre todo, admiración.
Alumn@s de diferentes cursos estiveron traballando sobre este vídeo: analizárono e escribiron poemas, microrrelatos e outros textos (que estaán expostos nos taboleiros da planta baixa do instituto). Ademais temos a "exposición" das batas no vestíbulo, que o enche de cor todos estes días e nos recorda moitas cousas, ademais das nosas antepasadas ("a miña avoa ten unha desas", comentoume un alumno estes días, "miña nai un feixe delas", dixo outra rapaza). Moita bata.
A celebración de hoxe luns no insti: virá a directora do vídeo a falar cos alumn@s de varios cursos que o traballaron. E a última hora, no patio, realizarase unha performance ( asistirán @s alumn@s de 2º e 4º de ESO, varios cursos de 1º e un de 2º de Bach, un 3º e un 1º de ESO) que consistirá no seguinte: primeiro faremos unha pequena introdución e leremos algúns dos textos escritos polos rapaces e rapazas, e logo os alumn@s dos diferentes cursos irán colocando as batas coas que previamente se fixeron sobre a silueta dunha bata xigante debuxada con xiz no chan. Desta maneira montarase unha bata pachtword xigante. @s alumn@s de tecnoloxía gravarán todo esto e montarán un vídeo.
Quince profesores/as de varios departamentos e uns trescentos alumnos/as veñen traballando na aula dende fai días, baixo a coordinación de Chis. Un proxecto interdisciplinar que no que teñen cabida as TIC, as matemáticas, as linguas, a filosofía, historia, cidadanía, música (tamén participa o alumnado do conservatorio). Un proxecto que foi agrandándose pouco a pouco ata o punto de que onte saímos en TVE (España directo), a coordinadora foi entrevistada na Cadena SER e hoxe, Luns, non deixaron de vir cámaras de distintas televisións e saímos na prensa.
Teremos que esperar uns días para poñer un post con todos os traballos feitos polo alumnado, as fotos de todos os eventos e os vídeos realizados nas clases.
De momento deixamos aquí o enlace á noticia do Faro de Vigo e o vídeo de TVE (debedes ir ata o minuto 21,10 aprox.)
Infórmannos tamén dende La educación sentimental que aparece a noticia en La voz de galicia.

2.3.10

É que as mulleres non "pintan" nada?

Facemos hoxe esta proposta de traballo para a materia de Plástica, para o segundo ciclo da ESO. Trátase dunha Webquest sobre as mulleres pintoras. O traballo foi elaborado por Bea, seguindo na liña da exposición sobre mulleres pintoras que fixemos no curso pasado. Podedes consultar a webquest neste enlace ou ben indo ao apartado WEBQUEST da barra lateral.

1.3.10

Francisco Castro: un escritor con alma de rockeiro.

Francisco Castro visitou a biblioteca do noso centro o pasado 24 de febreiro nunha xuntanza co alumnado de 2º e 3º de ESO sobre o seu libro Un bosque cheo de faias. Diante duns 90 estudantes e algúns profesores o autor falou arredor de dúas horas e comezou facendo un pequeno repaso á súa obra editada, que se iniciou aló polo ano 1991. Daquela tiña a ilusión de ser um rockeiro de guedellas longas e cancións de éxito, mais non puido ser e decidiu desenvolver o seu talento no eido da literatura.
Dedicou tamén unhas palabras ao traballo de escribir e afirmou que precisa dunha disciplina férrea e uns hábitos constantes. Asegurou que el, todos os días, se ergue da cama ás 5 da mañá, cando todo está silandeiro, para poder concentrarse e escribir en mellores condicións.
Un bosque cheo de faias trata o tema da xenofobia e o racismo. Un grupo neonazi está a facer das súas na cidade: pintadas, agresións ao diferente… Un día volven a súa ira contra Nelson, un inmigrante de 15 anos, e seu pai, médico do hospital. Os amigos de Nelson comezan unha serie de pescudas para descubrir os responsábeis que os levará a unha situación límite. A amizade, a intriga, as desconfianzas e malentendidos entre os rapaces, a falta de comunicación entre pais e fillos conforman outros aspectos salientábeis da obra.
O autor, nun ton distendido e ameno, desenvolveu diferentes cuestións relacionadas co tema. Chamou a atención sobre o perigo de elixir democraticamente a persoa equivocada, como aconteceu na Alemaña dos anos 30, cando Adolf Hitler gañou as eleccións. As sociedades democraticas deben estar ben informadas para decidir. Tamén afirmou que o que entendemos por racismo só se dá cando os diferentes son pobres. Ninguén é racista cun xogador negro da NBA, por exemplo.
Tamén comentou os Xogos Olímpicos de Berlín, en 1936, con Hitler como anfitrión. Nestes xogos todo estaba disposto para demostrar a superioridade da raza aria (como dicían os nazis). Pero un home negro de EE.UU. chamado Jesse Owens, que se preparaba correndo todos os días de casa ao traballo (nunha gasolineira) e do traballo a casa, gañou en todas as probas nas que participou. Hitler non quixo felicitalo por este éxito. Por moito que algúns se esforcen en buscar diferenzas, os humanos somos todos xeneticamente idénticos.
Explicou ao alumnado que as discriminacións poden tomar diferentes fasquías. Relacionou o tema co asunto da situación actual do galego, pois aínda hai persoas que ven sorprendente que os rapaces pequenos se expresen na nosa lingua. Cun ton irónico e divertido ridiculizou con éxito a situación: “Ai, fálaslle galego ao rapaz! E entende? Non, señora. Mándoo polas noites a unha academia”.
O alumnado participou activamente na quenda de preguntas. O autor tivo que responder durante unha hora unha chea cuestións, o que demostra o interese que espertou a novela entre os estudantes.
Rematou a sesión cun gran aplauso e unha multitudinaria sinatura de exemplares.
Francisco voltará en abril, para falar cos rapaces e rapazas do club de lectura do seu libro Chamádeme Simbad
Crónica de Fonso

11.2.10

Proxecto lector e inglés

Desde finais do pasado trimestre, os grupos de 4º veñen traballando a lectura de noticias de actualidade en inglés. Cada día un ten que ler nun xornal en inglés e traer ao día seguinte a noticia resumida. Cada grupo ten unha libreta na que van escribindo a súa noticia, co obxectivo de comentalas despois nas clases. Deixamos unha presentación (perdón pola calidade, mellor vela en fullscreen) dalgunhas páxinas das libretas de clase tal e como as presentan.


8.2.10

Unha lingua, unha identidade

O pasado 1 de febreiro, asistiron ao noso centro, coa intermediación da ONG "Educación sen Fronteiras, dous profes peruanos que deron unha charla sobre a situación dalgunhas linguas minoritarias no mundo, centrándose fundamentalmente na lingua quechua.

Dixéronnos que o conxunto dialectal quechua está considerado unha soa lingua e que esta estendido por toda a zona occidental de suramérica. Ao parecer, o quechua estase a usar somentes nos ámbitos coloquiais pola poboación, mentras que o castelán se emprega nos sectores de máis prestixio social: medicina, educación, e incluso no sector agrario.

A ONG "Educación sen Fronteiras" pretende evitar que o quechua quede relegado, para o que iniciou un proceso de recuperación da lingua propia, que consta de tres fases. O proceso iniciouse en 2008 e prevese que estea rematado en 2021. Iniciada a fase de motivación, continuarán coa de implementación para lograr que a lingua sexa de uso oral e escrito para, posteriormente, acadar a normalización.

Actualmente, a ONG mostra a súa preocupación especial pola situación lingüística no plano educativo, pois aseguran que co actual sistema (onde o idioma propio está relegado ao ámbito familiar) os nenos non aprenden de forma correcta ningunha das dúas linguas.

Crónica de Judith Iglesias

7.2.10

55 mentiras sobre a lingua galega

O pasado venres presentouse a nivel mundial o libro "55 mentiras sobre a lingua galega". Deixamos aquí unha presentación, amablemente cedida por A profa, que resume as ideas principais dun libro que realmente non ten desperdicio.

4.2.10

Cartas e sonetos de amor

Xa podedes participar nesta 5ª edición do noso certame de cartas de amor, esta vez con novidades, unha categoría de sonetos que traerá a ledicia aos/ás que tedes unha vea máis poética. Podedes, polo tanto, escribir unha carta ou un soneto de amor. O prazo para entregalo na biblioteca é o 22 de febreiro.

30.1.10

Día da Paz no insti

Como tódolos anos, onte celebramos o Día da Paz. Cos grupos de primeiro ESO centrámonos na concienciación sobre os diversas implicacións da palabra: as desigualdades, a pobreza, a tolerancia, a emigración, a supervivencia en condicións extremas (Haití)... Para iso proxectamos unha recopilación de vídeos de produción propia xunto coa curta de Pixar "Pigeon Impossible", que utilizamos para romper o xeo e facer pensar sobre as diversas caras da Paz (esa pomba/bomba) Consideramos os vídeos como unha ferramenta na que tratamos de asociar as letras coas imaxes que fan comprender o sentido dos textos, e non só utilizamos cancións, senón tamén poemas. Sorprende (ou xa non) o feito de que TODOS os vídeos foron moi aplaudidos, tanto as cancións como os poemas, igualmente en castelán que en galego, inglés e catalán.

Por outra banda, colocamos a exposición de murais que participan no concurso convocado por nós. A maioria deles foron traballados nas aulas durante estas últimas semanas, polo que agradecemos a colaboración do profesorado que orientou as distintas buscas de información. Tamén demos cabida a outros murais e carteis feitos para participar no concurso.
Por último, celebramos na biblioteca un concurso de redacción, voluntario, no que xa non tivemos tanta participación, pero que agardamos sexa xérmolo de futuras convocatorias que acadarán éxito coa axuda e promoción do profesorado

29.1.10

Visitounos Rosa Aneiros

Visitounos o mércores 27 Rosa Aneiros, e foron os alumnos e alumnas de 4º de ESO e do club de lectura os que puideron asistir a unha charla fresca, distendida e amena que nos deu a xornalista.

Lembroulles aos rapaces que o oficio de escritora nace do traballo (como case todo, por outra parte), sumado a unhas doses de aptitudes, claro está. E que unha obra nace en moitos casos froito da casualidade: unha noticia de prensa, unha foto, un encontro casual, unha viaxe (coma a súa á Marinha Grande e da que saíu Resistencia, a obra que leron os nosos alumnos). Desta viaxe, contounos a autora, saíu curiosamente a idea da obra: Unha visita ao cárcere de Peniche (hoxe convertido en museo) e o encontro co horror, o de Dinís Miranda, un preso da época da ditadura salazarista, que non pode enviar uns contos ás súas fillas porque a policía pensa que poden esconder mensaxes secretas.

Comparou a creación dunha novela cunha árbore porque esta acolle moitas ponlas, que se abren en moitas direccións, que recollen moitas historias. E que estas historias deixan de ser súas para pasar a ser dos lectores. Lembraba a narradora a historia dunha rapaza que lle dicía que odiaba un personaxe dunha novela súa porque levaba o nome da moza que lle roubara o noivo... Logo, a obra xa collera vida propia, xa era máis que o que a novelista imaxinara.

Tamén comparou o seu labor de xornalista co de narradora e concluíu que era máis “informativo” este último, malia parecer unha contradicción. E lembrounos unha viaxe como xornalista ao Sáhara e que, como reporteira, “só” contaba o que vía a ollada da xornalista; pero que desa viaxe saíron historias literarias e entón contaba, a través da ollada dun saharaui, máis sentimentos, máis emocións, máis vivencias… que as da mirada obxectiva do forasteiro. E que iso é o que lle dá un especial valor á obra literaria: a transmisión dos sentimentos máis íntimos do ser humano.


E seguiu falando e falando, ata completar, coas preguntas dos rapaces, case dúas horas, que pasaron rápidas. Porque dixo cousas interesantes. Pero tamén porque foi próxima, cordial, afable, sinxela… e os rapaces e rapazas agradecéronllo. E nós tamén.


Como facemos sempre que nos visita un autor/a, preparamos unha guía que repartimos entre o alumnado




28.1.10

Cumprimos 3 anos

O 30 de xaneiro de 2007 botou a andar este blog que naceu coa vocación de servizo á comunidade educativa e de difusión da nosa cultura. Ao longo destes tres anos vimos cumprindo, con maior ou menor acerto, unha dobre función: por unha banda, dar a coñecer as nosas actividades, ofrecendo a posibilidade de interactuar con nós a través dos comentarios, e, por outra, poñer a disposición de todos vós unha serie de recursos educativos a través da nosa barra lateral.
Longa está a ser esta andaina dun blog que naceu pequeniño e que medra cada día grazas a vós. Pouco a pouco fómolo enchendo e perfeccionando, incluso unha vez chegamos a ser finalistas do Premio Edublogs.
Aproveitamos para lembrar tamén os blogs que naceron deste: o blog do club de lectura e o do proxecto interdisciplinar, así como os blos dos profesores e profesoras aos que lles picou o gusaniño blogueiro e lles axudamos a crear os seus propios blogs. Agradecidísimos estamos por poder ser útiles. Agradecemos tamén aos blogs das bibliotecas escolares galegas as súas aportacións, a súa paciencia cando tivemos problemas e aí estiveron para botar unha man, e, sobre todo, os seus amigables comentarios.
Lembramos agora, a través deste enlace, a primeira noticia, a do alumbramento, que promocionaba "o libro do mes", unha actividade que segue viva no noso centro, que contribuíu á difusión de moitas lecturas e ao incremento do número de lectores, que foi o primeiro paso para a creación dos clubs de lectura, a implantación da "Hora de Ler" e ao mesmo tempo foi unha actividade pola que se interesaron moitos outros centros.

18.1.10

Concurso matemático. Semana I

Pica nos enlaces para ler as preguntas desta semana:

Problema para o 1º ciclo da ESO

Problema para o 2º ciclo da ESO

Problema para bacharelato

Actividades para xaneiro

Durante este mes temos en marcha diversas actividades ALFIN: o próximo luns comezará un concurso de resolución de problemas matemáticos. Este concurso é a conclusión da actividade do plan lector que estamos levando a cabo neste curso, que consiste en facer un maior fincapé na lectura comprensiva de enunciados de problemas matemáticos. Terá catro semanas de duración. O luns 18 publicaremos o primeiro problema neste blog e tamén na web do insti

Outras actividades en curso gardan relación coas celebracións do Día da Paz, para o cal propuxemos un concurso de murais e un de redacción. Para o concurso de murais algúns titores e profes están a desenvolver esa tarefa nas aulas, dirixindo os murais do alumnado participante. O concurso de redacción farase o día 29 na biblioteca, e o profesorado colaborador adicará parte do tempo de clase a dar pautas para a elaboración dos textos.

Deixamos aquí os carteis das convocatorias.