18.5.10

As matemáticas tamén se len

As matemáticas tamén se len, e os alumnos e as alumnas de 1º de ESO quixérono comprobar e logo contárnolo. Empezaron, como non, lendo. De xeito voluntario, quen quixo escolleu na biblioteca un libro no que as matemáticas estivesen ben presentes: “El diablo de los números”, “Malditas matemáticas”, “El país de las mates para novatos”... A maioría destes libros foran recomendados na clase, pero hai que dicir que non todos: algúns alumnos fixéronse con novos títulos. Despois, compartiron o seu descobremento, para o que confeccionaron os murais expostos no vestíbulo do instituto. Por cada libro lido, unha crítica, ou unha ilustración, un problemiña ou unha brincadeira. Cada un o que quixo. E por suposto coidando o deseño: como podedes ver, o resultado é precioso, védeo con detenimento.

Parabéns rapazas e rapaces porque o voso traballo gustou. Recordade que vos esperan moitos máis libros na biblioteca, moitos deles coas matemáticas como protagonistas ou compañeiras no relato: “Proxecto Bolboreta”, “O curioso incidente do can a medianoite”, “Matemáticas en las matemáticas”...

Só un detalle: algúns preguntámonos por que un dos títulos máis escollidos foi “El asesinato del profesor de matemáticas”.


2 comentarios:

Ronsel dixo...

O de asasinar ao profe encántalle... xa sabes que tamén se pode asasinar ao de lingua ¡española! Ese mólame a min! (é broma!!!)
Parabéns, coma sempre.
Apertas

luca dixo...

O do asasinato do profe de matemáticas supoño que para algúns alumn@s sería aplicable ao resto, pero mellor pensar que só para uns pouc@s.Bromas a parte, paréceme un traballo a "mar" de bonito.
Luz Cao