4.11.13

Posta en marcha

Levamos xa algo máis dun mes de actividade intensa na biblioteca. O primordial neste mes das bibliotecas foi poñer todo ao día. No que se refire á organización, xa todo o alumnado do instituto dispón do seu carnet de biblioteca: fixéronse máis de douscentos para o alumnado novo e máis de cen para o alumnado de segundo de ESO ao que non se lle puido facer carnet no curso pasado. Temos catalogado una cantidade importante de novidades bibliográficas e de DVDs que xa están a disposición dos usuarios. Realizáronse tamén sesións de formación de usuarios para o alumnado novo.  No tocante ás actividades, xa levamos un mes coa  Hora de Ler . Os clubs de lectura están a pleno rendemento, cunha sesión dos veteranos celebrada xa (con Eskoria, de Alfredo Gómez Cerdá) e continúan coa lectura de Palabras de auga, de Marcos Calveiro.
Neste mes terán lugar as dúas actividades proxectadas para o club de 1º de ESO ao redor de Matilda, de Roald dahl. Temos concertada a visita para o próximo trimestre de Nuría Pradas, que conversará cos de 1º de ESO sobre o libro El misterio de la calle de las glicinas. E estamos xa embarcados en dous grandes proxectos: un, o Proxecto Interdisciplinar de centro, que este curso xirará en torno á gastronomía; e o outro, un Plan de Formación TIC do profesorado no propio centro, onde estamos a aprender cousas interesantísimas que facilitarán e mellorarán a calidade do noso traballo: paquetes ofimáticos de software libre,  ferramentas para o traballo on-line, aula virtual, drupal, tratamento de imaxes, etc.

Recibimos tamén con alegría, o vídeo que fixemos no curso pasado para a páxina web do ministerio: http://vimeo.com/71495316