28.11.16

Día Contra a Violencia de Xénero


O venres 25 de novembro o noso instituto participou co alumnado de 4ºESO no ENLAZA VIGO, a iniciativa contra a violencia de xénero desenvolvida pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.



A Biblioteca, a partir desta iniciativa, realizou unha serie de propostas, para as que pedimos a colaboración do profesorado:


Coa intención de que o profesorado traballara o tema co seu alumnado, facilitou unha fotocopia con información e diferentes recursos sobre o tema “OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO”.



Nas novelas da biblioteca, en que está presente o “amor romántico” colocamos un díptico informativo sobre os 8 mitos propostos pola Concellería.

Entregamos unha pulseira violeta a cada membro da  comunidade educativa


Visibilizamos esta reflexión cunhas siluetas que prestou o concello e que expuxemos no vestíbulo do instituto.





18.11.16

Cando petan na porta pola noite


O pasado luns 14 de novembro tivemos a nosa primeira reunión do Club de lectura coas lectoras e lectores de 1º de ESO. O libro que escollemos foi Cando petan na porta pola noite, de Xavier P. Docampo, unha colección de catro narracións curtas de medo e que gañou hai uns anos o Premio Nacional de Literatura Infantil. Estes relatos arrepiantes gustáronnos moito a todos: cheas de crimes, aparecidos e misterio, son desas historias para contar de noite, entre amigos. Como di o seu autor, para contar ao carón do lume. Ao fío desas historias terroríficas, tamén xurdiu o relato de lendas urbanas como a da autoestopista da curva, que teñen moito que ver coas que lemos no libro de Docampo.
A reunión foi, como sempre, amena e divertida. Como as demais, tamén foi endulzada con algunha que outra larpeirada.

16.11.16

Lecturas en cadea


@s máis lectores da Bibliobóveda gustan de ler en cadea. Algúns libros saben a pouco e é necesario continuar.
Xogo de Tronos, Eidolon , Proxecto Amanda, Eleanor y Parks, Wonder, Os megatoxos, El club de las zapatillas rojas, e outros moitos títulos que enchen os nosos andeis.
Uns libros hai que lelos seguindo unha orde numérica, con outros non é necesario. A cuestión é poder seguir gozando cunhas lecturas que encadean.