24.4.10

Día do libro con Miguel Vázquez Freire

Celebramos o Día do Libro con outra visita dun escritor. Desta vez, Miguel Vázquez Freire, o venres 23 de abril.
O autor, que fora profesor de Filosofía no noso instituto alá pola década dos noventa, achegouse agora para compartir cos rapaces e rapazas de 4º da ESO e do club de lectura as inquedanzas que a eles lles puidera suscitar a obra Anxos en tempos de chuvia, onde se plantean temas como a aceptación da morte de alguén querido, as ideas preconcibidas que poidamos ter acerca de algo ou de alguén, a relixión, a filosofía…
O autor planteou a visita como un achegamento ao alumnado. E entón, xa desde o comezo, Vázquez Freire optou por animalos a que lle preguntasen as súas dúbidas, as súas curiosidades,… E os rapaces e rapazas así o fixeron. E preguntaron polos lugares nos que se ambientara (lembremos que a obra está ubicada en Vigo e, en gran parte, no barrio de Coia, o noso), se os personaxes eran reais, o porqué do narrador en segunda persoa, se había diferenzas entre a xuventude actual e a da novela, pola súa decisión de ser escritor…
A verdade é que foi un rato ben interesante. E que nos anima a seguir achegando aos autores e a súa obra cos rapaces porque, adentrándonos nas entrañas da obra literaria, agardamos atrapar os lectores no gusto pola literatura
Mil grazas a que colabora con nós.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Non me foi posible asistir á charla de Miguel porque tña clase, pero foi un pracer falar con el logo na sala de profes e ver que recorda con agarimo o seu paso polo insti.
Quería suxerir outro autor para traer en futuras ocasións, Francisco Fernández Naval (O bosque das antas, Suso Espada: O misterio do Grial).
Luz Valencia