20.4.09

Miguel Anxo Murado na biblioteca

Hoxe, comezando a celebración da semana do libro, tivemos unha xuntanza con Miguel Anxo Murado. Os segundos de bacharelato para conversar acerca do libro Ruído. Relatos de guerra, e os do club de lectura co libro Fin de século en Palestina. Para a ocasión repartimos unhas breves guías de lectura sobre o autor. Murado non decepcionou aos lectores/as. Falounos das súas experiencias en Croacia e Palestina, da vida cotiá entre os conflitos, da normalidade dos ruídos da guerra e fíxoo nun tono realista e desmitificador, comunicando moi ben a mensaxe de que nas guerras só hai cousas malas (en contra do dito de que as guerras sacan o mellor e o peor do ser humano) Tamén tivemos un intre para as opinións e preguntas sobre a vida dos reporteiros e o conflito palestino. Asinou libros ao alumnado e algúns deles, cando marchou o autor, comunicáronnos a súa satisfacción por este encontro. Por este curso pechamos o ciclo que iniciamos coas actividades do Día da Paz centradas no conflito palestino. Agradecemos a Miguel Anxo a súa disposición, amabilidade e o gran comunicador que é. Grazas tamén á Editorial Galaxia por colaborar neste encontro que comezou a fraguarse xa no curso pasado.


5 comentarios:

Maria Luz dixo...

Na clase de inglés comentamos a charla de Murado co grupo de 2º Bac C,. Para min resulta moi útil utilizar acontecementos reais para relaionalos logo co traballo de aula. Como tiñan que contarme algo ao que eu non poidera asistir (tiña clase), a "information gap" era real!
Luz Valencia

Bea dixo...

Resulta moi interesante escoitar a visión dun xornalista internacional que vive os conflitos desde tan perto. O alumnado tivo unha actitude excelente e fixo unhas preguntas moi adecuadas e intelixentes. Parabéns.

Antonio Martínez dixo...

Menos mal que xa pechade o ciclo. Cantos máis traballan algúns máis se nota o cansanzo noutro. Deixade de traballar que xa chegou o verán.

a Biblioteca dixo...

Tedes un agasallo na Ponte Vella. Saúdos.

Ronsel dixo...

Murado é moito, tal como dis. A súa experiencia vital mesturada con esa especie de timidez e ironía socarrona... non sei: hai poucos escritores que convenzan tanto, a verdade.