10.12.09

Alfonso Armada, periodismo e Dereitos Humanos

Hoxe, como estaba previsto, recibimos a visita de Alfonso Armada, periodista e director do Máster do xornal Abc, ademais de autor teatral e poeta en lingua galega e autor de ensaios en castelán. Recibímolo cunha pequena exposición da súa obra e co reparto das guías de lectura que fixemos para a ocasión.

A visita, como contamos no post anterior, serviu de complemento ao proxecto que puxemos en marcha desde a biblioteca para que nas aulas se traballase coas noticias de actualidade, ao tempo que, polo contido da charla, enlazamos directamente coa celebración do Día dos Dereitos Humanos. Neste proxecto de análise da actualidade hai máis grupos implicados (do que xa daremos conta), pero esta vez foi o turno de 2º bach..

Nunha exposición de máis dunha hora, Alfonso Armada fixo un percorrido pola súa traxectoria vital, desde os seus comezos no noso instituto ata a dirección do Máster, pero centrouse especialmente nos dous mundos cos que tivo máis contacto profesional: África, especialmente o conflicto de Ruanda, e EEUU., onde lle tocou vivir dende o atentado das torres xemelgas ata a carreira electoral de Obama. Soubemos de como traballa un reporteiro no medio dun conflicto, das condicións nas que hai que enviar unha crónica, dos temas que “interesan” aos xornais e dos que non, dos protagonistas no medio dos conflictos (o pobo, exércitos, forzas de interposición, periodistas, igrexa…)

Suscitou moitas preguntas entre o alumnado, nun turno de media hora que houbo que cortar por falta de tempo. Desa quenda de preguntas quedamos con algunhas respostas ás inquedanzas do noso alumnado:

- Que hai que repartirse as culpas do que pasa en África, porque asumir nós toda sería considerar á sociedade africana como inmadura, e por outra banda os seus gobernantes moitas veces actúan en connivencia con compañías europeas ou americanas para enriquecerse eles empobrecendo ao pobo.

- Que estar entre os desfavorecidos faite relativizar as cousas, repensar o que é importante e o que non.

-Que algúns países africanos acadaron certo nivel de democracia e baixa corrupción (Boshwana, Namibia, Cabo Verde…)

- Que cando falamos de EEUU. hai que ter en conta que os tópicos que manexamos non explican a realidade, fundamentalmente porque o país ten unha enorme capacidade de reinventarse a si mesmo (exemplo da chegada de Obama á Casa Branca)

E como estamos na escola, rematou falándonos da escola pública en EEUU., onde lle sorprendeu a gran cantidade de actividades que realizan arredor da lectura e a escritura, dado que os rapaces len uns 25 libros por curso, coa súa ficha para entregar, e fan talleres de escritura contando con expertos universitarios… e en todas as actividades hai unha ampla participación dos pais.

Unha xornada que nos dará moito que pensar para moito tempo, polo que agradecemos a Alfonso a súa boa disposición e ao alumnado, a súa atención e participación.

3 comentarios:

maybe dixo...

I'm appreciate your writing skill.Please keep on working hard.^^

Antonio Martínez dixo...

Ata parece que foi interesante... Parabéns por abrir "o cerebro" (ao mellor ao voso non é necesario pero si o é no norte) ao alumnado.

Cristina Novoa dixo...

E logo dicimos que o alumnado non se interesa por nada... a cousa é que haxa adultos que fagan propostas de interese... di a "crónica" que houbo moitas intervencións e que o tempo chegou a pouco... pois é unha proba de que as rapazas e os rapaces precisan de espazos de encontro coma estes, con xente que teña cousas interesantes, de verdade, para compartir con eles. Parabéns ao equipo de biblioteca, parabéns ao alumnado do centro. Un exemplo de acción educativa.