6.2.09

Agustín Fernández Paz na biblioteca

Onte visitounos Agustín Fernández Paz , o recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Á sesión asistiron dous grupos de 1º de bacharelato, que prepararan na clase Corredores de Sombra, e máis os membros do club de lectura, que trataran na súa última reunión O único que queda é o amor. Agustín sorprendeunos poñéndonos para empezar música de The Clash, tan presente en Corredores de Sombra. Agustín falounos fundamentalmente da xénese das súas obras, de como a partir dalgún feito concreto nace unha idea que vai madurando pouco a pouco. Así, contounos como naceu Aire Negro a partir dun testamento que caíu nas súas mans, Corredores de Sombra a partir dun "conto mínimo" que despois se convertíu nun relato (Meditación ante o álbum de fotos familiar) que aparece en O único que queda é o amor. Quedámonos tamén coa fermosa historia da creación do personaxe de Skywalker. Agustín cedeulle a palabra ao alumnado, e foi aquí onde o club de lectura se mostrou participativo, plantexando diversas cuestións sobre a O único que queda é o amor . Sentimos que o alumnado de bacharelato non se mostrase igual de participativo (un pequeniño tóque de atención e autocrítica). Para a biblioteca e o club de lectura foi un Día Grande, un dos autores máis lidos e admirados por mozos, mozas e profes conversou con nós, falounos da constancia na lectura e no traballo, regalounos o texto do conto mínimo do que falamos antes e pediunos a guía de lecturas que tiñamos preparada para esta ocasión. Por suposto tamén tivo unha paciencia infinita para plasmar unhas fermosas sinaturas nos libros dos nosos alumnos.


3 comentarios:

Loly dixo...

Imaxino perfectamente canto disfrutáchedes dese encontro. O curso pasado estivo connosco e os rapaces aínda lembran o seu famoso "chispazo". Agustín transmite dun xeito inigualable a súa paixón pola escritura e a lectura.

Antonio Martínez dixo...

Volos dous sempre dando caña. Amosando co voso traballo o pouco que nos dedicamos os demais a esta afección das Escolares. Xa está ben de traballar.

Anónimo dixo...

Fai un rato envidiaba a Antonio por ter a Gisbert na biblioteca mañá, e agora resulta que ti xa tiveche a Fdez. Paz, a verdade é que sodes moi afortunados, eu tiven o pracer de escoitalo e disfrutalo nos primeiros encontros do PLAMBE en Sanxenxo e foi inesquecible.
¡Que envexa sana me producides!